Alexandre Ríos, do Cámping As Dunas: "Hai moita clientela habitual, que leva tantos anos vindo como nós"
Van 30 anos desde que inauguraron o cámping As Dunas. De que maneira evolucionou o negocio desde as últimas tres décadas?
O cámping fundárono meus pais hai 30 anos. Agora seguimos miña nai e máis eu. A evolución foi moi boa, fidelizamos a nosa clientela. Mais o turismo foi cambiando bastante de modalidade. Antes abondaban as tendas de campaña, agora lévase máis a caravana. Segue a haber moita xente que prefire acampar con tendas, iso si, supoño que por ser unha maneira máis achegada á natureza. Temos tamén un pequeno apartamento dispoñíbel no recinto.
Só abren na tempada de verán, mais hai diferenzas na demanda ao longo da estación?
Abrimos do 15 de xuño ao 15 de setembro, si. A pesar de termos na altura de xullo a Festa da Dorna, que son as festas máis grandes de Ribeira, cando máis notamos unha maior afluencia é no mes de agosto. Hai moita clientela habitual, xente que ao mellor leva tantos anos vindo ao cámping como os que levamos nós abertos. A xente que vén adoita ser nova, a idade media rondará os 30 anos, e veñen sobre todo parellas.
Estando ao pé das dunas de Corrubedo deben ter moita xente que vén facer turismo...
As dunas son o máis simbólico que temos ao noso redor, mais no concello e na comarca do Barbanza hai moitísimo que ver. Nós sempre intentamos explicar un pouco aquilo que temos perto á xente que chega, ben sexan xacementos históricos como o propio Castro de Baroña ou actividades culturais que se poden desfrutar. Facemos un pouco de punto de información pola nosa conta.
Teñen pensado facer iniciativas no futuro para ampliar a oferta no cámping?
Estamos estudando aplicar o sistema glamping, que está moi de moda, mellorar o servizo de caravanas e tal vez colocar algún bungalow. Somos un negocio turístico, si, mais no que a xente que vén coñece a cultura e o lugar e está uns poucos días. Fuximos da idea de ser un cámping permanente no que está todo cheo ao longo do ano, por iso fechamos a actividade despois do mes de setembro.
Para celebrar os seus 30 anos de andaina teñen previsto realizar unha festa, mais non é a única que se fai no local...
En xeral fanse asados por parte dos campistas e hai xente que pasa moito tempo aquí. Mais si, todos os anos facemos a queimada no exterior do bar, e a xente anímase a vir e facer o conxuro. Agora co aniversario virán as Garridiñas, un grupo de música tradicional de aquí, para cantar unhas cantigas en homenaxe ao lugar.
—Que lles levou a ter Nós Diario dispoñíbel no bar do seu estabelecemento?
Pois é bastante simple: Nós Diario é o único xornal impreso en galego. É moi curioso, porque a xente de aquí xa coñece o xornal, mais hai persoas que veñen de fóra da Galiza e sorpréndese. Lese bastante, e iso que non hai tanta xente que veña ao bar. Tamén nós intentamos dar a coñecer o país desde unha óptica galega, e en galego.
Boa acampada
A gran maioría de campistas que acoden a este lugar son persoas que o frecuentan desde hai anos. Algunhas foron por primeira vez cando abriu o cámping, mais nos últimos 30 anos o local foi crecendo e a xente foi cambiando. A instalación dunha piscina cuberta de uso libre, a apertura de espazos para as caravanas ou a adaptación dun apartamento foron investimentos que están dando froitos. Mais o crecemento do cámping As Dunas é saudábel, certifica Alexandre Ríos, un dos xerentes actuais do local, a Nós Diario: "Procuramos non prexudicar a economía local, queremos ter un sitio natural, de descanso, cun trato familiar e persoal".
Camping As Dunas / Rúa Bretal, 29 / Olveira, Ribeira