Opinión

O misterio da caldeirada

Como todo o mundo sabe, nun barco pesqueiro non manda o patrón de pesca, nin o patrón de costa. Manda o cociñeiro, responsábel por vía oral do equilibrio psicolóxico da tripulación. Administrador dun produto imprescindíbel: o pementón. Sen el non hai caldeirada, ausencia insoportábel abordo. Non sei que tiñan os guisos dos galegos que sempre sabían mellor, escribiu Michael J. Carroll en Bantry, Irlanda.

Cóntanse dun barco de Marín que en chegando a Gran Sol tivo de dar volta porque o cociñeiro quedou sen pementón. Seino, terrícola, paréceche esaxerado. Tamén a min,  até que un día en Corrubedo (Ribeira) un rapaz de Trintxerpe, no País Vasco, botou en galego esta peza que falaba de Terranova (cosmopolitas somos nós!). Cantarúxese coa melodía de The Wall. Íamos a Terranova, / cociñeiro na cociña / facendo na caldeirada.

Oh, horror! Falta o pementón!

Era visto. Algunha relación tiña que haber entre o Muro (porto pesqueiro) da Coruña e The Wall de Pink Floyd. E se eles usaban o LSD para abrir a mente, nós temos o pementón para facer unhas caldeiradas que dan a gloria.

Somos un pobo de artistas! Haberá primavera!

Comentarios