O triunfo da estética máis rompedora

Andy García, Mónica Fernández e Jonathan Pena. (Foto: Nós Diario / José Manuel Dobarro Gómez)
A industria galega da moda nunca tivo medo a innovar nin a arriscar nas súas coleccións. Malia ter unha identidade moi característica, na que predomina o emprego de tecidos como o liño, hoxe as deseñadoras ábrense a un estilo máis desenfadado, como a moda urbana.

Na década de 1990 produciuse un terremoto na industrial téxtil da Galiza. A importación da cultura urbana de lugares como Estados Unidos revolucionou para sempre o ecosistema social das cidades e abriu a porta a estéticas rompedoras que se afastaban moito do que se coñecera anteriormente. Daquela, a sociedade asistiu ao nacemento da denominada moda urbana, en inglés streetwear, que implicou a entrada de novas prendas nos escaparates, como os suadoiros con ou sen capucha, as gorras, as camisetas gráficas ou as zapatillas deportivas. As novas tendencias inundaron o mercado a través de grandes marcas como Carhartt, Levis, Vans, Nike ou Adidas. Non obstante, as deseñadoras locais non perderon o tempo e tomaron nota dos novos éxitos.

A moda urbana expandiuse a partir dos anos 2000 en cidades como Vigo, A Coruña ou Compostela. Hoxe é xa toda unha tendencia transversal que está presente no vestiario de creadoras de contido, deseñadoras e artistas.

O interese pola moda creceu nos últimos anos

Ese estilo informal que reina nas grandes superficies de moda tamén conquistou o pequeno comercio nos últimos anos. Grazas a plataformas de venda alternativa, como poden ser as redes sociais, decenas de deseñadoras e deseñadores decidiron dar o paso e emprender o seu propio negocio. Así comezou a historia de Ceibe en 2024, unha tenda de venda en liña que oferta diferentes prendas de roupa e accesorios, como camisetas e diferentes tipos de suadoiros. Os creadores da marca, Jonathan Pena e Andy García, reivindican o seu propio método de traballo como unha aposta na sustentabilidade e na materia prima da súa terra, Santa Comba (O Xallas): "Non temos unha produción masiva, todo o que facemos é practicamente baixo pedido. Traballar con provedores da zona tamén é importante para nós porque nos permite ter unha relación estreita con eles, e iso é positivo para todos".

Traballar cunha produción controlada é unha vantaxe á hora de experimentar coa roupa. Así o explican os propietarios de Ceibe. "Podemos facer varias probas á vez e, se o resultado non é o que queriamos, tirámolo ao lixo sen perder apenas tempo nin cartos", aclaran. Estes dous rapaces de 28 anos aprenderon ao pouco tempo de abriren o seu negocio a importancia de optimizar os seus recursos, e que emprender "é moito máis complicado" do que parece. "Cando tes a idea na cabeza sempre é súper marabilloso, mais cando te pos mans á obra, ves que non é tan doado", matizan. Para eles, outra das chaves do éxito atópase na unión entre pequenos comerciantes. "Nós defendemos que a unión fai a forza e sempre estamos abertos a traballar con quen queira", agregan. De feito, no momento actual están pendentes de fechar varias colaboracións con diferentes marcas que pouco a pouco irán desvelando.

Ceibe diríxese máis a "un sentimento" que a un público en concreto, como afirman os seus impulsores. Quizais esa identidade tan sólida, xunto a un mercado en constante expansión, sexan os motivos que explican o éxito de empresas como esta. "Queremos transmitir o orgullo que se sente por ter o privilexio de nacer e vivir na Galiza", subliñan. Tanto Pena como García teñen claro que o futuro do seu proxecto debe pasar por crecer, mais "sen perder a raíz".

O local por riba do global

Hoxe as tendencias que xorden nun determinado recuncho do planeta poden ramificarse e espallarse polo resto do globo terrestre, froito dos intercambios comerciais entre países. Porén, esas modas poden evolucionar dunha forma específica en cada territorio, como afirma Mónica Fernández. Esta mestra no Grao de Deseño de Moda da EASD Mestre Mateo considera que agora existe unha tendencia dentro da moda urbana a personalizar, mesmo mercar prendas ou accesorios para modificalos con estampados propios. "O meu alumnado mételle un bordado personalizado ás prendas para romper coa uniformidade, e iso constitúe un distintivo", explica. De acordo co seu punto de vista, a escala galega hai moitas marcas de personalización de camisetas que están moi ben posicionadas, e cada vez hai máis: "Nos sitios que fan estampados poden dedicarse a facer roupa por encargo". Por outra parte, Fernández asegura que, dentro da uniformidade global da moda, hai certa simboloxía propia da cultura galega que pode marcar a diferenza a respecto do exterior.

O auxe da moda

Na Galiza sempre existiu un grande interese pola moda que pasou de xeración en xeración. Actualmente, a mocidade galega non dubida á hora de apostar en todas aquelas carreiras e formacións que estean relacionadas co mundo das pasarelas. "O interese creceu sobre todos nos últimos. Na Mestre Mateo nunca pode entrar todo o alumnado que solicita praza porque son demasiadas persoas", relata a profesora Mónica Fernández. No país existe unha oferta académica ampla que se distribúe por distintas localidades. Por unha parte, está dispoñíbel o Grao en Xestión Industrial de Moda da Universidade da Coruña, que se imparte no campus de Ferrol. En Compostela poden cursarse as Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño na EASD Mestre Mateo. Finalmente, en Pontevedra, o estudantado que busque un título pos universitario pode optar polo Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo.