Opinión

A nena do Berbés

Eran os derradeiros anos da súa vida. Urbano Lugrís, pintor submarino, na alta madrugada buscaba agarimo na Guinda, agocho de bohemios na Ribeira do Berbés. Entrada restrinxida só a aquelas persoas que soubesen petar na porta cun preciso golpe de cotenos.

A señora Fernanda pousaba unha cunca de chocolate enriba da mesa. E, cada noite, o artista co seu lapis facía agromar no mármore un universo de cunchas, barcos afundidos e monstros mariños.

Á mañá seguinte tocáballe a unha nena -a neta da dona- facer desaparecer a marabilla. A golpe de estropallo ían marchando as sereas até deixar o mármore de novo limpiño coma un coral.

Coñezo aquela nena. É Lola, voz tan linda das Cantadeiras do Berbés, que agora tamén canta no seu famoso Orfeón Mariñeiro.

Moitos anos despois foi cun grupo de amigas visitar o museo Quiñones de León. Emocionouse. Aínda que era a primeira vez que o vía, un cadro fíxoa viaxar á infancia: “A habitación do vello mariñeiro”. Do máis profundo de Lola xurdiu este salouco: Ai Lugrís, que gran pintor! Canto me fixo traballar!

Somos un pobo de artistas. Haberá primavera!

Comentarios