Opinión

Venezuela: reciprocidade hispánica

A "ameaza" de reciprocidade do ministro español de exteriores, desde Davos, á declaración do embaixador español en Venezuela como persona non grata pode converterse nun boomerang de dimensións tan grandes coma o encontro entre Zapatero e Obama que Leire Pajín cualificou de "acontecemento histórico para o planeta". 

O certo é que o único perdedor na aplicación da reciprocidade sería o Estado español. O presidente Maduro podería comezar por recibir no Palacio de Miraflores a Carles Puigdemont, en reciprocidade á recepción de Antonio Ledezma polo presidente Rajoy.

Políticos venezuelanos como Tarek William Saab ou Diosdado Cabello poderían vir de "xira" para pedir a liberación dos independentistas vascos e galegos, xa que estas dúas eran as orixes de Simón Bolívar. Esta petición sería en reciprocidade á visita de Albert Rivera ou Felipe González para solicitar a liberdade do preso común Leopoldo López.

Políticos venezuelanos como Tarek William Saab ou Diosdado Cabello poderían vir de "xira" para pedir a liberación dos independentistas vascos e galegos

 

A República Bolivariana de Venezuela podería comezar a "regalar" a cidadanía venezuelana, incluídos ascendentes e descendentes, a canto opositor violento, pacífico, neutro, activo ou pasivo no Estado español se mostrase insubmiso contra o sistema, "montaxe", español.

Para comezar, Oriol Junqueras ou Arnaldo Otegi serían uns bos candidatos a recibir a cidadanía venezuelana. A concesión incluiría roldas de prensa nas que aparecesen as mulleres de ámbolos dous afectadas, lacrimóxenas e acompañadas de intelectuais tipo Chomsky ou Galeano, insultando o réxime monárquico-bancario-monopartidista español.

Todos estes estrafalarios supostos (vistos dende o plano de acción venezuelano) son os que vén aplicando o Estado español cos violentos detractores do lexítimo goberno de Venezuela: apoiando o golpe de Estado, financiando a oposición e intoxicando con mentiras nos media estatais.

Di un dito venezuelano que cando sinalas cun dedo… tres están sinalándote a ti. Ningún goberno latinoamericano na súa historia foi tan aldraxado dende todos os ámbitos do Estado español (dende a monarquía até a Audiencia Nacional, pasando polo Parlamento estatal) e só por iso, por esa aldraxe, paga a pena tomar partido por Venezuela e pola súa revolución.

Comentarios