videoclip

Fotograma do videoclip 'Flight Sensei' (Foto: Narci Rodríguez dA Trio).
CULTURA

Do espazo á comarca de Noia: a viaxe de Narci Rodríguez dA Trio ao máis puro estilo Daft Punk

Narci Rodríguez dA Trio fecha unha etapa coa publicación do seu novo videoclip Flight Sensei, a última peza do seu album Apollo III. Ad infinitum (2022). A estética desta viaxe interestelar desde o espazo ás paraxes da comarca de Noia, unida aos ritmos electrónicos e ás voces melódicas, fai lembrar a algúns dos mellores traballos da mítica banda Daft Punk, aos que esta movida canción que reflexiona sobre o amor na súa forma máis sensorial non ten nada que envexar. Trátase ademais da antesala do V traballo desta banda políglota que emprega o galego, o portugués e o inglés como "motores lingüísticos". Segundo adianta Narci Rodríguez dA Trio a Nós Diario, o seu próximo disco, que sairá en setembro e no que o galego gañará aínda máis peso, "será moi diferente" e contará con moitas colaboracións tanto do panorama musical galego como do internacional.

DjMIL publica "Estival", adianto do seu EP 'Osos & Pandeiretas'
CULTURA

DjMIL publica "Estival", adianto do seu EP 'Osos & Pandeiretas'

Este domingo, 3 de marzo, fíxose público o videoclip de DjMil "Estival", o primeiro adianto do EP Osos & Pandeiretas , que estará dispoñíbel ao completo o vindeiro domingo, 10 de marzo, en streaming. "Estival" conta con letra e coa voz de Jamas, de Dios Ke Te Crew, que tamén se fixo cargo da produción e a posprodución do disco. Lucas Terceiro e Paula Cereixo son as responsábeis da creación do videoclip.
Fotograma do vídeo de Anxo Araújo. (Foto: Nós Diario)
CULTURA

VÍDEO | Así soa o avance do novo disco de Anxo Araújo

Anxo Araújo estreou esta quinta feira, 1 de marzo, Os días felices, o videoclip de presentación do seu segundo disco Aprender a bailar. O álbum estrearase o vindeiro 15 de marzo e estará dispoñíbel en vinilo, cd e nas principais plataformas dixitais. O músico pontevedrés presenta este novo sinxelo acompañado dun videoclip realizado por A Carrinha Vermelha, baseándose nunhas películas familiares súas rodadas en Super 8.
Dioivo - 'Ata o final'
CULTURA

Dioivo - 'Ata o final'

Novo videoclip, gravado no concerto de Dioivo no Pub Transylvania de Vigo xunto a Karracho e Mortal Maze.

Letra:

A mesma farsa unha vez máis, fannos crer que é liberdade
A democracia do seu imperio a ferro e sangue a imporán
Crense tocados por Deus e co dereito a saquear
e dobregar as almas libres, só podes morrer ou matar

Loitarei, loitarei, loitarei ata o final
Loitarei, loitarei, loitarei ata o final

Falsa superioridade, é mellor quen mata a terra máis
Quen a cambio de ouro e prata devora ós seus irmáns
A humanidade morre lentamente, a eles dalles igual
O pesadelo xa é real, só podes morrer ou matar

Alguén terá que chorar, temos todo por gañar
Loita polos teus irmáns, só un pouco máis
Ata o final loitarei, ata o final loitarei

Loitarei, loitarei, loitarei ata o final
Loitarei, loitarei, loitarei ata o final
Loitarei, loitarei, loitarei ata o final
Loitarei, loitarei, loitarei, ata o final loitarei

Tanxugueiras e Valeria Castro - 'Hoxe, mañá e sempre'
CULTURA

Tanxugueiras e Valeria Castro - 'Hoxe, mañá e sempre'

Desde hoxe está dispoñíbel Hoxe, mañá e sempre, novo tema de Tanxugueiras en colaboración con Valeria Castro. A canción, que as catro artistas estrearon en directo o pasado 16 de decembro no Coliseum da Coruña durante o concerto fin de xira das galegas, trata sobre as persoas que se van pero que, dalgunha maneira, seguen presentes nos recordos para sempre. Nas súas propias palabras, "fai referencia a que cando nós marchemos teremos que estar tranquilas, porque o vivido é suficiente, xa fixemos o que tiñamos que facer. Hai que gozar do presente, da vida, que cando marchemos xa haberá xente que nos lembre aquí para manternos vivas".
'Onde Vam?', o novo vídeo de Ukestra do Medio
CULTURA

'Onde Vam?', o novo vídeo de Ukestra do Medio

"Onde vam? Onde forom? Onde estám? Essas nuvens, esse céu, ese mar, onde vam?". A banda Ukestra do Medio vén de estrear o seu último videoclip correspondente ao tema "Onde Vam?". Trátase dun vídeo "feito na casa", gravado cun teléfono móbil en Santiago de Compostela e en Boiro (comarca do Barbanza) no ano 2022 e que recolle a letra da canción. A peza forma parte do álbum Histórias cativas, último traballo da banda de Compostela que afianza a súa aposta polos temas propios, e o seu audio foi gravado e mesturado nos composteláns Estudios Potemkin por Jacobo Iglesias e Luís Iglesias, sendo masterizado por SAGE Audio. 

"Onde Vam?" é o sexto tema deste disco, e a súa letra fala das frustracións, da saudade duns tempos pasados difíciles de esquecer e das dificultades de superación persoal. Un texto, en definitiva, cunha certa amargura que contrasta co son vitalista que caracteriza a banda. 

Guadi Galego - 'O.D.A.'
CULTURA

Guadi Galego - 'O.D.A.'

"Estou viva", afirma Guadi Galego. Unha sentenza que a cantante declama e confirma no seu novo sinxelo, O.D.A., xa dispoñíbel nas principais plataformas dixitais. A música e compositora presenta o seu novo tema como toda unha declaración de intencións "sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida, de valorar o vivido como propio e reivindicar o dereito a seguir experimentando". Todo, apunta Guadi Galego, "sen desmarcarnos nunca da nosa responsabilidade propia e colectiva" e sen esquecer que "a alegría segue dentro de nós". Esta é a primeira canción que lanza a artista desde a publicación do LP Roibén (2022) e conta coa produción de Iago Pico (Pouland Studios) e un videoclip dirixido por Inés Salvado.
Caamaño&Ameixeiras - 'Ai de min'
CULTURA

Caamaño&Ameixeiras - 'Ai de min'

Habitando a morte desde a intimidade máis expansiva dunha canción que se creba por dentro. Iso é o que fan Caamaño&Ameixeiras en Ai de min, segundo e último sinxelo do que será 'Quitar o aire', o segundo álbum do dúo galego, que chega uns meses despois de presentar a "muiñeira sexy" A pequena morte. Neste caso, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras aluman a luz máis escura do seu cancioneiro cun canto á morte, un queixume desgarrador á ausencia final da persoa querida. E unha canción na que se dan a man a raíz do folclore galego máis ritual cun rexistro que as achega máis á canción alternativa de autor.
Fragmento do videoclip.
CULTURA

Mondra & Aida & Berto - 'Ruando'

"Mondra representa como ninguén a nova xeración de creadores que está a revolucionar a escena folclórica da Galiza". Con estas palabras presenta esta emerxente banda o seu último sinxelo, Ruando, que serve de adianto do seu primeiro disco, cuxa publicación está prevista para o vindeiro 22 de setembro. Ruando conta coa voz dunha das Tanxugueiras, Aida Tarrío, así como coa colaboración do músico Berto. Mondra é artista, cantareiro e bailador. Con ARDĒN, o seu primeiro traballo, presenta unha experiencia musical, visual e performativa, en diálogo coa música tradicional galega.
DEPORTES

ENQUISA | Que opinas do novo himno do Celta?

A Oliveira dos cen anos torna oficialmente no novo himno do Real Club Celta. Ten autoría colectiva, pois a C. Tangana sumáronse nos últimos meses, nun longo proceso de pre e pos produción, o catalán Cristian Quirante Catalán 'Alizzz' e os galegos Xosé Lois Romero, Xisco Feijóo, Quico Comesaña e Simeón Cantó Gavira 'Sime', este último un vello coñecido da parroquia celeste por ser o vocalista de Keltoi!. E na peza aprécianse as voces e as pandeiretas das Lagharteiras Lilaina, a pegada da emblemática Coral Casablanca e a presenza tamén dos músicos Pablo Drexler e Alizzz.

E ti, que opinas? Gostaches do himno do centenario?

Enxeito - 'Ganas de Verte'
CULTURA

Enxeito - 'Ganas de Verte'

A banda Enxeito presenta o videoclip do seu último tema, Ganas de verte, que formará parte do EP 'Estratocósmico'. Este álbum verá a luz ao longo do ano.
Dioivo - 'Cabeiros'
CULTURA

Dioivo - 'Cabeiros'

O dúo de metal vigués Dioivo, formado por Daniel Valladares Otero (batería) e Jacobo Mouriño Almeida (guitarra e voz), vén de estrear o seu novo tema con videoclip, Cabeiros. "Unha canción especial dentro do noso repertorio e amosa unha nova faceta do grupo", afirman. Cabeiros é un dos once temas que conforman o último álbum de Dioivo, 'Cara os Ceios Incrementes', que viu a luz a comezos de xuño e que inclúe tamén, entre outros, Retorno a Tagen Ata, unha adaptación musical da popular obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, que colabora co dúo, así como Hai sede na nova Galicia, no que poñen música ao poema homónimo do autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas de 2022, Florencio Delgado Gurriarán.
Gallego Común - '1/2 Rural'
CULTURA

Gallego Común - '1/2 Rural'

1/2 Rural é o último tema da banda Gallego Común. O videoclip foi dirixido, gravado e editado por Sergio Prado (Eido Cinema), e a canción, gravada, mesturada e masterizada por David Bleis (Creoenmi Producciones).

Tecor Societário - 'Caste dos Celtas'
CULTURA

Tecor Societário - 'Caste dos Celtas'

O grupo de celtic punk Tecor Societário presenta un dos temas que conformarán o seu próximo LP, que verá a luz a finais deste ano. Trátase de Caste dos Celtas, unha adaptación dunha composición de Suso Vaamonde e Alfredo Brañas que se publica da man dun videoclip filmado na Sala Capitol de Santiago o pasado 4 de febreiro. Tecor Societário é unha banda composta por Ares (batería), Cipri (baixo), Roi (acordeón), Marcos (guitarra), Iago (gaita) e Xabi (guitarra e Voz).
Hugo Guezeta, de Sondarúa, devólvelle o 'beef' a Boyanka Kostova con 'A derradeira lección do mestre'
CULTURA

Hugo Guezeta, de Sondarúa, devólvelle o 'beef' a Boyanka Kostova con 'A derradeira lección do mestre'

"Entro en cólera no próximo concerto en que alguén me fale de Alexandre Bóveda". Aquelas foron as palabras coas que o grupo Boyanka Kostova incendiou as redes por medio do seu tema Infeliche, publicado en Instagram para tirarlle 'beef' —termo inglés empregado para denominar unha disputa entre dous rapeiros ou grupos de rap que se dá a través de cancións en que se fan ataques de diversa índole con rimas— a Sondarúa, inmediatamente despois de que esta última formación se despedise oficialmente dos escenarios cun concerto na Sala Capitol de Santiago. Agora o rapeiro Hugo Guezeta, xa ex de Sondarúa, devólvelle o 'beef' a Boyanka cun tema cuxo título xa alude á polémica de Bóveda: 'A derradeira lección do mestre'.

A produción, gravación e mestura corren a conta de Peter Petrowski, e o vídeo é obra de MalRaio Audiovisual.

A Muiñeira de Chantada, en versión electrónica
CULTURA

A Muiñeira de Chantada, en versión electrónica

O DJ compostelán Kike Varela, co gallo do Día das Letras Galegas, vén de publicar unha proposta alternativa da clásica Muiñeira de Chantada en versión electrónica. Acompáñano Gloria Cespón, orixinaria de Rianxo, e Puga, de Porto do Son. "O obxectivo deste tema é levar a música galega aos festivais. A idea xurdiu porque botei todo o verán de 2022 pinchando diversos remix a Terra, de Tanxugueiras, así que quería probar a levar eu outro tema galego que me gustase á música electrónica", explica Varela. A versión que os Verto fixeron desta popular muiñeira, di o DJ, foi a principal fonte de inspiración para a "base" deste tema que agora presenta.
'Lingua perversa', o novo tema da Banda da Loba con Monoulious DOP
CULTURA

'Lingua perversa', o novo tema da Banda da Loba con Monoulious DOP

O novo tema da Banda da Loba con Monoulious DOP.
Carabela - 'Catro pesos'
CULTURA

Carabela - 'Catro pesos'

'Catro pesos' é o primeiro sinxelo do álbum , co que se estrea a banda noiesa Carabela. "Cando na túa colección de discos comparten espazo privilexiado tanto o Kid A de Radiohead coma o Isué de Mercedes Peón acontecen cousas tan especiais coma este . O primeiro traballo da banda noiesa Carabela parte desas coordenadas tan diversas para alumear un EP de catro temas nos que dan unha nova volta ao timón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do indie pop, a electrónica e a música tradicional", sinalan desde A Regueifa Plataforma 2.0.
García MC e Xisco Feijoó - 'Quen Son Eu?'
CULTURA

García MC e Xisco Feijoó - 'Quen Son Eu?'

García MC e Xisco Feijóo presentan o videoclip de Quen Son Eu?, gravado en Vigo. A letra, voz, produción executiva e co-produción musical corre a conta de García MC, con Xisco Feijóo acompañando na voz e a pandeireta e con arranxos de Héctor de la Rosa. A gravación, co-produción musical, edición, mestura e masterización en Pouland Studios é obra de Iago Pico.
Boroa - 'Naos'
CULTURA

Boroa - 'Naos'

O' Clásico Fol é o traballo co que se presenta o novo proxecto musical liderado por Sabela Olivares, a cargo da gaita, piano, pandeireta e voz, canda Suso Bello —guitarra e voz— e Alberto Millán —baixo—: Boroa. A súa música, explican, "xira arredor da funcionalidade e versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías do século XXI". Conta, aliás, con colaboracións como a do músico de jazz Xosé Miguélez. Así soa o tema Naos, publicado esta mesma sexta feira acompañado do videoclip que se reproduce a continuación.