Opinión

Trump: o xerente

Se cadra unha das máis innovadoras críticas que se lle fixeron a Donald Trump, nestes primeiros días de goberno, é que el non é un político e, polo tanto, manexa Estados Unidos como se fose unha empresa de seu.

Esta «crítica» bate coa realidade imperante, en todas partes, unha especie de economización da política e de troco de administradores eficientes da cousa pública en lugar de políticos con ideas políticas.

Cantas veces non escoitamos dicir, do noso presidente galego, que é un «bo xestor»? Un xestor que ingresa 1.000, gasta 800 e «garda» 200… e así segundo as cifras de ingresos recórtase aquí, invístese acolá ou deixase de investir.

Ao redor da administración deses ingresos creouse unha «relixión» de «eficientes» dispostos a administrar o mundo (as nosas vidas) saídos de escolas de «negocios» e de administración con nomes rimbombantes e moitas veces ridículos con contidos economicistas e de filosofías baratas agora chamadas coaching.

Cantas veces non escoitamos dicir, do noso presidente galego, que é un «bo xestor»?

Velaí o resultado final desta tecnocracia sen ideas. O multimillonario que coa súa riqueza crea traballo e riqueza agora manda no país máis rico e militarmente máis perigoso do mundo. Deu ordes para «ordenar» o interior da casa ao seu xeito exitoso e, como fai calquera propietario dunha empresa exitosa, fai e desfai como lle peta, que para iso é o xefe e dá de comer a todo o mundo.

A casca do éxito empresarial nestes tempos «liquidos» trae estes homes idolatrados babosamente a administrarnos a nosa casa grande, as nosas cidades e países. Todos estes modelos empresariais de «éxito», desde o Zara de Amancio Ortega pasando polos hoteis e negocios varios de Trump, non serven como modelos de nada; son só «tendeiros» ao grande incapacitados para facer calquera outra cousa que non sexan contas, e aquí temos un adianto dos Estados Unidos de Trump que deixou de ser unha nación grande con ideais hai varias décadas para ser o que é hoxe en día: un negocio.

Comentarios