Allariz regresa ao Medievo coa Festa do Boi
Para festa, a do Boi de Allariz! Durante oito días, a capital do Arnoia, cun papel central no Reino de Galiza, regresa ao ano 1317 para levar ás rúas da vila unha celebración de carácter tradicional e popular que, segundo a lenda, ten orixe na conflitividade social entre o colectivo xudeu e o cristián da Baixa Idade Media.
Seis foguetes anuncian a saída do boi e unha soa, a fin da carreira. Desde o pasado sábado 10 até o próximo domingo 18 de xuño -realmente o prato forte da festa é a próxima fin de semana-, Allariz volve ao século XIV para celebrar unha das festas máis populares e tradicionais do país, a do boi. Unha cita de orixe medieval que fai 700 anos e que se consolidou como unha das festas imprescindíbeis do calendario nacional, ao congregar milleiros de persoas chegadas desde todos os puntos.
“Falamos dunha tradición gremial, a das confrarías profesionais. Era moi normal, arredor do Corpus, que as distintas profesións saísen á rúa para exhibiren algúns elementos exclusivos do oficio. De aí xorden as danzas de espadas ou as penlas”, expón o historiador Anselmo López Carreira en declaracións a Sermos Galiza, “son restos arqueolóxicos do patrimonio inmaterial”. Neste contexto, o experto na Idade Media pon de manifesto que “na veciña cidade de Ourense, os carniceiros sacaban un touro polas rúas e este feito tería influído moito na orixe da Festa do Boi de Allariz. Case con completa seguridade era o que se facía en Allariz”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 249, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]