Alfonso Piñón, o cineasta 'andarengo' que camiñaba coa cámara ao lombo
Esta terza feira a Filmoteca da Galiza, na Coruña, acolle a presentación do libro O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas, no que Manolo González recupera a fascinante figura de Alfonso Piñón, pioneiro do cinema amador galego baixo o pseudónimo de Bernardino de Lamas, cunha ollada única sobre a Galiza do seu tempo.
Poucos nomes no cinema galego agochan unha historia tan singular como a de Bernardino de Lamas, alcume tras o que se agochaba Alfonso Piñón (1890-1973), xornalista, camiñante incansábel e pioneiro do cinema amador na Galiza. A súa figura, practicamente descoñecida até hoxe, emerxe grazas ao labor de investigación de Manolo González no libro O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas (Edicións Embora), que se presenta esta tarde na Filmoteca da Galiza, na Coruña.
Acompañando o acto, proxectaranse varias das súas filmacións recuperadas, pequenas cápsulas de memoria visual tomadas entre 1925 e 1934: paisaxes da lagoa de Valdoviño; merendas no Eume; romarías en Meirás, Santa Comba ou Lodairo; viaxes ao Cebreiro e ao sur da Galiza; festas populares, e escenas de natureza. Iso si, sempre coa mesma ollada: a das persoas gozando da vida, felices diante da cámara, convertendo cada plano nunha "epifanía da felicidade compartida", como afirma Manolo González a Nós Diario.
O andar como filosofía vital
A historia de Bernardino de Lamas comeza por unha curiosa casualidade: Manolo González atopouno mentres indagaba sobre un tallista do século XVIII, Juan Pardo de Lamas, para un cartel do Chanfaina Lab de San Sadurniño. Aquela pista levouno a descubrir un "cineísta" esquecido –con este termo en desuso moi habitual nos anos 20– que nunca existiu formalmente: Bernardino de Lamas era o pseudónimo de Alfonso Piñón.
Piñón filmaba como camiñaba: coa paixón do que ama o acto mesmo de percorrer o mundo. Asegura Manolo González que Piñón chegaba a andar até 50 quilómetros nun día e que consideraba o camiñar como un sacramento capaz de curar os males da humanidade, na liña de grandes camiñantes da historia como Rousseau, Walter Scott ou Otero Pedraio. Para Piñón, cada ascensión a un cumio galego era un acto místico, unha maneira de deixar atrás as miserias e conectar co esencial.
Un pioneiro do montañismo galego
A súa paixón polos montes levouno a fundar en 1935 o primeiro club alpino da Galiza, Abrente, e mesmo promoveu proxectos como o Monte Brión dos Poetas ou o monumento ao Camiñante Descoñecido en Barallobre, inaugurado por Otero Pedraio como símbolo do galeguismo da época.
A través do camiñar foi tamén deselando itinerarios polos montes de Ferrol, Narón, Pontedeume, As Pontes ou Breamo, co seu equipo habitual: empanada, cámara, sombreiro e paraugas. Camiñaba durante horas, inmortalizando as "montañas de Ferrol" que, segundo González, denominaba con orgullo os seus "Alpes particulares".
O cine como máquina de deter o tempo
No ano 1924 merca en Ferrol unha Pathé Baby, pequena cámara de manivela da aínda vixente compañía Pathé que democratizou o acceso ao cinema. Alfonso Piñón non pretendía contar historias nin facer documentais, pois o seu cine encapsulaba momentos felices compartidos co seu círculo de amizades, moitas delas persoas ilustradas de Ferrol, e moitas logo represaliadas ou fusiladas polo franquismo.
Naqueles anos filmou arredor de 300 bobinas, das que se conservan unhas 90 —máis de dúas horas e media de metraxe— que foron adquiridas por Guillermo Escrigas no rastro de Madrid. Hoxe os filmes son propiedade da familia Escrigas e están depositadas na Filmoteca de Galiza. Para Manolo González, as súas imaxes son "ouro puro" para a memoria visual da Galiza. Xente vestida de domingo, paseando, merendando, camiñando polos montes, nas romarías ou festas populares. Como apunta o autor de O cineísta andarengo, "ao outro lado da retina temos xente feliz, en estado case de trance": Alfonso Piñón tiña unha visión xenerosa, comprometida e cun claro optimismo cara ao futuro.
Un home comprometido co nacionalismo
Ademais de "cineísta" e "andarengo", Alfonso Piñón foi un activo militante do nacionalismo e do progresismo de Ferrol nos anos vinte e trinta. Participou nas Irmandades da Fala, colaborou no boletín Erte...! (1933), órgano do Partido Galeguista en Ferrol, e mantivo relacións de amizade con figuras como García Pereira, presidente do Grupo Ferrolán do Partido Galeguista. Tanto é así que o propio Otero Pedraio definíao como "un patriota bo e xeneroso".
Vexetariano, abstemio, esperantista, feminista, antitaurino, pacifista e ecoloxista, Piñón era un humanista profundamente moderno. Reivindicaba a Rosalía de Castro e Noriega Varela nos seus artigos, que decoraba con poemas e con lemas como A terra é nosa. Concibía o andar como acto filosófico, pero tamén como resistencia cultural e política nun país que vía con sospeita aqueles que vagaban polos montes sen motivo aparente.
Unha vida truncada polo golpe de Estado fascista
A pesar do bos ollos cos que este grupo de ilustrado miraba cara ao porvir, a Guerra Civil rachou abruptamente a súa traxectoria. Moitos dos amigos e compañeiros de Alfonso Piñón foron fusilados, e Piñón marchou a Cuba no 1951, logo de casar en Vigo no 1941 cunha muller cubana trinta anos máis nova. Viviu na Habana ata 1962, cando regresou a Ferrol expropiado pola Revolución Cubana e sen recursos. Morreu en Madrid en 1973, sen volver filmar, pero mantendo sempre o seu costume de camiñar polas rúas.
As súas fillas descubriron a súa faceta cinematográfica grazas á investigación de Manolo González: só recoñecían do seu pai o seu amor polo camiñar e o hábito da escritura a máquina. "Foi como se lle pasase unha apisoadora por riba", confesa o autor, "pero mantivo ata o final o seu espírito andarengo e a súa paixón pola vida".
Un legado aínda pendente de restaurar
As gravacións de Piñón constitúen unha das máis valiosas testemuñas visuais da Galiza anterior á Guerra Civil. "Son imaxes de verdade —sinala Manolo González—, teñen máis autenticidade que moito cinema contemporáneo". Para o autor deste libro, urxe unha restauración a fondo deste material único, como se está a facer noutras filmotecas do mundo co cinema amador da época. As próximas presentacións en Lugo e nalgúns dos concellos onde Piñón filmou –Fene, Narón, Neda e Valdoviño– ofrecerán a oportunidade de ver esas imaxes no lugar onde foron gravadas hai case cen anos.
Bernardino de Lamas non figura nos libros de historia do cinema galego, ocupando apenas unha nota ao pé. Pero, como di González, son precisamente estes personaxes "os que soldaban os movementos políticos e facían posíbel que as iniciativas saísen adiante".