A arquitectura galega leva o territorio e a identidade á Bienal de Venecia

Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez en Venecia. (Foto: COAG)
A sustentabilidade, centro das obras presentadas polos estudos galegos.

Os arquitectos Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez, do estudio Abalo Alonso Arquitectos,  e Aurora Armental Ruiz e Stefano Ciurlo Walker, do estudio Estar, ambos composteláns e colexiados na Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG), destacaron no pavillón español da Bienal de Arquitectura de Venecia que se inaugurou o pasado 10 de maio. Ambos estudios teñen unha presenza notable no pavillón a través de diversas contribucións que "poñen en valor o territorio, a identidade cultural e os modos contemporáneos de intervención arquitectónica sostíbel", manifesta o COAG.

Na sala Enerxía, inserida na exposición xeral titulada Internalities, preséntase a investigación desenvolta polo estudio Estar e o fotógrafo Luís Díaz Díaz sobre a conca hidrográfica do río Eume. A proposta explora un modelo alternativo de produción e captación enerxética, baseado nos recursos naturais da contorna, que busca compatibilizarse coa biodiversidade e coas dimensións culturais e sociais do territorio. A través de fotografías, gráficos, colaxes e unha maqueta territorial a gran escala, articúlase un discurso no que a xestión enerxética intégrase coas dinámicas paisaxísticas e ecolóxicas da rexión.

Tamén no marco da exposición Internalities, pero na sala Residuos, atópanse as fotografías da arquitecta e fotógrafa galega Ana Amado.

Así mesmo, entre os proxectos incluídos na sala central da exposición, figura a rehabilitación de tres edificios históricos no barrio do Berbés (Vigo), levada a cabo polos arquitectos Abalo Alonso para a Universidade de Vigo, co obxectivo de establecer unha nova sede institucional e de I+D+i.