A historia marítima baixo as nosas augas

Gravado do 'SS City of Agra' (Universidade de Glasgow).
star
MEMORIA E HISTORIA

'City of Agra', décimo sexta entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Poucos barcos deixaron tan fonda pegada na historia como o 'City of Agra' entre Arou e Camelle. Da súa variada carga destacaban gaiolas que ían ser empregadas para capturar animais salvaxes na India, destino final deste buque mixto que saíu de Glasgow, facendo escala en Liverpool, que ao ir deixando pola popa as illas británicas sufriu na súa viaxe un temporal campal, como din por estas latitudes, até que co rumbo errado no medio da noite, con brétema e un forte chuvasco, foi colidir finalmente cuns baixos situados fronte a entón aldea mariñeira de Arou, cando o reloxo de a bordo pasaba 9 minutos da medianoite do 3 de febreiro de 1897. Descubride de seguido o que este naufraxio nos legou…
'SS Trinacria'. Xentileza de The Peabody Museum of Salem.
star
MEMORIA E HISTORIA

'Trinacria', décimo quinta entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Cóntase que un can de augas que ía a bordo deste barco británico estivo moito tempo sobre a tumba do capitán do 'Trinacria', Samuel Murray; mesmo se fala de que axudou a salvar varios náufragos e que logo, desfeito de batelo o mar contra as rochas, faleceu e foi soterrado cos propios náufragos. Existe outra historia que fala dunha fermosa muller cunha gran cabeleira loira e de pel moi branca que estivo presa polo seu pelo dos restos do barco e que ao baixar a marea as súas pernas sobresaían da superficie do mar. Pasados 124 anos do naufraxio, Roberto e o seu fillo Xosé Manuel de Santa Mariña, contaríanme un episodio abraiante do noso patrimonio inmaterial, vencellado cos naufraxios da contorna…
Sección da maqueta da 'Magdalena' e forro de cobre do casco orixinal, no Museo Naval de Ferrol (Foto: Antón López).
star
MEMORIA E HISTORIA

'Santa María Magdalena', décimo cuarta entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

A visión da praia de Covas ao abrente é dantesca. Amoréanse centos de cadáveres dos naufraxios que esta madrugada aconteceron na ría… conta unha muller que atopou un pai e o seu fillo abrazados. A escuadra Cántabra que procedía dos portos de Santoña e Xixón procurou abeiro e viuse sorprendida por unha galerna de compoñente norte que varreu o ancoradoiro onde largaran estas naves as súas áncoras. Da praia veciña de Sacido chegan novas… Tamén alí hai moitos corpos cubrindo a súa area que comezan a ser peteirados polas gaivotas. Acaba de consumarse unha gran traxedia da que falarán as xeracións vindeiras da contorna e de todo o país… LPL. Viveiro a 2 de novembro do 1810.
'RA-1 Cíclope', embarrancado en Onza (Foto: José Villar Rico).
star
MEMORIA E HISTORIA

'RA-1 Cíclope', décimo terceira entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

A illa de Onza está situada a un terzo de milla de distancia ao sur da illa de Ons. Contan as lendas que nalgún lugar das 32 hectáreas do lombo de balea de Onza cuberto de matogueira, existe soterrado un tesouro berberisco e que todos aqueles que tentaron recuperalo esnaquizaron as quillas das súas naves nos baixos, cons e restingas que protexen a illa. Nos seus escarpados cantís aniña unha gran reserva de aves mariñas. A presenza do home neste paraíso do Parque Natural das illas Atlánticas de Galicia limítase a unha pequena chabola edificada polos militares. Precisamente, un barco da Armada española tentaba gañar a entrada da ría de Pontevedra, un afastado 22 de outubro do 1952, cando...
'SS Priam'. Óleo poxado na Caelt Gallery de Londres (Foto: Caelt Gallery).
star
MEMORIA E HISTORIA

'Música nas augas', duodécima entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Ao longo da historia, foron moitos os barcos que deixaron pegadas no noso extenso litoral porque os seus naufraxios constituíron perdas humanas que obrigaban a narrar as súas traxedias, ou ben porque os seus importantes e exóticos cargamentos fixeron agromar centos de contos que pasaron a engrosar a nosa inmensa tradición oral, recitados en coplas, cantados nas comparsas dos entroidos e lembrados aínda hoxe en calquera recuncho das nosas aldeas costeiras ao pouco que remexamos na memoria dos nosos maiores. Pensades que só aconteceu no filme O piano, a descuberta dun destes voluminosos instrumentos varado na costa ou existirán outros casos idénticos, incluso doutros instrumentos, nas nosas augas…?
1 O Padova embarrancado Arquivo de Manuel Santa Cruz Rojo
star
'A historia marítima baixo as nosas augas'

'Padova', undécima entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

O capitán do Padova retirouse ao seu camarote. Quitou o calzado e tras prender o gramófono, acendeu un cigarro e deitouse na cama mentres comezaba a soar, Otello de Verdi. Pechou os ollos e pensou na casa de Marsala a carón da praia, da que tantas veces lle insistira a súa muller de arranxar. Un paraíso. Unha táboa pregable facía de mesa onde había un libro sobre Pompeia, un cinseiro e unha foto del coa súa dona na festividade da patroa, Madonna Della Cava. Si… ao remate desta viaxe falaría con Guido, o seu cuñado, un bo albanel e aproveitando os cartos deste embarque satisfaría o soño de Fiore. O abaneo do barco detivo o disco. O capitán durmía alleo ao que estaba a piques de acontecer nas adegas do seu barco… 
Cadro sen título, sobre o naufraxio do Santa Isabel, pintado polo galego José Seijo Rubio (Foto: Centro Gallego de Avellaneda).
star
MEMORIA E HISTORIA

'Santa Isabel', décima entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Lembraba o meu amigo Tucho, aló polo 1966 e con catorce anos de idade que, a bordo da dorna familiar Segunda Marujiña, xunto ao seu pai e patrón, Juan de Piche, capturaban polbos entre a Pegar e Punta Besugueiros, xusto onde se ergue o faro da illa de Sálvora. Os cefalópodos que pescaban co cotelo, traían adheridos aos seus tentáculos moitos anacos de cerámica debullada e pulida nos seus cantos que o seu pai sen darlles a menor importancia volvía a guindar ao mar. Anos despois, laiaríase Tucho de non ter conservado moitas desas pequenas pezas de louza, pois descubriu que pertenceran á vaixela do vapor español 'Santa Isabel' que afundira de madrugada nese mesmo lugar, tras montar coa súa quilla a pedra da Pegar, facía 45 anos...
Agulla de Cleopatra remolcada polo vapor Olga, rumbo a Londres. El Globo, capa da edición do 25 de novembro de 1877.
star
MEMORIA E HISTORIA

'O periplo da agulla de Cleopatra', novena entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

O xornal español 'El Globo', na súa edición do 25 de novembro de 1877 informaba: "Tres magníficas reliquias de la antigüedad ofreció el Bajá Mehemet-Alí en 1801 a la Gran Bretaña, en recuerdo de los salvadores auxilios que las armas inglesas prestaron al Egipto en la batalla de Aboukir, ganada por el gran Nelson en 1798, y en la batalla de Alejandría, donde se verificó la terrible matanza de Ralph Abencromby en 1801: un precioso obelisco de Luxor, una estatua de Sesostris y la Aguja de Cleopatra". Esta última, a piques estivo de se converter nun tesouro gardado para sempre nas profundidades do Atlántico ao paso pola zona do Ortegal.
O buque 'Marbel' (Foto: www.webmar.com).
star
MEMORIA E HISTORIA

'Marbel', oitava entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Xoán Iglesias Rodríguez, foi un dos nove superviventes ao naufraxio do conxelador vigués, 'Marbel'. Fora contratado de cociñeiro a bordo para cubrir esta marea. Á súa chegada ao porto do Berbés, a prensa viguesa recolleu as súas primeiras impresións sobre a traxedia: "No intre de saír ao mar, o capitán estivo moi agarimoso coas familias dos tripulantes, dos cales a metade eran novos, e deulles cartos tanto ás súas familias como aos propios mariñeiros. Cando se produciu a explosión na sala de máquinas, en mar aberto o capitán corría dun lado a outro do buque poñendo estachas, que se partían de súpeto e daba ordes mais ninguén obedecía, os mariñeiros estaban a maioría moi bébedos".
O 'HMS Captain', no dique (Foto: www.paralibros.com).
star
MEMORIA E HISTORIA

'HMS Captain', sétima entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

O 7 de setembro de 1870, o Vicealmirante señor Alexander Milne, Comandante da División naval da Mancha, dirixía ao almirantado británico, por medio da nave Psiquis, o seguinte telegrama: "Láiome de ter que lle transmitir unha dolosa nova. O Captain debeu irse a pique esta noite. Ás dúas da mañá, atopábase aínda á vista do meu navío; produciuse un imprevisto refacho de vento violentísimo de súpeto, dende o suroeste; intres despois, ollando ao lugar que ocupaba o barco, este desaparecera da superficie. Esta mañá, no lugar onde desapareceu, foron atopados algúns anacos das súas antenas. Desgrazadamente, todos os homes da nave desapareceron. Mañá parte o Inconstant coa miña relación detallada".
O 'Miramar' embarrancando 
nos cantís do Gargacido (Foto: Manuel Lugilde Penela).
star
MEMORIA E HISTORIA

'Miramar', sexta entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Na cidade de Palma de Mallorca existe unha rúa co nome de Aldea de Cariño, como agradecemento aos auxilios e humanidade amosada polos veciños e mariñeiros desta vila aos náufragos do paquebote Miramar, embarrancado e afundido aos pés do Cabo Ortegal a madrugada do 9 de febreiro do 1918, cando aínda quedaban uns meses para que rematase a primeira Gran Guerra Mundial. No rueiro cariñés, existen outras dúas rúas vencelladas á lembranza deste naufraxio, bautizadas cos nomes de Miramar e Avenida de Palma de Mallorca, que no seu día foran costeadas polo propio Concello de Palma...
Gravado do correo real, 'Pizarro', na capa do seu diario de navegación do 1772 (Ilustración: AGI).
star
MEMORIA E HISTORIA

'La Cantabria', quinta entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

España, que no derradeiro cuarto do século XVIII era o imperio máis extenso da terra, establece en 1764 unha compañía de correos marítimos reais dependente do Estado, con porto base na Coruña, de onde sairía un barco a primeiros de cada mes co obxectivo de intercambiar mercadorías e correos co porto da Habana. Transcorridos tres anos, faríao periodicamente cada dous meses, cos surxideiros platenses de Bos Aires e Montevideo. Un deses correos reais, a fragata La Cantabria, con base no porto herculino, perderíase na costa galega causando unha gran traxedia…
Recreación do naufraxio da fragata británica Speed, na praia de Ponzos (Ferrol), para a revista nº 14 de Columba. (Ilustración: Julio Ferrín).
star
'A historia marítima baixo as nosas augas'

'Speed', cuarta entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Este naufraxio constitúe un dos meirandes achados documentais para a historia naval de Galiza. O seu expediente fora arquivado na Capitanía Marítima de Ferrol, no mes de febreiro de 1815 e dende esta data ficou gardado nunha carpeta selada con lacre que se gardaba no AGMAB (Archivo General de Marina Álvaro de Bazán), un inmenso arquivo da Armada española situado na localidade de El Viso del Marqués (Cidade Real). Ao abrir esta cápsula do tempo que levaba dous séculos inalterada, o seu contido descubriunos un episodio abraiante acontecido entre os Estados Unidos de América e o Imperio británico, que se atopaban en guerra por segunda vez na súa historia.
'Salier', cortesía da Hapag - Lloyd.
star
'A historia marítima baixo as nosas augas'

'Salier', terceira entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

A emblemática navieira alemá Nord-Deutscher LLoyd decidiu despezar o Salier, antes de que este vello barco de pasaxe rendera a súa derradeira viaxe, recollendo os soños de moitas familias e de moitas persoas que abandonaban Europa para cruzar o Atlántico na procura dunha mellor vida nas Américas. A Coruña foi o derradeiro porto que tocaría este buque antes de internarse na escuridade da noite e do temporal que o agardaba, aconchándoo contra as Basoñas, uns temidos cons situados fronte á parroquia de Xuño (Porto do Son). A pasaxe durmía e a tripulación de garda foi testemuña muda da traxedia. Ninguén sobreviviu. Eran as 5:30 da madrugada do 8 de decembro de 1896…
Ilustración do naufraxio do 'HMS Serpent'. (Foto: Nós Diario)
star
MEMORIA E HISTORIA

'HMS Serpent', segunda entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

A perda deste buque da Royal Navy a fatídica noite do 10 de novembro de 1890 na Punta do Boi, en Camariñas, constitúe unha das traxedias marítimas por excelencia na costa galega, a pesar de se teren producido naufraxios con maior número de vítimas.
Nais e viúvas dos mariñeiros do Ave del Mar. (Foto: F. Siorty)
star
MEMORIA E HISTORIA

'Ave del Mar', primeira entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas'

Afundiuse na illa de San Martiño, patrón de Moaña, o mesmo día que se celebraba a súa festividade.