Agora

O emérito esta sexta feira en Sanxenxo (Foto: José Ramón Hernando / Europa Press).
Agora

O ciclón Óscar fai cancelar os plans do rei emérito español para voltar a Sanxenxo

O ciclón Óscar empezará esta terza feira a se deixar notar na Galiza, cunha suba de temperaturas considerábel e que nas seguintes xornadas irá acompañado nas xornadas seguintes de borrascas, precipitacións fortes e vento. Unhas condicións meteorolóxicas que, entre as súas consecuencias, provocaron xa que o rei emérito español, Juan Carlos de Borbón, non poida voltar esta fin de semana a Galiza para participar nunha regata en Sanxenxo. Estaba previsto que esta sexta feira comezase unha nova rolda do quinto circuíto da liga estatal da clase seis metros de vela, á que pertence o Bribón, o barco que capitanea Juan Carlos de Borbón, mais a proba foi suspendida pola organizadora, o Real Club Náutico de Sanxenxo.
Lara Méndez, do PSdeG, e Rubén Arroxo, do BNG.
Agora

PSOE e BNG iniciarán esta quinta feira as negociacións para reeditar o goberno de coalición en Lugo

O PSOE e o BNG de Lugo cítanse esta quinta feira para dar os primeiros pasos nas negociacións encamiñadas a reeditar un acordo de goberno para a cidade e artellar o programa marco que rexerá no novo mandato municipal. O portavoz dos socialistas lugueses, Miguel Fernández, sinala que nesta reunión abordarán a estratexia do novo goberno tras cumprir "case na súa totalidade" o programa marco do anterior. Tamén se negociarán as áreas que corresponderán aos integrantes da coalición. Pola súa parte, o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, detallou que, polo de agora, "o único" que se puxo sobre a mesa foi o calendario de xuntanzas e o esquema sobre o que traballarán, e puntualizou que a intención do Bloque é "crear o mellor goberno e proxecto para Lugo, para que a cidade siga camiñando tal e como decidiron os veciños".

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Agora

Tres feridos nun accidente múltiple en Ribadumia

Tres persoas tiveron que ser evacuadas a un centro sanitario tras un accidente de tráfico ocorrido no municipio de Ribadumia (O Salnés) no que se viron implicados tres vehículos. Segundo informou o CIAE 112-Galiza, sucedeu na noite deste domingo, no quilómetro 4 da PO-300, á altura da parroquia de Lois. Varios particulares avisaron do accidente e relataron que unha das persoas implicadas sufrira unha indisposición debido a un problema médico e que ficaba inconsciente. As testemuñas tamén indicaron que as persoas feridas non podían saír dos coches. Os servizos de emerxencias colaboraron para retirar a unha das persoas do seu vehículo, mentres que as outras xa se liberaron por si mesmas. O persoal sanitario trasladou os tres feridos ao hospital.
Carga policial contra os bombeiros en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Agora

Bombeiros comarcais decidirán esta segunda feira se convocan folga en todo o país

A asemblea xeral de bombeiros comarcais da Galiza reunirase este segunda feira, 5 de xuño, coa fin de valorar "medidas de presión a tomar", coa proposta de folga a nivel galego encima da mesa. Esta asemblea, que decorrerá en Santiago, está convocada pola mesa intersindical de bombeiros -que conforman CIG, Comisións Obreiras, UXT e o sindicato independente de bombeiros, aínda que tamén conta con delegados de CSIF e USO-. O portavoz da mesa intersindical, Anxo Moldes (CIG), explica que se baralla a opción da folga "debido á inoperancia dos diferentes consorcios para a conversión de persoal laboral fixo de todos os bombeiros da Galicia, segundo a doutrina do Supremo do ano pasado".

Núcleo de vivendas na Coruña (Foto: Álvaro BAllesteros / Europa Press).
Agora

As execucións hipotecarias sobre vivendas caen 50% no primeiro trimestre

No primeiro trimestre deste ano rexistráronse no conxunto da Galiza un total de 66 execucións hipotecarias sobre vivendas, o que se traduce nun descenso de 50,7% en comparanza co mesmo período de 2022, cando se contabilizaron 134. Con base nas cifras publicadas esta sexta feira polo INE, esta caída é superior á media estatal, pois no conxunto do Estado español producíronse 3.693 execucións hipotecarias entre xaneiro e marzo, un 31,1% menos. Das 66 execucións na Galiza, 65 eran sobre vivendas de persoas físicas e unha sobre un domicilio de persoa xurídica. Aliás, houbo 128 execucións sobre leiras no país, das que 31 eran leiras rústicas.
O incendio en Crecente declarado o 18 de maio (Foto: Brigada de Marroxo).
Agora

A Xunta fixa o alto risco de incendios forestais entre o 1 de xullo e o 30 de setembro

A Consellaría do Medio Rural declarou a época de alto risco de incendios forestais entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, tal e como estabelece o plan de loita contra o lume (Pladiga) como período fixo para o verán. Así figura na resolución do Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada esta quinta feira, 1 de xuño de 2023, e que asina o conselleiro de Medio Rural, José González. Así mesmo, con esta orde facúltase ao director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, para "ditar cantas instrucións sexan precisas para modificar estas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios".

Transporte da compañía Gadis. (Foto: Gadisa)
Agora

Gadis reciclou en 2022 máis de 9.500 toneladas de residuos

O grupo de distribución alimentaria Gadis reciclou en 2022 máis de 9.500 toneladas anuais de residuos na súa aposta, asegura, pola "circularidade". Nun comunicado, sinala que a súa actividade baséase nun modelo de negocio "100% sostíbel" e cunha estratexia ambiental "ao redor da xestión responsábel dos residuos, a eficiencia enerxética, a optimización loxística e o impulso á produción sostíbel e de proximidade". "Máis de 95% dos residuos que xera na plataforma loxística central de Betanzos reciben unha nova vida útil aplicando un modelo de economía circular de forma transversal en toda a cadea de valor", engade a empresa.

 

Os grandes concellos galegos, como A Coruña ou Vigo (na imaxe) non teñen políticas de alugueiro de vivenda de titularidade pública. (Foto: Nós Diario)
Agora

O metro cadrado da vivenda de segunda man ascende até os 1.347 euros

A vivenda de segunda man na Galiza encareceu 3,39% en maio a respecto do mesmo mes de 2022, segundo o último informe do portal inmobiliario Pisos.com, que sitúa o prezo do metro cadrado en 1.347 euros, o mesmo que en abril. No conxunto do Estado español subiu o seu custo por volta de 6,47% en maio, até os 2.053 euros o metro cadrado. Por circunscricións, Pontevedra foi a que rexistrou un maior incremento, subindo 7,55%, até os 1.601 euros o metro cadrado. Na Coruña só creceu 0,07%, até 1.378 euros, mentres que en Lugo o incremento foi de 2,18%, con 910 euros, e en Ourense, de 0,74%, até 951 euros o metro cadrado.

Liña de montaxe da fábrica de Stellantis en Vigo (Foto: Víctor Cameselle).
Agora

Stellantis volve parar a súa actividade hoxe por falta de compoñentes

A factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis parará parte da súa actividade na tarde desta quinta feira pola falta de compoñentes. Tal e como informou a compañía aos seus traballadores, o Sistema 2 da fábrica, onde se ensamblan as furgonetas das diferentes marcas do grupo, deterase na quenda de tarde e de noite. Isto sucede días despois de que a firma anunciase que contratará unhas 700 persoas a partir de setembro para reactivar a súa quenda de fin de semana no propio Sistema 2 xa que, ao seu xuízo, existen as condicións necesarias para operar porque no que vai de ano esta liña só parara en dúas ocasións.
Intervención de Joe Biden fronte á Cámara de Representantes dos EUA. (Foto: Evelyn Hockstein / Pool via Zuma Press)
Agora

O Congreso estadounidense dá luz verde ao acordo sobre o teito de endebedamento

A Cámara de Representantes dos Estados Unidos aprobou na madrugada da cuarta á quinta feira [hora da Galiza] o pacto sobre o teito de endebedamento acordado previamente entre o presidente, Joe Biden, e o líder do Partido Republicano no órgano lexislativo, Kevin McCarthy. A reforma foi aprobada con 314 votos a favor e 117 en contra e ten por obxectivo evitar o estoupido dunha gran crise económica no país norteamericano. "Este é un compromiso bipartidista. Ningún dos lados conseguiu o que quería, e esa é a responsabilidade que implica gobernar", dixo Biden.
Oficina de Correos en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
28-M

Case 52.500 persoas votaron por correo na Galiza, 16% menos que en 2019

Un total de 52.469 persoas votaron por correo na Galiza para nas eleccións muncipais do próximo 28 de maio —16% menos que en 2019, segundo os datos facilitados esta sexta feira por Correos. Formalizaran a súa petición un total de 55.179 persoas, malia que non se materializaron todas. Aliás, aceptouse o voto de 103 galegos e galegas que residen temporalmente no estranxeiro. Do total de votos emitidos por correo, 18.460 correspóndense coa circunscrición da Coruña; 8.941, coa de Lugo; 9.201, coa de Ourense, e 15.867, coa de Pontevedra.

Momentos posteriores ao choque frontal en Allariz (Foto: Garda Civil).
Agora

Tres feridos tras unha colisión frontal entre dous coches en Allariz

Tres persoas resultaron feridas leves na colisión frontal entre dous turismos rexistrada na mañá desta sexta feira no polígono de Chorente, no concello de Allariz. Segundo informou a Garda Civil de Ourense, o suceso tivo lugar no quilómetro 216.700 da estrada OU-525, que permaneceu cortada uns minutos para facilitar o traballo dos equipos de emerxencias.Os tres feridos, entre eles os dous condutores dos vehículos implicados, foron evacuados en ambulancias do 061 de Urxencias Sanitarias até o CHUO.

A ex presidenta arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, saúda a terza feira desde un balcón do Senado os seus seguidores. (Foto: Leo Vaca / telam / dpa)
Agora

Fernández de Kirchner: "Ódianme e perséguenme porque son do pobo"

A vicepresidenta da Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, dixo  nun acto masivo en Bos Aires que é perseguida e odiada pola elite do seu país porque é "do pobo". "Por que cren que me odian, perseguen e proscriben? Porque nunca fun deles nin o vou a ser, fagan o que fagan, quéiranme matar ou meter présa, eu son do pobo e de aí non me movo", expresou Fernández no acto que se realizou para conmemorar os 20 anos da chegada ao poder de Néstor Kirchner (2003-2007).

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Agora

Falece un operario en Quiroga tras caerlle un piñeiro enriba mentres realizaba labores forestais

Un traballador faleceu na mañá desta quinta feira no municipio de Quiroga ao caerlle encima un piñeiro mentres realizaba tarefas forestais. O accidente produciuse minutos despois das 10.30 horas no lugar das Covas, que pertence á parroquia de Augas Mestas, segundo informou o CIAE 112 Galiza. Até o lugar mobilizáronse profesionais de Urxencias Sanitarias 061, que só puideron confirmar a morte do operario.

O encoro de Vilasenín, en Ordes (Foto: Turismo da Galiza).
Agora

Aparece nun encoro de Ordes o cadáver dun home que saíra pescar o día anterior

Os servizos de emerxencia recuperaron dun encoro de Ordes (comarca de Ordes) o corpo sen vida dun home que saíra pescar na tarde da pasada cuarta feira. Segundo informou o CIAE 112 Galiza á primeira hora desta quinta feira, o cadáver foi rescatado durante a mañá no encoro Vilasenín. O corpo corresponde a un home que saíra a practicar a pesca na tarde do mércores, como apunta a Axega a través da súa conta de Twitter.

bng
Agora

Lores expresa o seu "enfado" co Goberno español pola paralización de proxectos en Pontevedra

O alcalde de Pontevedra e candidato á reelección polo BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, trasladou esta cuarta feira o seu "enfado" co Goberno estatal pola "paralización de proxectos" na cidade. Referiuse, en concreto, ao proxecto para construír un vial que conecte a vella estrada de Marín coa autovía de entrada á cidade, unha infraestrutura que permitiría atender a "demanda histórica" da veciñanza de Mollavao de "lograr unha mellor calidade urbana e de vida".
O equipo de cirurxía que usou o rotob para a extraccioón do páncreas (Foto: Chuac).
Agora

Extirpan por primeira vez na Galiza un cancro de páncreas con tecnoloxía robótica

O persoal do equipo de cirurxía xeral do Complexo Hopitalario Universitario da Coruña (Chuac) extirparon por primeira vez na Galiza un cancro de páncreas con tecnoloxía robótica. A paciente, unha muller de 60 anos, foi dada de alta e evoluciona de forma "moi satisfactoria" no seu domicilio, segundo informaron fontes hospitalarias. O médico adxunto do servizo de cirurxía xeral do Chuac Javier Aguirre explicou que esta operación é a técnica cirúrxica "máis complexa" de toda a patoloxía hepato-biblio-pancreática.

Un dos buses urbanos de Vigo calcinado o pasado 1 de maio (Foto: Policía Nacional).
Agora

Detidas dúas persoas pola queima de buses urbanos en Vigo, unha delas empregada de Vitrasa

A Policía Nacional detivo un home e unha muller como presuntos autores de dous delitos de incendio e estragos pola queima de dous autobuses urbanos en Vigo, sendo ela empregada da concesionaria municipal Vitrasa, dona dos vehículos calcinados. Tal e como informou devandito corpo de seguridade, os feitos remóntanse á madrugada do domingo 1 de maio, cando un autobús comezou a arder nunha céntrica rúa da cidade olívica, ficando totalmente calcinado.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)
Agora

Ferido un motorista tras impactar contra un vehículo en Vigo

Un motorista resultou ferido na mañá desta cuarta feira en Vigo tras impactar contra un coche na rúa Aragón, segundo informaron fontes do 112 Galiza. Os feitos ocorreron minutos antes das 11 horas á altura do número 221 da devandita vía. Foron os servizos de urxencias sanitarias os que alertaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias. A partir de aí deuse aviso á Policía Local de Vigo e aos Bombeiros da cidade olívica.

Recollida de probas no lugar no que foi asasinada a muller. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Agora

O detido polo asasinato dunha muller en Pontevedra pasa a disposición xudicial esta cuarta feira

O home detido na madrugada desta pasada segunda feira por supostamente matar unha muller cunha arma branca en Pontevedra pasará a disposición xudicial previsibelmente esta cuarta feira, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). Será o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, en funcións de garda, o que se encargue dos feitos.