Caderno de Verán

O 'avó' agarda en Chavín

Até hai uns anos a xente podía achegarse ao tronco (Foto: Turismo de Galiza)
O eucalipto pode deixar de ser 'árbore senlleira' debido á súa enfermidade. Algunhas persoas expertas afirman que xa non ten as características que lle permitiron estar no catálogo

Din os expertos que 'O Avó', ese eucalipto impoñente que manda no Souto da Retorta, corre o risco de desaparecer do catálogo de Árbores Senlleiras da Galiza. Quizais este verán sexa a última oportunidade de darlle unha visita contando co galardón. E ao paso coñécese Viveiro e, incluso, un pouco máis da Mariña.

'O Avó de Chavín' está enfermo. Iso non se lle escapa nin aos estudosos nin á xente que se achega até o souto para tomarse unha fotografía co grande eucalipto. Nótese secura nalgunhas das súas ramas e hai tempo que as imaxes son a distancia. Se antes todo eran mimos para un dos máis vello do monte, agora os abrazos teñen que ser imaxinarios.

Parte da culpa parece ser precisamente das e dos visitantes, que non deixaban respirar axeitadamente as raíces ao pisar a terra arredor e compactala.

Todo o mundo terá visto posados de persoas abrazando o enorme tronco que mantén en pé a esta árbore centenaria pero hai tempo que se colocou un balado e se prohibiu expresamente achegarse para evitar que a enfermidade deteriore máis a este famoso habitante de Viveiro.

Malia todo, o paseo polo souto segue a pagar a pena. Tanto o protagonista como o escenario que o rodean dan un respiro nas axitadas vidas cotiás.

Porén, como padece unha enfermidade os expertos din que xa non cumpre os estándares que o levaron ao catálogo e que é preciso que a Xunta lle retire a credencial. Por si isto sucede apura para botar un 'selfie' coa árbore galardoada.

Si pensas que Viveiro non queda de paso pero gústache o plan podes descubrir outros tesouros desa listaxe oficial.