Opinión

Non sabe ruralizarse o señor conselleiro de Educación

O rural”, quizá o sintagma máis repetido polos diferentes conselleiros do goberno da Xunta do Partido Popular. Eufemismo creado para substituír a palabra “aldea” que hai ben tempo desapareceu dos seus discursos. “O rural”, o espazo máis apreciado que, diante das amezas de marxinación e despoboamento, merece a súa máxima dedicación, obxecto de constantes medidas de discriminación positiva por parte desa administración.

Tan grande é a súa atención que mesmo crearon un neoloxismo en forma de imperativo: “Ruralízate!”.

Mais o señor conselleiro de Educación non sabe ruralizarse.

“Rural” provén do latín, rus ruris. Isto é: o campo, a aldea. En lugar de apoiar e de exercer a discriminación positiva do Latín,  prohibe expresamente que se imparta a materia no Bacharelato nos institutos que non cheguen aos cinco alumnos, isto é, a maioría dos centos “do rural”.

Mesmo prefiren na consellería que os profesores “fagan gardas” -ou sexa, que non dean clase-, en lugar de atender a este alumnado.  

Señor Román Rodríguez, ruralícese por favor !

Seino e doulle os parabéns. Cónstame que, tras das protestas das familias,  cambiou de opinión (e agradézollo) en varios centros. Mais esta medida debe estenderse a todos os institutos. Nomeadamente aos centros do rural.

Señor conselleiro, insisto, ruralícese por favor !

E non lle teño que explicar a importancia das linguas clásicas. Fóra este lapso na palabra rus ruris, cónstame a súa formación e a súa inmensa cultura, por algo é Conselleiro de Educación. 

Como despedida, repito a idea por terceira vez, segundo indica nas súas obras retóricas Cicerón:

O  alumnado do rural, aínda que sexa pouco, tamén ten dereito ao Latín. Discrimine en positivo á aldea. Señor Román Rodríguez, ruralícese, por favor!

Asina Xurxo Souto Eiroa, profesor de Latín que, pese a cobrar por iso, non poderá dar clase aos seus alumnos de primeiro de bacharelato do Instituto Gregorio Fernández de Sarria.

Comentarios