Detrás do micro do 'Faiado': así se fai un podcast en directo

Iria Ramos e Leila Fernández, no Carballo Interplay. (Foto: Aigi Boga)
Quen non pensou en gravar algunha vez unha conversa entre amigas? As do 'FAIADO PODCAST', desde logo, si. O Carballo Interplay como escenario, un lazo xigante, moito 'brilli-brilli' e reencontros... A receita perfecta para un programa en directo coa mestura xusta entre caos e diversión.

É venres. Sae o sol en Compostela e soan as alarmas do teléfono. Na capital, tres rapazas collen o coche camiño a Carballo (comarca de Bergantiños) mentres de banda sonora soa DGT, de Rotce e Bratzantifa. No maleteiro, unha bolsa de supermercado con cintas de cores, lazos rosas xigantes, grilandas e 'brilli-brilli'. Chegan ao destino despois de case unha hora de viaxe. Toca buscar onde aparcar; momento caótico.

Carballo non é demasiado grande, pouco máis de 31.500 habitantes e unha data que non se pode perder: o Carballo Interplay. Un evento que naceu no ano 2014 como o primeiro festival de webseries do Estado español e que agora dá espazo a creadores e creadoras dixitais. Podcasters, tiktokers, youtubers... ninguén quere faltar á cita. Catro días nos que o municipio se enche de xente, bulicio e coches para participar nos premios do certame ou poder asistir ás decenas de actividades que se organizan estes días, desde a estrea de webseries coma Delirio Sketchs até un coloquio sobre a comunicación do Real Club Celta, pasando pola emisión de podcasts en directo.

"Cando nos comezaron a parar pola rúa, nós flipabamos"

Quizais por iso Leila Fernández, Iria Ramos e Carlota Álvarez comezan a xornada aparcando nunha zona con límite de hora. Despois terán que mover o coche, pero de momento o obxectivo é achegarse até o Mercado de Carballo, deixar as cousas e saudar a Iria Fernández e Claudia Taboada, que o resto do ano viven en Madrid e acaban de chegar para a gravación do podcast en directo. Porque elas cinco son, na actualidade, O Faiado Podcast.

O primeiro, unha aperta. Porque, como sempre din, antes que compañeiras de traballo son amigas, e que bonito reencontrarse con motivos coma este. Cando comezaron dificilmente pensaban que conseguirían encher salas e auditorios. Nese momento, e no aburrimento entre clase e clase, comezaron a deseñar un proxecto que hoxe non deixa de abrirlles portas. O que si tiñan claro desde o principio é que querían facelo ben, e para iso non había outra forma que non fose o ensaio-erro, como contan, "tirando triplas até que algo saíse". Elas din que non coñecen "a fórmula do éxito", pero o esforzo e a ilusión forman parte da receita. Tanto é así, que até estiveron dispostas a deixar enterrado nun disco duro o primeiro programa que gravaron –e que nunca verá a luz–. Proba de que sempre se pode volver intentar.

Daquela eran oito, pero co novo ano chegaron tamén os cambios e, finalmente, deixaron o estudo de radio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC para comezar a gravar con Estudo Sete na Casa do Taberneiro, tamén na capital galega. Aí, a parte de realización e cámaras axilizouse, pero iso non implica que se reducise todo o traballo que hai detrás de cada episodio. Videochamadas para planificar os programas e guións máis fluídos.

Como contan, ao principio era distinto. Os guións incluían os saúdos, as despedidas, o apartado técnico... mais pasou o tempo e decatáronse de que iso non era o que buscaban; elas querían unha charla entre amigas, con chistes internos incluídos.

"Houbo moito ensaio-erro... o primeiro capítulo que gravamos nunca se emitiu"

Contactar cos convidados e convidadas, facer unha chuvia de ideas para o guión, desenvolver as preguntas principais, preparar o xogo do episodio, pensar no atrezzo do programa... Todo listo, falta só o café de antes. E iso é o que toca agora, xusto despois de recoller as acreditacións. Sentan nunha mesa da cafetaría do mercado, hai que repasar o guión –aínda quente da impresora–. Aínda así, non se nota moito a tensión. Elas din que "en peores prazas" estiveron e, polo momento, prefiren pórse ao día. Lembran como anécdota o bolo no Osa do Mar, en Burela (A Mariña), con cancelacións de entrevistas de por medio e invitados de última hora... porque ás veces hai que tirar de axenda de contactos. Malia todo, e aínda que recoñecen a presión, defínense como "adictas do directo, unha forma de conectar máis coas persoas mentres as ves rir de algo que dixeches". O único segredo é aguantar ben a presión.

...e acción!

Quedan cinco minutos para saír e parece que, agora si, chegan os nervios. Dous micrófonos a falta de un –o do Carballo Interplay e o dos seus clips para redes–, un pouco de maquillaxe no baño e, como se os invocásemos, os problemas do directo: hai que comezar sen convidados. Por sorte, non hai nada que varios bolos de práctica non poidan solucionar. Comeza así un capítulo ao que despois se unen Javier Ferreiro e Blanca Martínez, director e protagonista da serie Mariliendre. Así, falando do colectivo LGBT e dos espazos seguros, O Faiado Podcast remata un bolo máis no que estas cinco rapazas demostran que a xente nova ten moito que contar. E sempre vai haber quen nos escoiten.

A vida una ano despois

O ano pasado as rapazas de O Faiado Podcast gañaron o galardón ao mellor contido dixital no Carballo Interplay, xusto despois de recoller o premio Youtubeiras Revelación, e agora volven a este espazo cun proxecto que non deixa de crecer... aínda que o teñan que facer desde a distancia. Unha distancia desde a que recolleron tamén ese mesmo galardón, convencidas de que non o ían gañar. Para todas, un premio moi especial que as obrigaba a "facer unha ollada cara a dentro, expolo e exporse", todo isto competindo con proxectos que admiraban tamén profundamente. En definitiva, e como elas explican, "unha labazada tremenda para ser conscientes de que a xente escoitaba o noso podcast".