Agora

Flora Pérez Marcote e Alfonso Rueda Valenzuela, esta sexta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Rueda tomará posesión do seu cargo como presidente no Panteón de Galegas Ilustres

O candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, tomará posesión do seu cargo o próximo sábado, 13 de abril, na igrexa de Bonaval, en Compostela, onde se sitúa o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, como quinto presidente da Galiza na XII Lexislatura. O mesmo fixo Gerardo Fernández Albor (Alianza Popular), primeiro presidente da Galiza elixido polo Parlamento galego ao remate da ditadura franquista.
O Alto de San Cibrán, entre Ponteareas e Salceda. (Foto: USC)
Agora

Unha campaña de escavación arqueolóxica mostra un recinto fortificado

Froito da colaboración entre o proxecto 'Castelos no aire' de investigación arqueolóxica sobre as fortificacións altomedievais galegas e a comunidade de montes veciñais da Picoña, esta semana comezou unha campaña de escavación arqueolóxica no Alto de San Cibrán, situado na extrema entre as parroquias de Guláns, en Ponteareas (O Condado), e A Picoña, en Salceda de Caselas (comarca de Vigo). Os traballos diríxeos o investigador e arqueólogo do grupo de investigación Síncrisis da USC Mario Pereiro, que explica que o Alto de San Cibrán –lugar de referencia para as dúas parroquias que acolle unha romaría dúas veces ao ano– agocha un recinto fortificado "moi interesante, cunha extensión próxima ás 5 hectáreas e cunhas evidencias construtivas aínda recoñecíbeis".
Xubiladas e pensionistas da CIG, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Arxina)
Agora

Pensionistas da CIG exixen medidas urxentes para dignificar a vida das persoas maiores

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentráronse esta quinta feira ás portas do edificio administrativo da Xunta da Galiza para trasladarlle ao novo Goberno galego as súas cinco demandas esenciais para dignificar a vida das persoas maiores: recuperar a sanidade pública galega, un sistema público de servizo de atención ás persoas, recuperar a atención sen cita previa, un plan de envellecemento activo e reforzar as pensións.
A galega, conversando co tenista Carlos Alcaraz no Pazo do Pardo. (Foto: Europa Press),
Agora

A triatleta Susana Rodríguez recolle o Premio Nacional do Deporte

A triatleta galega Susana Rodríguez Gacio recibiu  no Pazo do Pardo, en Madrid, a distinción de 'Premio Nacional do Deporte' na categoría de 'Mellor Deportista Feminina'. "Este é un día moi especial para min; estou moi honrada por este recoñecemento, porque é a primeira vez que se concede a unha deportista con discapacidade", indicou a campioa paralímpica nos Xogos de Toquio 2020, engadindo que após "seguir estes premios durante moitos anos" chegara a pensar "que eran unha porta que nunca se ía abrir por moito que fixese, pero é certo iso de que todo chega". Ademais, a viguesa de 36 anos reivindicou, ao mesmo tempo que agradecía ao xurado, "que valorasen" os seus resultados "como se fosen dunha atleta sen discapacidade", porque, apostilou, "así ten que ser".
 
Blinken, titular de Exteriores dos EUA, e Stoltenberg (OTAN). (Foto: NATO / DPA vía Europa Press)
Agora

A OTAN insiste en que "Europa precisa os Estados Unidos para a súa seguridade"

Na celebración a quinta feira do 75 aniversario da súa fundación, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, reiterou que “Europa necesita os Estados Unidos para a súa seguridade”, ao tempo que Washington precisa a “vasta rede de Intelixencia” e a “influencia diplomática” europea. Un terzo dos Estados europeos non pertence á alianza militar liderada polos Estados Unidos.

Marián Ferreiro, Xurxo Lobato e Susana Alaniz, esta cuarta feira en Narón. (Foto: Xurxo Lobato)
Agora

Xurxo Lobato rende homenaxe ás persoas represaliadas en Ferrol en 1972

O fotógrafo coruñés Xurxo Lobato presentou esta cuarta feira en Narón (Ferrolterra) Rostros da memoria. Ferrol 1972, unha obra protagonizada por trinta persoas fotografadas por Lobato en branco e negro que sufriron a represión da ditadura franquista polas loitas obreiras decorridas en Ferrol no ano 1972. Nun ateigado Café Teatro, Lobato estivo acompañado da alcaldesa Marián Ferreiro e da presidenta da Asociación Fuco Buxán, Susana Alaniz. Esta obra, que edita a mencionada asociación, completa o traballo que Xurxo Lobato fixo en 2008 (Rostros da memoria) enfocado nas vítimas do franquismo na Galiza, e rende homenaxe a "só unha pequena parte" das persoas represaliadas. Ten, así, un "carácter simbólico que engloba os que naquel ano sufriron a represión".
A ría do Burgo, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Agora

Mariscadoras da ría do Burgo alertan da ausencia de "acondicionamento" previo para o sementado

As mariscadoras e os mariscadores da ría do Burgo, na Coruña, denunciaron a ausencia de "acondicionamento previo" para o sementado de bivalvos con motivo das obras de dragaxe, nun informe elaborado pola Confraría. Nel analizan as obras executadas e outras aínda non rematadas nos distintos bancos marisqueiros e indican que "non se realizou acondicionamento previo dos bancos marisqueiros" necesario para o sementado.
A galega bica o trofeo WTA 125 que gañou sobre a terra batida turca. (Foto: Megasaray Hotels Open).
Agora

Jéssica Bouzas, a un paso do 'Top-100' da WTA

 A Galiza está a piques de volver a contar, moitos anos despois, cunha galega entre as 100 mellores tenistas do mundo. Trátase da vilagarciá Jessica Bouzas, quen tras conquistar a pasada fin de semana o seu primeiro torneo WTA 125, en Antalya (Turquía), ascendeu até a posición 104 do ránking. Así, a deportista de 21 anos fica a un paso de coller a remuda da pioneira, Lourdes Domínguez, quen asaltou o 'Top-100' mundial en 2005, onde logrou manterse ininterrompidamente até 2009, chegando a ascender até o número 40. Non obstante, a pontevedresa non se afastou ese ano da elite, pois en 2010 volveu a ese 'Top-100', onde permaneceu até 2016, un ano antes dunha retirada que deixou orfo o tenis da Galiza até a irrupción da súa herdeira natural, unha Jessica Bouzas que explotou neste 2024.
Dependencias dos xulgados de Lugo (Foto: Europa Press).
Agora

Un xulgado abre dilixencias contra unha nai e unha avoa que acusaron unha profesora de envelenar e maltratar unha nena

O Xulgado de Instrución número 2 de Lugo abriu dilixencias, por un presunto delito de inxurias e calumnias, contra a nai e a avoa dunha nena que acusaron a unha das profesoras do centro educativo ao que asiste a menor de maltratala e envelenala. A docente, a quen as dúas mulleres culparon en reiteradas ocasións de someter á menor a diferentes tipos de malos tratos e de tentar envelenala, foi quen presentou a denuncia ao sentirse prexudicada por estas acusacións.

O ministro de Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres. (Foto: Gustavo Valiente / 
 Europa Press)
Agora

O Goberno español aprobará medidas de restitución para as vítimas da Guerra Civil

O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, anunciou esta terza feira que o Goberno español levará ao Consello de Ministros e Ministras do 23 de abril a constitución dunha comisión para o recoñecemento de vítimas durante a Guerra Civil e tamén durante os anos 1978-1983, xa durante o período democrático e para continuar coas exhumacións. Tamén se aprobou unha comisión en defensa do pobo xitano. 
Casa do Concello de Cariño (Ortegal). (Foto: Pepe do Couto)
Agora

A auga de Cariño volve ser apta para o consumo

O Concello de Cariño (Ortegal) levantou a prohibición de consumo de auga en varias parroquias nas que permanecía vixente desde comezos de marzo, cando as análises na estación de tratamento do Castro detectaron elevados valores de trihalometanos. Deste modo, o consumo da rede de abastecemento volve estar permitido desde a tarde da segunda feira nas parroquias de Cariño e A Pedra, unha vez as analíticas sinalaron unha mellora das condicións da auga, que xa fora notificado á Consellaría de Sanidade. Desde o Concello, que encabeza a popular Ana María López, sinalaron que se instou a adxudicataria a axilizar a intervención na estación de tratamento e levouse a cabo un purgado da rede ante sospeitas de que un dos codos do circuíto podía ter acumulados trihalometanos.
Fotograma de 'A moza que abortou e o contou', de Cid e Quiroga.
Agora

O Carballo Interplay xa ten todo listo para iniciar a súa undécima edición

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay prepárase para festexar a súa undécima edición entre o 4 e o 7 de abril en Carballo (Bergantiños). Como novidade, a localización das actividades e proxeccións será no Mercado da vila. Ademais, toda a programación é de balde. O festival centrado no eido audiovisual e dixital repartirá até 6.000 euros en premios, desde a Sección Oficial de Webseries até o novo premio a Mellor Creador e Canle de Contido Audiovisual en Galego, para o que están seleccionados 10 finalistas que presentarán os seus proxectos durante o festival.  O CIP, ademais, acollerá a estrea de A moza que abortou e o contou, o proxecto gañador na pasada edición ao premio a Mellor Proxecto de Serie Web, dirixida por Eire Cid e Rosalía Quiroga.
Tren Avant de Renfe. (Foto: Europa Press)
Agora

Renfe suprime unha das liñas diarias entre Lugo e Madrid

Lugo perderá a partir do 8 de abril un dos poucos trens que aínda chegan á súa estación. Segundo confirmou Renfe, e con motivo da reestruturación de horarios que as obras na estación de Chamartín-Clara Campoamor obrigan a acometer na Galiza, Lugo perderá o Alvia que saía ás 10.50 horas con dirección Madrid. En sentido contrario, suma unha nova frecuencia, pois sairá desde Chamartín ás 19.15 horas un tren que chegará a Lugo ás 0:15 horas. Ficarán, polo tanto, serán tres os servizos Lugo a Madrid, e cinco de Madrid a Lugo. Estas modificacións serán temporais, segundo indica Renfe, e manteranse cando menos até xullo, mentres duren as obras na estación de Chamartín.
Dúas persoas camiñan pola beira do mar en Sanxenxo, no Salnés (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Agora

A Galiza fechou a Semana Santa cunha ocupación no sector turístico entre 60% e 85%

A Galiza fechou a Semana Santa cunhas porcentaxes de ocupación no sector turístico entre 60% e 85%, unhas cifras inferiores ás esperadas, segundo o Clúster de Turismo, en boa medida debido ás malas condicións meteorolóxicas que reduciron as reservas de última hora, sinalaron desde esta institución. O perfil das turistas que visitaron a Galiza foi maioritariamente de orixe estatal e de proximidade, engadiron.
O ministro español de Agricultura, Luis Planas, esta terza feira no Senado (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
Agora

O Executivo español espera pola resposta do agro ás súas medidas

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, reiterou esta terza feira que, en liña co "compromiso" coas explotacións agrícolas e gandeiras, presentou unha proposta "completa e traballada de medidas que dan resposta ás súas preocupacións". Así o fixo en resposta a unha pregunta parlamentaria no pleno do Senado sobre o documento que o Goberno estatal presentou antonte con 43 medidas, entre elas créditos ICO por valor de 700 millóns de euros, o reforzo da AICA (Axencia de información e control alimentarios) para mellorar o cumprimento da Lei de cadea alimentaria ou bonificacións fiscais. Con esta iniciativa, o Goberno estatal pretende dar resposta ás demandas de agricultoras e gandeiras co obxectivo de alcanzar un acordo e pór fin ás mobilizacións do campo. O Executivo español atópase agora á espera dunha resposta por parte das principais organizacións profesionais agrarias do Estado español a este documento. Neste sentido, o ministro apelou a que as forzas políticas dean liberdade a estes colectivos "para xulgar, sen presións de ninguén, o que deben decidir".
Luís Montenegro e António Costa a semana pasada en Lisboa. (Foto: Gerardo Santos / Global Imagen / Europa Press / Contacto)
Agora

O conservador Luís Montenegro (PSD) xa é o primeiro ministro de Portugal

Luís Montenegro, do conservador Partido Social Democrata (PSD), tomou posesión na tarde desta terza feira como primeiro ministro de Portugal en substitución de António Costa (Partido Socialista) tras ser designado polo presidente Marcelo Rebelo de Sousa (PSD) logo dos comicios do mes pasado. Para que o seu Goberno asuma todas as funcións previstas na Carta Magna o seu programa ten que ser avalado na Assembleia na sesión do 11 e 12 de abril.
velella hidrozoo medusa
Agora

Milleiros de medusas ‘veleiriños’ chegan ás praias de Muros e Carnota

Miles de medusas 'veleiriño' (velella velella) chegaron durante as últimas horas a praias da comarcas de Muros.  En concreto, puidéronse ver nos areais de Lariño ou de Area Maior e tamén noutros como a praia do Rostro. A borrasca Nelson, que deixou fortes choivas e intensas choivas durante os últimos días na Galiza puido ser a causa de que as correntes arrastrasen a estes exemplares ata terra. Os 'veleiriños' son hidrozoos. É unha especie peláxica de superficie que frecuentemente forma grandes enxames. Más frecuente durante o inverno e a primavera. No outono e inverno a especie pervive en forma de medusa. Non é perigosa mais recoméndase non tocala. 

Integrantes do grupo durante o Festival Internacional Rebulir. (Foto: Europa Press)
Agora

A Asociación Cultural Rebulir representará Galiza no Festival Intercéltico de Lorient

A Asociación Cultural Rebulir de Ramirás (Terra de Celanova)foi o grupo seleccionado para representar Galiza no Festival Intercéltico de Lorient (Bretaña) 2024, unha noticia que a entidade asume "con moita responsabilidade e emoción". A delegación galega estará conformada por 45 artistas de Rebulir, entre os que se inclúen músicas e músicos, pandeireteiras e pandeireteiros, bailadoras e bailadores, así como unha representación do Entroido con Peliqueiros, Cigarróns e Bonitas de Sande. Segundo recolle a páxina web do festival, Rebulir combinará coreografías galegas, cancións tradicionais e música do xénero das charangas. O grupo poderá actuar cada noite ante 15.000 persoas e participar no gran desfile das nacións celtas con perto de 100.000 espectadoras.
O deporte da boccia practícase en cadeira de rodas. (Foto: CPE).
Agora

O deporte adaptado da Bocia toma Narón

O pavillón da Mocidade, na Gándara (Narón), acollerá os vindeiros 6 e 7 de abril a Liga Galega de Boccia, un deporte practicado por persoas en cadeira de rodas con parálise cerebral, lesións cerebrais ou unha discapacidade física severa no que deben colocarse nun dos extremos da pista, desde onde lanzan as bolas. Baixo a organización do Concello naronés e a Asociación Cultural ASCM, coa colaboración da Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA), a acción comezará o sábado 6 ás 9.30 coas categorías BC3 e BC5, que disputarán un total de 18 partidos. Xa para o domingo, desde as 10 e até as 13, fican os 10 encontros restantes desta primeira edición da Liga Galega de Boccia.
 
Unha moza agarda no aeroporto de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
Agora

Facua critica o Ministerio por fechar expedientes de sanción contra varias aeroliñas

Facua lamentou esta segunda feira que o Ministerio español de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2023 fechase o expediente de sanción aberto o pasado verán a varias aeroliñas que non facilitaban teléfonos gratuítos para atender as persoas usuarias, que quedaron así sen sanción. Neste sentido, o propio Ministerio informou de que chegou a acordos con varias destas aeroliñas e que estas, sinalou, comprometéronse a facilitar este servizo.