'Abril', de Luz Darriba, unha novela que afonda na ditadura arxentina
A artista plástica e escritora Luz Darriba presenta a súa primeira novela escrita en lingua galega, Abril, publicada pola editorial Belagua e que se presenta esta quinta feira ás 20 horas no patio interior do Centro Cultural O Vello Cárcere, de Lugo.
No acto de presentación a autora estará acompañada pola tamén escritora Marica Campo.
Abril pon o foco na ditadura militar da Arxentina, que a autora nada no Uruguai viviu na súa mocidade, e as consecuencias sociais e individuais que supuxo para toda unha xeración.
A artista plástica, que reside en Lugo desde 1990, dá testemuña neste libro das vidas marcadas por aquela ditadura militar que decorreu entre 1976 e 1983, e que levou ao asasinato, á tortura, ao encarceramento e tamén á desaparición de 30.000 persoas, e practicou a apropiación sistemática de bebés e de menores.
A pesar da súa dureza, Abril é unha novela chea de esperanza que “tece entre Galiza e o río da Prata, os fíos dunha manta que nos abeire e nos salve da barbarie dun pasado que esixe reparación e esperanza”, segundo reza a contracapa do libro.
"O berro dunha xeración, acalado pola forza bestial dun xenocidio, renace na voz reprimida da seguinte", contan desde a editora. "Non importa canto tempo transcorrese, a verdade máis fonda, coma a auga, atopa sempre o seu curso. E o amor agarda por ela para recollela e aniñala", engaden.
Luz Darriba formou parte de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país, entre 2005 e 2008, e en 2010 retomou a súa vocación literaria.
Ademais de colaborar na sección de Opinión de Nós Diario, publicou Toda a xente errante, Xoguetes para nenos cegos e O que o vento non se levou. No ano 2012 foi merecedora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta.