Agora

Manifestación contra Donald Trump fronte ao xulgado, a segunda feira. (Foto: Gina M Randazzo / ZUMA Press Wire / DPA)
Agora

Donald Trump incide en que é vítima dunha "persecución política" na apertura do primeiro xuízo penal contra un ex presidente dos EUA

O primeiro xuízo penal contra un ex mandatario estadounidense deu inicio a segunda feira en Nova York con Donald Trump como acusado por 34 cargos de falsificación documental, nunha trama na que tería pagado 120.000 euros a unha actriz e directora de cine pornográfico para que ocultase unha presunta relación fóra do matrimonio. Trump, candidato republicano nas presidenciais de novembro, cualificouno como unha “persecución política”.
O podio feminino: Irene (dereita), Merche (esquerda) e Chus. (Foto: FGDA).
Agora

Bonxe faise coa vitoria na Liga Atlántica de Billarda

A Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda levou a cabo a súa xornada número 14 no lugar de Vista Alegre, Soandres (A Laracha). Alí, e baixo un sol de xustiza, emerxeu como gran triunfador un palanador chegado desde a Terra Chá, Bonxe (Río Miño-Castro de Rei), quen inscribiu por vez primeira o seu nome na listaxe de gañadores, sendo acompañado no podio da categoría individual absoluta por Abel Regueiro (Cochiqueiros de Cerceda) e Eladio (Campo da Feira-Paiosaco). No referente á absoluta, impúxose Irene (Cochiqueiros), escoltada no caixón por Merche (APB A Laracha) e Chus, tamén de Cochiqueiros, mentres que na infantil o mellor foi o sempre seguro Valentín (Filloas de Sangue da Coruña), que a piques estivo de dar a sorpresa na absoluta.
 
José María Fonseca e Roberto Verino. (Foto: Terras Gauda)
Agora

Terras Gauda adquire 25% de Bodegas Gargalo, propiedade de Roberto Verino

O grupo Terras Gauda e Bodegas Gargalo (presidida por Roberto Verino) asinaron esta segunda feira unha "alianza estratéxica", que se plasma na entrada do primeiro no capital social de Gargalo, coa adquisición dun 25%, e coa incorporación dos seus viños á oferta que xa ten Terras Gauda. O presidente de Terras Gauda, José María Fonseca, e o de Bodegas Gargalo, Roberto Verino, destacaron os obxectivos comúns: "singularidade e excelencia".
Queima forestal (Foto: Europa Press).
Agora

Prohibidas as queimas agrícolas e forestais de particulares até novo aviso

A Xunta da Galiza prohibiu as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares a partir desta segunda feira e até novo aviso, o que implica que non se darán máis permisos e que os xa concedidos quedarán en suspenso. Segundo informou o Executivo galego, quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o servizo de prevención en defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispondo dos medios de extinción precisos. A decisión tomárona tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de incendio. Tamén, detallou a Xunta, tendo en conta que a normativa prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control. A Consellaría do Medio Rural solicitou a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento.

Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).
Agora

Falece un home tras saírse da estrada en Santa Comba

Un home de 81 anos perdeu a vida tras saírse da vía co seu vehículo na estrada que conduce de San Cristovo a Grixoa, na parroquia de Mallón, en Santa Comba (Xallas). Segundo informou o 112, foi ao fío das 21.45 horas do sábado cando un particular alertou dos feitos e explicou que o coche quedara envorcado lateralmente e que o implicado non respondía á súa chamada. A central de emerxencias deu aviso a 061, Bombeiros de Santa Comba, Garda Civil e Protección Civil. Unha vez no punto, os bombeiros indicaron que a persoa, única ocupante do vehículo, estaba liberada e accesíbel. Con todo, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.
Concello de Catoira. (Foto: Turismo Rías Baixas)
Agora

Eliminada unha vertedura de augas residuais en Catoira

O Goberno galego, a través de Augas da Galiza, vén de eliminar unha vertedura de augas residuais na parroquia de San Miguel do concello de Catoira (comarca de Caldas). O persoal detectou nunha inspección rutineira este punto de vertedura de augas residuais, procedente dunha vivenda particular. As augas vertidas infiltrábanse no terreo sen recibir ningún tipo de depuración previa, polo que Augas da Galiza instou o titular do inmóbel a levar a cabo as accións necesarias para emendar a achega contaminante. Nunha nova inspección á zona, os técnicos constataron a eliminación do punto de vertedura, despois de proceder o responsábel da vivenda á canalización das augas residuais cara ao sistema de depuración autónomo existente no inmóbel.
Costa da Vela, en Cangas.
Agora

Buscan unha persoa que caeu ao mar tras envorcar a súa planadora en Cangas

Efectivos de emerxencias buscan por terra, mar e aire a unha persoa que caeu ao mar tras envorcar unha planadora en Cangas (O Morrazo), un suceso ocorrido a última hora desta sexta feira. O aviso deuse pouco antes das 20 horas, cando un particular informou de que presenciara o suceso na Costa da Vela, á altura da parroquia do Hío. Segundo dixo, o tripulante caera ao mar e non era capaz de velo na auga. No momento, activouse un operativo coordinado por Salvamento Marítimo e que conta coa participación de persoal do 061, Servizo de Gardacostas da Galiza, Garda Civil e membros de Protección Civil de Cangas por terra. Á primeira hora deste sábado renováronse os labores de procura, nos que participan o helicóptero de Salvamento Marítimo, así como embarcacións de rescate de Salvamento, do Servizo de Gardacostas e da Garda Civil, que tamén mobilizou os efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS).
O ex presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, á dereita (Foto: duardo Parra / Europa Press).
Agora

Traballo retira a distinción a Fernández Gayoso, ex directivo de Caixanova

O Ministerio de Traballo procederá a retirar, con carácter inmediato, as medallas ao mérito de Traballo a persoas condenadas por corrupción, medida que afectará o ex directivo da extinta Caixanova Julio Fernández Gayoso, condenado polo cobro indebido de prexubilacións. Así o avanzou a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, nunha comparecencia de prensa na que destacou que a revogación é pertinente para aquelas persoas que "están lonxe da exemplaridade" que requiren ditas medallas, en alusión ao caso de Fernández Gayoso e ao do ex presidente da CEOE Gerardo Díaz Ferrán, que fora condenado en varias sentenzas e cuxa distinción ao Traballo tamén será retirada. 
E. Rama e G. Meloni na sinatura dun acordo migratorio en 2023. (Foto: Roberto Monaldo / Europa Press / Contacto / LaPresse)
Agora

Albania inicia a construción dos centros de detención de migrantes pactados con Italia

A pesar das críticas de entidades en defensa dos dereitos humanos e dos residentes, Albania xa está a construír un centro de detención de migrantes no porto de Shengjin, informou a sexta feira o portal Balkan Insight, un dos dous que edificará tras asinar o Goberno progresista de Edi Rama un pacto co Executivo italiano de extrema dereita liderado por Giorgia Meloni para enviar até 3.000 persoas migrantes que sexan rescatadas por Roma no mar Mediterráneo. No caso de que as súas solicitudes de asilo sexan rexeitadas serían expulsadas deste territorio albanés. Isto transcendeu após aprobar o Parlamento da Unión Europea (UE) un pacto migratorio que consolida a externalización da xestión migratoria a terceiros países fóra do bloque comunitario.
O estremeño, á súa chegada ao Xulgado 4 de Maxadahonda. (Foto: Europa Press).
Agora

Pedro Rocha, candidato único á Federación Española de Fútbol... e imputado

A xuíz de Maxadahonda (Madrid) que investiga a presunta corrupción na Real Federación Española de Fútbol (RFEF) durante a xestión do anterior presidente, Luis Rubiales, decidiu imputar o ex presidente interino e candidato a presidir a entidade, Pedro Rocha, que esta sexta feira estaba citado para declarar como testemuña. Quizais facendo boa de novo esa frase atribuída ao XXVI presidente estadounidense, Franklin Delano Roosevelt, de que "en política nada acontece por casualidade, e se as hai, é porque foron moi ben preparadas", isto chega apenas unhas horas despois de que fechase o prazo de presentación de candidaturas a dirixir a RFEF, onde Rocha foi o único candidato. Como é habitual nestes casos, o acusado manifestou estar "tranquilo" e disposto a "colaborar coa Xustiza".
 
Jessica Bouzas. (Foto: RFET)
Agora

Jessica Bouzas axexa o título no WTA 100 de Zaragoza

A tenista galega Jessica Bouzas continúa demostrando a súa extraordinaria progresión aos seus 21 anos de idade, nesta ocasión no torneo WTA 100 de Zaragoza. Na competición aragonesa, a de Vilagarcía de Arousa superou esta sexta feira nos cuartos de final nin máis nin menos que á italiana Martina Trevisan, número 78 do mundo e semifinalista de Roland Garros en 2022, por 6-2 e 7-5. Con este resultado -e a falta do que aconteza nas semifinais do sábado e nunha hipotética final-, Bouzas entra virtualmente -a falta de que a WTA actualice o seu ránking- no 'Top-100' de tenistas mundiais por primeira vez na súa carreira, e aproxímase aos Xogos Olímpicos de París 2024.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, con Mar García, encargada do programa.
Agora

Pontevedra 'busca' contacontos

O edil de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou onte unha nova edición de "Bótalle un conto", un concurso que busca os mellores contadores de historias que viven en Pontevedra. "Bótalle un conto" posúe un camiño de participación concreto, onde logo da inscrición chegará o momento de contar e ser gravado nos diferentes locais sociais da cidade e das parroquias entre abril e maio.
Hospital da Mariña, en Burela (Foto: Xunta da Galiza).
Agora

Denuncian o "feche" de camas no Hospital da Mariña durante o verán

A xunta de persoal do Hospital Público da Mariña denunciou o "fechamento" da planta de Medicina Interna durante o verán. A CIG Saúde da Mariña criticou que o "fechamento carece de calquera xustificación técnica posíbel" e que "tan só obedece" a unha política sanitaria "de recortes do PP" que busca o "desmantelamento" da sanidade pública na comarca. Así, detallou que este "fechamento de camas" terá "consecuencias" para as persoas enfermas e "suporá o incremento" das derivacións ao Hospital de Lugo, ao "non existir camas libres" no hospital de Burela. "Unha práctica que se realiza durante os últimos meses e que provoca o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por motivo dunha mala planificación da dirección dun hospital que acaba de ser ampliado". Fontes da Consellaría de Sanidade precisaron que o feche de camas "non é algo exclusivo" do Hospital da Mariña e insistiron en que "estará dispoñíbel o 100% das camas" para seren utilizadas "sempre que sexa necesario, en calquera momento".
O tren de alta velocidade 'Avril' (Foto: Nós Diario).
Agora

Renfe recibe dez trens Avril para Galiza

Tras acumular un atraso de perto de dous anos, Renfe recibiu os dez primeiros trens Avril de Talgo para ofrecer os novos servizos de alta velocidade desde a Galiza e Asturias a Madrid. Anunciouno esta quinta feira o ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, que asegurou hai uns meses que as primeiras unidades chegarían en marzo, pero finalmente a empresa seguiu atrasando o pedido até agora. "Renfe xa recibiu os primeiros dez trens da serie 106 para ter a flota máis moderna de Europa e ofrecer novos servizos de alta velocidade á Galiza e a Asturias, ao tempo que nos permitirá recolocar material para proporcional mellores servizos noutros territorios", avanzou o ministro nas súas redes sociais. Prevese que circulen a partir do 21 de maio.
Antonio López e Elías Feijó, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Santi Alvite)
Agora

A USC conmemora os 50 anos da Revolución de Abril con historia, literatura e cultura

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conmemora os 50 anos da Revolución dos Cravos cunhas xornadas sobre a historia, literatura, cultura e política. Os actos, baixo o título '50 anos do 25 de abril', foron presentados esta quinta feira polo reitor da universidade, Antonio López, e o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó. As actividades decorrerán en dúas partes e a primeira delas decorrerá do 23 ao 25 de abril, con palestras a cargo de Isabel Margato, Xosé Fortes Bouzán, Margarita Ledo e Rui Pato. A segunda parte, que versará sobre a historia, decorrerá os días 7 e 8 de maio baixo o lema "O 25 de abril na historia" e contará coa participación de Pedro Pezart Correia, Fernando Rosas, Nieves Lagares e Manuel de Artaza.
Un positivo en testosterona aparta o vigués dos Xogos de París. (Foto: CPE).
Agora

Chano Rodríguez retírase por dopaxe

O nadador galego Sebastián, 'Chano', Rodríguez, gañador de 16 medallas nos Xogos Paralímpicos, oficializou esta quinta feira o seu retiro logo de recibir a comunicación por parte da Comisión Española para a Loita Antidopaxe (CELAD) dun positivo nun control. Nun comunicado, o vigués de 67 anos explicou que a mostra irregular "recolleuse durante unha concentración co combinado estatal en Sierra Nevada o 12 de xullo de 2023", e que a presenza no seu organismo de niveis excesivos de testosterona debeuse ao seu "erro de consumir suplementos que contiñan tales substancias prohibidas" a causa do seu "descoñecemento inescusábel". "Tratábase dunha medicación facilitada de boa fe por un profesional coñecido, pero todo deportista é responsábel de comprobar os produtos que consume e inxire", resaltou.
Nove de cada dez empresas dedícanse ao sector servizos. (Foto: Nós Diario)
Agora

A creación de empresas sobe 2% na Galiza en febreiro, menos que a media estatal

Galiza rexistrou un total de 386 sociedades mercantís en febreiro de 2024, o que supón 2,1% máis que no mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados polo INE esta quinta feira. O incremento galego está por baixo da media de avance do 7,9% que anota a media estatal, coa maior repunta en Asturias (22%). O capital desembolsado para a constitución destas compañías foi de 12,1 millóns de euros na Galiza. Todas as empresas creadas foron SL. Por outra parte, a disolución de empresas baixou 6%, até un total de 151. Do total de compañías que desapareceron, 139 fixérono de forma voluntaria, sete por fusión e cinco doutro tipo.
Presentación do evento en Pontevedra. (Foto: Concello de Pontevedra).
Agora

Volve a carreira ciclista Costa Atlántica de Pontevedra

A carreira Costa Atlántica MTB Tour regresa esta sexta feira cunha edición que se estenderá até o próximo domingo, 14 de abril, e que xuntará máis de 250 corredoras e corredores, duplicando a cifra de 2023. Durante o acto de presentación, que tivo lugar no Concello da Boa Vila e estivo conducido pola edil de Deportes, Anabel Gulías, explicouse que nesta ocasión a Costa Atlántica adoptará "un formato challenge", o que quere dicir que cada etapa das tres que a integran -unha contra o reloxo nocturna e dúas denominadas "maratón"- disputarase de forma independente, polo que aínda que unha participante non a finalice, si poderá disputar a seguinte sen ser descualificada.
A haltera Irene Martínez. (Foto: Instagram Irene Martínez).
Agora

A haltera Irene Martínez apártase da alta competición e regresa á Coruña

A haltera galega Irene Martínez anunciou que, aos seus 30 anos, deixa o Centro de Alto Rendemento (CAR) de León no que residía para volver a casa. "Despois do Campionato de Europa -onde rematou décimo quinta, perdendo así o último tren para estar nos Xogos de París, en boa parte por un problema de cadeira que arrastra desde hai anos- pensei en deixar completamente a halterofilia, pero quixen darme un tempo. Descansei dúas semanas e comecei a adestrar outra vez, pero xa non me apetecía, non estaba ben nin física nin mentalmente, non tiña gañas nin de tocar unha barra". Non obstante, a 14 veces campioa de España aclara que isto non é "unha retirada, nin moitísimo menos", senón que, tras 15 anos residindo en distintos CAR, volve ao Club Halterofilia Coruña para "empezar de novo".
Iria Castro e Álvaro Villasante, esta cuarta feira, en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Agora

Gastronomía, solidariedade e música danse a man nos Xardíns da Deputación

Os Xardíns da Deputación de Lugo acollerán o vindeiro 3 de maio o festival solidario Nos Seus Pés, organizado polo cociñeiro lucense Álvaro Villasante e o grupo Nove coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Trátase dun evento gastronómico e cultural a favor das persoas refuxiadas que busca recoller fondos para a ONG ProemAID, centrada no rescate e na atención en risco no mar. Desta maneira, recoñecidas cociñeiras e cociñeiros, a comezar por Villasante, participarán nun festival que mesturará gastronomía, música en directo e intervencións artísticas. Os primeiros detalles do programa avanzaranse este domingo, nun acto no que se proxectará o documental 24 millas, de Asier García e Unax Blanco, unha peza que recolle o primeiro rescate realizado por ProemAID no Mediterráneo en 2017.