Stellantis volve parar a súa actividade hoxe por falta de compoñentes

Liña de montaxe da fábrica de Stellantis en Vigo (Foto: Víctor Cameselle).
A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis parará parte da súa actividade na tarde desta quinta feira pola falta de compoñentes. Tal e como informou a compañía aos seus traballadores, o Sistema 2 da fábrica, onde se ensamblan as furgonetas das diferentes marcas do grupo, deterase na quenda de tarde e de noite. Isto sucede días despois de que a firma anunciase que contratará unhas 700 persoas a partir de setembro para reactivar a súa quenda de fin de semana no propio Sistema 2 xa que, ao seu xuízo, existen as condicións necesarias para operar porque no que vai de ano esta liña só parara en dúas ocasións.