Abre 'Xogalego', un novo catálogo para atopar en liña videoxogos en galego
Xa está dispoñíbel Xogalego, un novo catálogo en liña que nace co obxectivo de facilitar a localización de videoxogos publicados en lingua galega e de corrixir a invisibilidade do galego nun sector chave da cultura dixital como é o dos videoxogos.
A plataforma é unha creación de Recuncho Gamer, un proxecto de divulgación en galego arredor dos videoxogos recoñecido co premio Youtubeiras en 2024 e con traxectoria en formatos como podcasts, entrevistas e colaboracións coa Radio e Televisión da Galiza.
A dirección de Xogalego corre a cargo de Iago Gordillo, acompañado por Ángela Triana e Jon Amil, membros do equipo de redacción do Recuncho Gamer Podcast, especializados en análise e cultura do videoxogo.
A iniciativa xorde nun contexto no que o galego está practicamente ausente no lecer interactivo, especialmente entre a mocidade. Segundo explican os seus impulsores, o problema non é tanto a inexistencia de videoxogos en galego como a dificultade para atopalos nas principais plataformas comerciais, onde os sistemas de busca e etiquetaxe están incompletos.
Xogalego pretende romper ese círculo vicioso concentrando nun único espazo toda a información verificada sobre os títulos dispoñibles en galego. O catálogo non se limita a enumerar xogos, senón que ofrece fichas detalladas elaboradas por un equipo que proba cada título para comprobar a presenza real do idioma e avaliar a súa utilidade pedagóxica.
Cada entrada inclúe datos como o nome do xogo, o ano e o estudo creador, as plataformas dispoñibles, o xénero, a idade recomendada, os idiomas incluídos e ligazóns oficiais para a súa adquisición ou descarga.