Opinión

Teis Labañou

Dende os ollos do mar, Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Ao barco que cruza o Atlántico dálle o mesmo facer gasóleo no Muro que no Berbés. As mesmas persoas, familias das aldeas que buscamos traballo na ribeira. Unha rapaza dos Castros é cuspidiña a un mozo do Calvario. E un obreiro de Teis, cuspidiño a unha obreira de Labañou. Mais na Coruña non sabemos de Coia, nin do Calvario. En Vigo nada sabedes de Monelos, nin de Eirís. Porque por terra estamos incomunicados. Un gran negocio, a incomunicación: chámase AP-9. Que acontecería se saltasen as peaxes e principiase a colaboración?

Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Velaí unha proba obxectiva: Abel Caballero quere ser como Paco Vázquez (xa case o eclipsou a base de lucerío). Diante do localismo das elites, a verdade obreira. Fito, “o eixo da Roda” -soldador, de Teis- sempre despedía os concertos con esta proclama: Porque nós temos unha torre, de pedra, a Torre de Hércules! Non como eses de París, din que teñen unha torre e teñen un “andamio” (sic)!

Vigo e A Coruña, a mesma cidade: Haberá primavera!

Comentarios