Ana Lage: "O Castañazo será este ano unha homenaxe á historia do festival e á música galega"
—Celebrar esta vixésima edición confirma que O Castañazo está asentado como un clásico do outono. Que significa para vostedes?
Para nós é renderlle homenaxe a un legado que pasou por moitas mans e que sempre estivo atravesado pola música galega. Isto comezou co movemento Bravú nos anos 90 e recuperouse cando se volveu producir un rexurdimento da música galega e do rock galego, en particular a mediados dos anos 2000. Para nós, que isto perdure e seguilo facendo é reivindicar que, efectivamente, o festival está asentado e ten futuro, porque non se acaba cando as persoas paran. Isto segue e sempre hai alguén que colla o proxecto.
—Unha vixésima edición merece un cartel coma o que traen. De Ninghures, Baiuca, The Rapants, Mondra ou A Banda da Loba... como foi esta gran selección de artistas do panorama galego?
Nós tivémolo clarísimo. Cando vimos que era a vixésima edición e que había que facer algo especial, decidimos que tiña que ser un cartel composto integramente por bandas galegas. Gústanos facer isto porque a música galega está nun momento de forma espectacular. Non hai precedentes desta diversidade de estilos e deste alcance mesmo fóra da Galiza por parte dos nosos artistas e na nosa lingua. Tiñamos claro que este ano era unha homenaxe a nós, pero tamén á música galega. Fomos a por todo o que puidemos.
—Que importancia teñen no Castañazo as actividades paralelas no festival, como son os cantos de taberna ou a Feira de Artesanía?
Gústanos O Castañazo, pero nós o que somos é fanáticos da nosa vila. O de facer actividades paralelas para nós significa dinamizala e que isto non quede no recinto, que teña repercusión en Chantada. É un lugar no que se poden facer moitas cousas; se nos limitamos ao recinto do festival, a xente vén ao Castañazo, non a Chantada. Intentamos seguir pondo Chantada no mapa.
—Nese sentido, que papel xoga O Castañazo na dinamización cultural e económica de Chantada?
Somos un dos eventos máis concorridos durante o ano na nosa vila. Ademais, este festival chega a un público ao que outros eventos de Chantada ao mellor non chegan, como á xente máis nova. O Castañazo xoga ese papel importante de achegar Chantada a certos sectores da poboación que ao mellor nin coñecían esta vila que ten tanto que ofrecer.
—Que momento ou que sentimento agardan que quede no público tras o vixésimo Castañazo?
Estamos preparando unha edición bastante especial, ademais dun cartel integramente en galego. É unha homenaxe á historia e á música galega, polo que queremos que o público marche con esa sensación que temos nós de que son parte desta familia do Castañazo. Esta homenaxe é tamén para eles.
Está moi ben facer o festival e traer grupazos, pero se non se adquiren entradas e non se xera bo ambiente, o festival non se sostén. E sostense grazas ao público. Gustaríanos que a xente marchase sentindo que formaron parte dunha homenaxe fermosa, tanto ao festival como á musica galega.