Entrevista

Aitana Cuétara, música, produtora e xestora cultural: "Temos que usar, coidar e transmitir a tradición oral"

A comisaria das xornadas, Aitana Cuétara. (Foto: Clara Orozco)
Definir un protocolo de boas prácticas para tratar os arquivos de tradición oral e as persoas implicadas neles será o fío condutor de 'Traducir a tradición', as xornadas organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña do 19 ao 21 de marzo en Compostela. 'Nós Diario' entrevista a comisaria do evento, Aitana Cuétara.

—Con que intención se organizan estas xornadas?
Coa de comezar a construír unha especie de manual de boas prácticas para uso dos arquivos da tradición oral. De sempre, a música de tradición oral emprégase nas creacións contemporáneas, non é algo de agora. Con todo, mudaron os códigos, sobre todo da difusión coa introdución de todos os medios dixitais e as redes sociais. Todo se magnifica moito e parécenos importante facer as cousas ben. 

Cando falamos doutro tipo de patrimonio, como o arqueolóxico, todo o mundo ten claro que hai protocolos de preservación. Pola contra, cando falamos de algo que está vivo non o entendemos tanto así. Sendo diferente creo que é importante saber como debemos actuar para que se coide e respecte.

—Participarán referentes de Catalunya. Cal é a razón?
Presentarase o ‘Càntut’, un arquivo das comarcas de Girona (Catalunya), que é un exemplo disto. Teñen moitas gravacións recuperadas mais son recentes. O etnomusicólogo Jaume Ayats, por exemplo, comentoume que comezou nos 80, como no caso doutros como Artur Blasco. Porén, esa tradición oral non a teñen tan viva como a temos nós por cuestións sociais e económicas. No noso caso está presente de modo natural e aínda se canta. O que me interesa é que teñen moitos máis recursos e están máis organizados e con menos fan máis.

—Nestas xornadas que papel xoga a iniciativa de arquivo sonoro que propón o Museo do Pobo Galego?
Si, sen esquecer o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. É certo que o modelo do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), con toda a colección de Dorothé Shubart, parécenos como máis amábel. Con todo, hai que lembrar que 90% do material recompilado da tradición oral na Galiza está nas casas das persoas que o recompilaron.

Esta situación responde a moitas circunstancias, entre elas que despois de tantos anos de esforzo, tempo e recursos económicos e facer este traballo queren ver que se recoñeza ademais de confirmar que estea ben gardado e se faga un bo uso. As xornadas, como parte dese “manual” queren definir, tamén, como se usarán as obras recompiladas nos músicos que agora aproveitan anacos de gravacións de persoas xa falecidas e teñen milleiros de reproducións. Saber como xestionalo a nivel legal e emocional.

—Como se xestionaría ese recoñecemento? Deixando de ser anónimas as fontes e as persoas que traballaron nelas?
Partimos da base de que estamos falando de algo que é do pobo. Entre todas temos que usalo, coidalo e transmitilo. Ao ser de todas moitas veces é difícil personalizar, mais as cancións non nacen da terra e nalgunhas ocasións proceden das persoas ás que se lles recolleu. Hai unha parte de creación, esas informantes están no primeiro lugar por abrir con xenerosidade as súas casas. Sempre estamos nesa dualidade entre pensar que todo isto é noso e é patrimonio mais tamén hai que ter en conta que é da xente que fixo un traballo que ter que ser recoñecido.

Por outra parte, hai xente moi nova que fai proxectos fantásticos que non teñen curiosidade. Por exemplo, vexo acreditadas pezas que empregan nos seus discos como de procedencia "tradicional". Falta pór de onde sae, a quen se lle gravou a canción que se escoitou para aprender e quen levou o traballo de recompilar todo ese material. O recoñecemento da cadea creo que é fundamental e creo que antes non pasaba tanto como está a pasar agora.