Certame literario "Un verán con Castelao"

"O caderno do exilio", por Antía Vidal Gómez

Teresa, Prudencia, Manuela e Adela en Mens. (Foto: Agrupación Folclórica Aturuxo / Museo do Pobo Galego)
IES Félix Muriel, de Rianxo.

A muiñeira de campás repenicaba en Compostela e rolaba por toda Galiza, de val en val e de coto en coto. Chegaba ata Malpica de Bergantiños o son da festa, da folía, da nosa lingua. Na carballeira de Mens, a xoia da Costa da Morte, baixo os castiñeiros do verán daqueles anos 75, as mulleres, labregas, vellas, vestidas de negro, do rural agochábanse baixo o latón das ferreñas. O pobo caía no afogamento dunha ditadura que parecía non ter fin. Ollaban cada día como a represión era cada vez máis forte. Franco morría, si, pero o seu poder persistía sobre os homes e mulleres galegos, coma unha sombra que non deixa ver a claridade.

Esa mesma noite, Prudencia de Beán, a máis vella das pandeireteiras de Mens, ceaba en silencio mentres a súa ventá decorábase co solpor que deixaba unha imaxe propia dunha das tantas postais dos turistas que enchían as costas do noso país con berros en castelán. A muller non podía parar de pensar no que podería acontecer nos próximos anos se o réxime non acababa. Cada noite marchaba para a cama cun sabor agridoce na lingua e con pensamentos que provocaban arrepíos.

As agullas do reloxo marcaban as 4 da madrugada e na cabeza de Prudencia comezou un soño que non esqueceu nunca xamais.

No soño, estaba ela soa no souto que tantos recordos gardaba, cunha lata de pemento nas mans cheas de calos provocados polo traballo. Arrecendía a pan quente e a peixe da ría. Escoitou os pasos dunha persoa achegándose a ela, era un home con traxe negro, lentes como círculos perfectos e un libro nacionalista na man esquerda. Sentou nun banco de pedra preto dela e veulle os ollos cheos de tristeza. Recoñeceuno, era o maior defensor da nosa lingua, o político e escritor galego máis coñecido antes e despois da súa morte, aquel individuo era nin máis nin menos que Castelao.

"Non deixedes de cantar", dixo, "se a lingua morre, morremos nós con ela".

E despois, amosoulle un caderno marrón de tapas gastadas e manchas de graxa que gardaba no peto. Nel había debuxos de mulleres tocando a pandeireta, de polavilas, de seráns, de aldeas esquecidas roídas polo poder das cidades e de rapazada riseira. Tamén palabras, moitas palabras escritas en galego, palabras prohibidas polo goberno e que el puidera pronunciar nos seus discursos en Bos Aires:

“Escoitando as cántigas montañesas e mariñeiras que van para Compostela, vendo a nosa terra embandeirada de azul e branco, con músicas, gaitas, pandeiros, aturuxos e foguetes”.

A ditadura calaba as bocas, pero elas tiñan as mans, a voz, os instrumentos e a forza para poder cambiar as tornas

Ao espertar, ela sentiu unha nova forza. Falou coas outras. Era tempo de marchar, de levar a súa música máis alá do mar. A ditadura calaba as bocas, pero elas tiñan as mans, a voz, os instrumentos e a forza para poder cambiar as tornas e loitar.

Días despois, foran convidadas pola emigración galega que resistía noutras terras mantendo a nosa fala a tocar na América, co gallo do Día da Patria Galega. Non collían nelas da emoción.

A viaxe foi longa. Cruzaron o Atlántico coas pandeiretas envoltas en panos de liño e a figura do rianxeiro no pensamento.

Primeiro presentáronse en Bos Aires, onde foron recibidas por unha colonia galega que berraba entre lágrimas e aplausos: "Galiza está viva!". Tocaron no Centro Galego, entre bandeiras vellas e fotos de Castelao penduradas nas paredes, só pasaran vinte e cinco anos do falecemento daquel home que soubo gardar o legado dun pobo enteiro dende a distancia e que deixara naquel sitio unha pegada enorme, coa súa oratoria.

Alí, un home maior galego acercouse a Prudencia cando remataron o concerto.

"Coñecía vostede a Castelao?", dixo sen nen sequera presentarse. "Teñen dito as vellas das aldeas que Castelao aparece nos soños das que conservan Galicia no corazón".

E puxo nas súas mans un vello caderno, cuberto de po e cun cheiro intenso. Era o mesmo do soño que ela tivera.

"O voso concerto lembroume as palabras pronunciados por Castelao hai xa 27 anos, a Alba de Gloria, tal día como hoxe en 1948 no Teatro Arxentino, que nos fixo percibir a forza de Galicia dende aquí e no que volvemos a nosa mocidade e as nosas aldeas". Saíulle un sorriso contando aquilo.

As páxinas daquel libro estaban cheas de reflexións sobre a nosa música, algunha copla que el mesmo incluíra na súa obra Os vellos non deben de namorarse, tamén os bosquexos do discurso do que lle falara o home e que Prudencia ollara no soño:

“Hoxe é a festa maior de Galiza, a festa de todos os galegos. Pero ninguén pode sentila coma nós, os emigrados”.

“Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”.

“Este pandeiro que toco, ten o pelexo virado, cando toco con xeito bailan os demos no adro”.

"Para as que, sen sabelo, cantan por todos nós".

"O seu berrar nunca vai deixar de ser escoitado".

"Mentres as ferreñas soen, Galiza non morrerá no silencio".

Aquel caderno representaba o testemuño do sentimento do persoeiro pola nosa poesía popular e oral e polo poder das cantareiras.

Levárono con elas a Montevideo, onde os maiores exiliados emocionábanse ao escoitar aquelas coplas esquecidas. Despois á Habana, e cando retornaron para Malpica decatáronse como había máis xente galega alén do que elas coñecían e de que tiñan máis poder do que crían, grazas á forza das súas gorxas.

Adela de Ghagha empuxou a todas elas a loitar polo legado que Castelao deixara nelas e que gardaba o tesouro de todos nós, dicía ela que o guieiro xa loitara pola nosa lingua e agora tocáballe a elas.

Pasaron os días de verán e as velliñas de Malpica confiaban cada vez máis nelas. O período máis duro e terrible xamais vivido rematara, aínda que deixara moitas feridas nos seus corazóns.

Na praza do porto de Malpica, mentres os homes chegaban co peixe e o salitre enchía o aire, as mulleres, a cativada, os vellos e as vellas de Mens puxéronse en roda. Os pés marcaban o ritmo, e a xente cantaba, ría e sentíase chea de ledicia. Castelao sorría e cantaba tamén dende o máis alá. Por fin soaba Galicia enteira.