Opinión

Talento na Raia

Pola banda de Trás-os-Montes o plátano de Canarias sempre foi máis estimado que a banana de Angola. Por iso algunha froitaría houbo que se especializou –con burros debidamente adestrados– en traficar con tan preciosa mercadoría.

Estes días volve haber fronteira, recuperemos pois a súa literatura. O contrabando bananeiro de moito rédito non che era, mais deixou boas crónicas. De cando en vez chegaba desde a Limia unha nova deste tipo: "Nunha intrépida acción a Garda Civil interceptou catro burros cargados con catrocentos quilos de plátanos na raia de Portugal".

A fronteira foi unha grande industria con obreiros especializados. En Grou, concello de Lobios –grazas aos irmáns Baralló– coñecín o mellor: Chico Alonso, de profesión cuatrero, así tal el se definía. Unha vez roubou unha vaca e vendeuna en Portugal. Despois volveuna roubar. Pintouna de amarelo con auga osixenada e –plenitude no oficio– vendeuna a aquel a quen primeiro lla roubou. Concluía o relato coas declaracións do vello-novo propietario: A cor non cha é, pero esta vaca moito lle imita á miña!

Cuatrero pero artista.

Abaixo todas as fronteiras! Haberá primavera!

Comentarios