A 31ª Feira Alfaroleiros convértese un ano máis no referente da olaría

Mostra de olaría esta quinta feira 7 de agosto. (Foto: Ana Justo)
A Feira Alfaroleiros celebra a súa 31ª edición até o 10 de agosto, convertendo o concello de Oleiros no grande escaparate da olería peninsular. Con 25 oleiros e oleiras de toda a península, concertos, obradoiros e actividades para todos os públicos, a cita consolídase como un claro referente cultural e artesanal na Galiza. 

Oleiros converteuse, unha vez máis, no epicentro da olaría peninsular coa celebración da súa emblemática feira Alfaroleiros, que suma 31 edicións. Desde o día 6 e até o domingo 10 de agosto, a vila acolle 25 oleiras e oleiros chegados de distintos puntos da península Ibérica, nunha cita que mestura tradición, innovación, artesanía e cultura popular nun ambiente festivo e didáctico.

Organizada polo Concello de Oleiros coa colaboración da Deputación da Coruña, Alfaroleiros é xa unha referencia nacional para o sector. A concelleira de Cultura, María José Santos Zas, destaca a Nós Diario a importancia da feira como "unha aposta por promover e axudar a un oficio tan próximo ao noso pobo, un oficio que está no propio nome de Oleiros e na súa identidade histórica e cultural".

"O oficio está no propio nome de oleiros e na súa identidade cultural", defende a edil de Cultura

Instalada no parque Luís Seoane, en Santa Cruz, a feira ofrece un espazo onde cada oleiro expón e vende as súas creacións, pero tamén onde o público pode achegarse aos procesos creativos a través de demostracións en vivo.

O oleiro Alberto Añón, coñecido como Alberto Lista, procedente de Buño (parroquia de Malpica), un dos centros oleiros máis importantes de Galiza, leva máis dun lustro acudindo á feira e asegura a Nós Diario que é unha das mellores: "Hai variedade, bo ambiente, boas vendas e un público que sabe o que vén buscar".

Para Tomás Pérez García, oleiro de Alba de Tormes (Salamanca), esta é a cita máis importante do ano: "Para nós é a principal feira" a nivel estatal: "pola variedade de oleiros, polo público que entende e respecta a nosa profesión, pola coidada organización e a programación complementaria que a acompaña", explica a Nós Diario.

Tomás pertence á quinta xeración dun obradoiro tradicional, e xa conta co relevo do seu fillo, da sexta. Pon en valor a olaría desde a década de 1950, cando en Alba de Tormes existían 25 talleres con case unha decena de persoas traballando en cada un deles. Así mesmo, destaca a capacidade destes artesáns para prever que as pezas utilitarias comezarían a desaparecer, destacando como na súa terra souberon reinventarse coa ornamentación, desenvolvendo técnicas como a filigrana ou a decoración con asas artísticas. "Estar en Alfaroleiros permítenos dar a coñecer o traballo da nosa tradición, dun produto típico da nosa terra, facer pedagoxía e pór en valor xeracións enteiras que traballaron na sombra", afirma. "Aquí sentimos que se recoñece o noso labor e que o público comprende a historia que hai detrás de cada peza".

Unha programación para todos os públicos

A feira non é só un mercado artesanal. A programación cultural que a acompaña converte o evento nun auténtico festival multidisciplinar. Durante cinco días, os espazos públicos de Oleiros encheranse de música, espectáculos, maxia, obradoiros e actividades para toda a familia.

A apertura oficial tivo lugar a cuarta feira cunha tarde chea de demostracións de olaría, que se repiten ao longo da semana. O espectáculo "Muiñada" de Galeatro animou o parque do Emigrante, seguido polo concerto inaugural de Catuxa Salom Live Band Trío no parque Luís Seoane. Esta quinta feira foi a quenda da maxia de Martín Camiña e do espectáculo de danza, música e poesía "Na Cerna do Son".

A oferta musical continúa ao longo da semana con propostas para todos os públicos: esta sexta feira, o grupo Migallas Teatro presentará "O libro máxico", pensado para as crianzas, e ás 22 horas será a quenda do explosivo directo de Carlangas, na praza Esther Pita. O sábado será a vez da Banda da Loba, e o domingo o público poderá gozar co Grupo de Gaitas Santaia, ademais dos xogos populares.

Un dos pratos fortes será o ciclo "Cociña e barro", que combina demostracións culinarias en vivo coa presentación de pezas de cerámica como soporte ou elemento protagonista. Terá lugar o sábado 9 de agosto, en dúas sesións (ás 13 horas e ás 20 horas), e incluirá tamén o obradoiro "A olaría nas túas mans", onde o público poderá experimentar directamente co barro, nun ambiente participativo.

A tradición e o futuro

Un dos grandes valores de Alfaroleiros é a súa capacidade para ser á vez vitrina e laboratorio: mostra o mellor da tradición, pero tamén impulsa a innovación e o relevo xeracional. "Cada vez máis xente nova se interesa por este oficio", relata Alberto Lista. "Non só mercan pezas, senón que entenden a complexidade e a dificultade do traballo, valoran a artesanía. Iso dá esperanza". A feira tamén serve como escaparate para unha realidade cambiante: "Hai un boom de xente que experimenta coa cerámica, pero poucos deciden profesionalizarse. Por iso é clave fomentar a formación e dar visibilidade a este mundo como unha saída viable", defende o oleiro de Buño.

Neste sentido, tanto Alberto como Tomás coinciden en destacar o papel das escolas, obradoiros e feiras como Alfaroleiros para formar, divulgar e dignificar a profesión. "Esta feira é fundamental, pois permítenos explicar a nosa técnica, ensinar as diferenzas entre territorios e estilos, e conectar co público", defende Tomás.

Un público que comprende

Outro dos elementos que todos os participantes subliñan é o nivel de coñecemento e respecto do público de Oleiros. "Aquí vén xente que sabe, que se interesa, que pregunta", destaca Tomás Pérez. "Non só se trata de vender, senón de transmitir un legado. É moi satisfactorio ver que hai quen comprende e valora ese esforzo".

A conexión entre as persoas visitantes e os artesáns é clave no éxito da feira

Esta conexión entre persoas artesás e visitantes é, precisamente, un dos segredos do éxito de Alfaroleiros. "Non é unha feira calquera", resume a concelleira de Cultura, María José Santos Zas. "É un espazo de encontro, de creación, de memoria e de futuro". Alfaroleiros é, en definitiva, un lugar onde o barro cobra valor e lémbranos que as mans, con tempo e oficio, teñen un poder creador inmenso.

Distintas xeracións buscan adentrarse na técnica a través dos cursos

As novas xeracións semellan estar cada vez máis interesadas no moldeado do barro e na creación de pezas de cerámica. Así o percibe Alberto Lista, que compaxina o seu oficio como oleiro en Buño coas actividades formativas. Lista imparte clases na Escola Municipal de Olaría de Oleiros, tanto para nenos –mesmo agora, en campamentos de verán– como para persoas adultas. "Teño alumnado moi diverso: mozos e mozas de 20 anos, persoas de 40 e mesmo xubilados. Algúns até montaron os seus propios obradoiros despois de pasaren polas nosas aulas", explica. Lista engade que cada vez máis persoas novas se achegan á feira para mercaren produtos artesanais, probabelmente grazas ao maior grao de coñecemento da complexidade do traballo que hai detrás de cada peza.