Carballo presenta o novo número da revista 'A píllara das dunas'
O alcalde de Carballo (Bergantiños), Evencio Ferreiro, acompañado polas concelleiras Ángeles Pacoret e Miguel Vales, presentou esta segunda feira o novo número da revista de pasatempos A píllara das dunas, que este verán volve estar dispoñíbel en varios puntos do litoral carballés.
A iniciativa forma parte das accións da Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística para fomentar a lectura, o xogo e a cultura en galego durante os meses de verán.
A píllara das dunas nace da colaboración entre o Concello de Carballo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e conta cos pasatempos creados por Xoán Costa, presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., a empresa editora de Nós Diario.
A revista está deseñada para o desfrute de toda a familia, cunha ampla variedade de actividades con diferentes graos de dificultade e pensadas para todas as idades.
Estará dispoñíbel de balde na Praia dos Libros de Razo, a xa consolidada 'bibliopraia' carballesa, que abre as súas portas hoxe por quinto ano consecutivo. Trátase dun espazo único que combina lectura e lecer na beira do mar, cun punto de información cultural atendido polo persoal das Bibliotecas Municipais. Alén diso, a revista tamén se poderá recoller nos postos de salvamento e socorrismo de Pedra do Sal e de Baldaio-Saíñas.
Neses mesmos puntos repartiranse tamén gardamanteis con pasatempos para o sector da hostalaría que se poden solicitar de forma gratuíta. O Concello destacou a importancia de seguir ofrecendo contidos culturais accesíbeis e atractivos para toda a poboación, mesmo nas zonas de veraneo.
A bibliopraia manterá o seu modelo habitual, con seccións de préstamo e de uso libre, mais este ano cambia o seu horario: abrirá de segundas a sextas feiras de 15 a 19 horas.
A proposta completa unha programación estival que inclúe accións de concienciación ambiental dentro do programa 'Eu quero Razo-Baldaio'. Precisamente,mañá haberá unha nova limpeza da marisma de Baldaio coordinada por Limpocean.