Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria
Galiza leva séculos escribindo a súa historia entre bosques. A nosa paisaxe foi sempre algo máis que xeografía: un texto vivo onde se inscribe a identidade.
Hoxe, ese texto pretende ser reescrito con caracteres alleos.
A chegada de Altri, a multinacional portuguesa de celulosa, pretende impoñer unha nova gramática territorial, onde a diversidade biolóxica e cultural é sometida á lóxica do beneficio. Esa que sempre está aí e que convence con tanta facilidade a quen non quere entender a verdade das cousas.
O proxecto de celulosa é a última ferida nunha Galiza xa arrasada polo monocultivo forestal, onde os bosques diversificados foron substituídos por desertos verdes de eucaliptos, auténticos depredadores non só do ecosistema biolóxico senón tamén da cultura do bosque que durante séculos asistiu a este territorio. Mentres Europa lexisla contra os monocultivos forestais –Portugal limítaos desde o ano 2023–, o noso territorio segue a ser tratado coma un patio traseiro industrial. É fundamental incidir en que o proxecto non só ameaza acuíferos e biodiversidade, é un ataque ao que o antropólogo colombiano Arturo Escobar chamou "ontoloxías relacionais": ese diálogo milenario entre cultura e natureza que forxou o habitar galego.
A paisaxe é unha compoñente estrutural da identidade colectiva e do benestar común que nos pertence como dereito
O informe Galiza: Paisaxe ou Plantación? (2023) pertencente ao CCG inclúe un capítulo titulado "Erosión do vocabulario tradicional". Nel atopamos que a porcentaxe que representa a perda do vocabulario agroforestal entre os menores de 30 anos ascende a 48%. Mais non só. Nomear paxaros autóctonos semella ser tamén tarefa complicada. Pérdese o coñecemento etnobotánico así como topónimos e microtopónimos, auténticos referentes históricos, fontes de primeira orde da que emana a xenealoxía territorial: o Foxo do Lobo deixará de existir e con el todo canto simboliza a prol dunhas coordenadas UTM. Non é anecdótica nin extemporánea unha cifra que reflicte a raíz arrincada da lingua mesma. O deserto que avanza sobre a homoxeinización dun territorio cultural rico e autónomo. A erosión da memoria. Porque, se non sei nomealo, como saberei protexelo?
Esta redución do repertorio lingüístico asociado ao noso territorio vén acompañada de poderosísimos eufemismos –unha especie de neotermos– que ocupan un lugar privilexiado no debate social dos mass media: paisaxe produtiva no canto de deserto verde, cultivos enerxéticos en vez de eucaliptos ou bosques xestionados por plantacións industriais. E isto a onde nos leva? Pois a que as palabras constrúen pensamento, ou como defendía o filósofo Ludwing Wittgenstein: "Os límites da miña lingua son os límites do meu mundo".
Patrimonio común
O ecoculturicidio está en marcha e ten claros os obxectivos: converter o monte nun non lugar (desposuílo de entidade), extirpar nomes e símbolos (desposuílo de identidade) e investir recursos en escintileos de luz brillante. E con estas luminosidades virán arquivos sonoros do territorio antes da desertización, centros de interpretación do antigo monte galego ou festivais patrocinados sobre cultura rural mentres se dinamita a súa base material.
E que facemos coa paisaxe? Un elemento erosivo do texto vivo que somos é, sen dúbida, a paisaxe, compoñente estrutural da identidade colectiva e do benestar común que nos pertence como dereito que debera ser fundamental. O artigo 5 do Estatuto de Autonomía define a paisaxe como patrimonio común, nunca como recurso explotable mentres que o Convenio Europeo da Paisaxe recolle que a transformación acelerada do territorio viola os principios de dito acordo. Temos dereito á beleza. Esta é unha cuestión moi seria. A beleza correspóndenos a todos. É un indicador de igualdade suprema. Ninguén debería ser tan pobre como para non ter acceso a ela nin ninguén tan poderoso como para permitirse destruíla. A beleza non é a mensaxe senón o legado. Por iso a usura non é beleza, a destrución non é beleza, o borrado selectivo, as malas artes, o lugar dos indignos non posúe nin unha migalla de beleza por iso o futuro ten que estar nas mans de quen o protexa.
Que o monocultivo non enterre a memoria, que non erosione, aínda máis, a nosa identidade e que estes versos de Manuel Rivas non sexan profecía:
"Están a cambiar as palabras do bosque / para que non entendamos / cando berre".