En decembro a patronal do metal, Asime, outorgou a súa distinción de honra ao fundador de Ganomagoga e vogal durante unha década da súa directiva gabando a súa traxectoria no sector. O pasado 29 de marzo a compañía solicitaba o concurso de acredores e o ERE para os 200 traballadores por débedas que ascendían a 20 millóns de euros. "A verdade saberémola nos próximos meses", apuntan desde a Plataforma de traballadores do metal de Pontevedra.
No auto, contra o que cabe presentar recurso, a maxistrada tamén declarou a apertura da fase de liquidación e acordou a disolución das mercantís e o cesamento dos administradores.
Decenas de afectados mobilizáronse esta sexta feira diante do Consistorio vigués para reclamar o apoio do Goberno local, como xa fixeran a pasada semana en Ponteareas, outra das localidades nas que opera o grupo.
Segundo explican desde o comité de empresa, presidido pola CIG, o obxectivo é contar co apoio do Concello “ante as Administracións públicas superiores para tratar de buscar algún tipo de financiamento ou interlocución”.