EHZ Festibala: o berro das culturas oprimidas que sairá de Euskal Herria
A edición número 18 do histórico festival que se celebra en Iparralde chega cunha novidade: un concurso internacional para grupos que representen nacións sen estado para o que só é preciso encher o formulario de inscrición na súa páxina web.
Desde 1996, distintas localidades de Iparralde, o País Basco francés, erixíronse durante tres días de xuño en berce dunha cultura oprimida, a euskaldun, que se proxecta canda a lingua e a propia identidade vasca.
En 1996 realizouse por vez primeira o EHZ Festibala [Euskal Herria Zuzenean ou, na súa tradución ao galego, Euskal Herria en directo], onde a arte se entende coma un medio para relatar experiencias, para denunciar e para permitir os diferentes pobos expresárense nunha linguaxe común: a da música.
A 18ª edición do EHZ trae da man un concurso internacional de bandas que representen nacións sen estado
Este ano, o EHZ cumpre a maioría de idade --27, 28 e 29 de xuño-- e, para o celebrar, chega cunha novidade: un concurso internacional de grupos de música que representen outros pobos sen estado, outras culturas "soterradas por outra cultura dominante que acapara toda a lexitimidade".
O certame vai xa pola sexta edición, mais até o de agora estivo centrado en bandas locais de Euskal Herria, que se deron a coñecer a través do festival.
Cal é o obxectivo deste ano? Permitir que as loitas dos pobos se atopen e se coñezan, ao tempo que concienciar a mocidade para que tome parte delas. E cal é o premio? No caso que nos ocupa, representar Galiza riba do cenario dun evento que xunta por volta de 20.000 persoas.
Cal é o premio? Representar Galiza diante de 20.000 persoas
Quen desexe participar só deberá encher o formulario de inscrición que aparece na páxina web do Festibala e que se pode consultar na nosa lingua.
Os dados que se peden son o nome do grupo, o estilo de música que fai, unha maneira de estabelecer contacto, a lingua e a cultura que representa e tres temas libres de dereitos que o xurado escoitará para escoller a banda gañadora. Alguén se anota?