Antolín Alcántara: "No libro hai situacións onde se aprecia violencia, como cando che pegaban por falar galego"

O histórico sindicalista e escritor Antolín Alcántara. (Foto: Nós Diario)
Antolín Alcántara (O Morrazo, 1956) vén de presentar a súa novela En memoria da nosa infancia (Editorial Elvira). Alcántara, persoa de longa traxectoria na loita sindical en Vigo e ex secretario confederal de negociación colectiva da CIG, reflexiona nesta obra sobre as diferenzas xeracionais e a infancia e adolescencia durante os últimos anos do franquismo.

—O libro contrapón as diferenzas xeracionais entre avós e netos: que mudou entre estas dúas xeracións que hoxe conviven?
Moitas cousas. A principal idea do libro era documentar a miña infancia nun entorno case incomunicado no Morrazo nos últimos anos do franquismo. Naquela época, os rapaces non tiñamos xoguetes e o que facíamos era utilizar moito a imaxinación e crear os nosos propios xogos, estando todo o día na rúa e estabelecendo relacións moi intensas. Tamén tiñamos moita independencia, indo ao colexio sós e pasando toda a tarde fóra sen que nos tutelara ninguén. Esa é unha gran diferenza coa xeración actual. Hoxe os rapaces, entre as horas que teñen de actividades e pantallas, teñen pouco tempo para relacionarse e socializar co seu grupo de amigos fóra da escola. Pouco hai en común entre estas dúas xeracións nesta etapa da vida. Eu quería recrear no libro estas diferenzas. Non tiña previsto que fose unha novela, pero unha vez que tiña todo moi documentado, deime de conta de que había suficiente material como para facela.

—Como podía marcar o tardofranquismo a vida diaria da infancia nunha contorna rural e pouco comunicada?
Influía moito a través da escola e das relacións coa xente maior, que estaba moi influenciada e limitada pola Igrexa e polo réxime. Fundamentalmente, as grandes diferenzas tamén se vían nas rapazas, que tiñan obrigas diarias e non estaba ben visto que xogasen cos rapaces. Normalmente, elas axudaban na casa e estaban moi controladas. Despois, as mulleres tamén tiñan unha sobrecarga de traballo brutal: pendentes dos fillos e das fillas, do traballo doméstico, de ir ao campo, de ir lavar aos lavadoiros... Unha realidade moi diferente. 

—Que papel xoga a insubmisión na infancia nesa época e como se traduce na vida adulta?
Inflúe moito. Ti vas creando a túa personalidade nese momento: quen es, como pensas, en que che reprimen. Para nós, ese desafío existía en case todo o que faciamos, porque moitas cousas estaban mal vistas. Todo aquilo que transgredía, tiña un castigo. Hai situacións que describo na novela onde se aprecia a violencia da xente, mesmo no colexio, cando che pegaban por utilizar o galego. A resposta nosa ante todos eses límites ríxidos era violentalos.

—Cal é a reflexión que fai esta novela sobre as xeracións pasadas?
As xeracións pasadas no meu entorno estaban moi marcadas pola emigración. A memoria que teño do lugar no que viviamos é que os pais estaban ausentes. Estabamos os rapaces e a xente maior. E criábannos as nais. É unha transformación brutal entre aquela realidade e a que se vive hoxe que só se pode explicar a través dos detalles que fuches vivindo.

—Cando un adolescente de hoxe chegue a este libro, que lle gustaría que quedase nel?
Que isto é algo que sucedeu e que pode volver pasar. Na situación en que estamos, onde a estrema dereita cabalga con forza en moitas partes do planeta, existe a ameaza de que as cousas volvan para atrás. De formas diferentes, pero non estamos exentos nin protexidos fronte a este retroceso.