Opinión

Santa Hannah Arendt para «progres»

Andrés Trapiello en De ninguna parte y de todas amósanos unha Hannah Arendt «cosmopolita» perseguida polos xudeus despois das súas reportaxes sobre o xuízo de Adolf Eichmann en Israel. 

Andrés Trapiello en De ninguna parte y de todas amósanos unha Hannah Arendt «cosmopolita» perseguida polos xudeus despois das súas reportaxes sobre o xuízo de Adolf Eichmann en Israel. Arendt cualificou a Eichmann de anódino, escuro e banal. Mediocre, carente dun bo dominio do alemán e totalmente gris.  A súa mente gris foi capaz de cumprir ordes tan monstruosas como organizar o exterminio sistemático de millóns de homes. A banalidade do mal. Pero Arendt culpou do masacre a colaboración dos Consellos de Xudeus dos países ocupados.

"Arendt culpou do masacre a colaboración dos Consellos de Xudeus dos países ocupados".

Esta acusación trouxo una resposta  dos sobreviventes contra Arendt. Que dende a súa atalaia universitaria e intelectual narrou o holocausto como mera observadora e mirou as súas vítimas coma partes dunha historia que non formaban parte da súa historia. Por iso Trapiello afirma que Arendt asegurara que ela «non amaba o pobo xudeu, senón os seus amigos» porque, segundo Trapiello, a palabra «pobo» non deixa de ser una ficción.

Estou convencido, despois de ver o documental de Claude Lanzmann,  O derradeiro dos homes inxustos (2013), verbo o derradeiro dos presidentes vivos dos Consellos  de Xudeus, Benjamin 
Murmelstein, que Hannah Arendt non tiña razón e pecou de soberbia. Murmelstein recrimina a Arendt a cualificación que fai de Eichmann de banal. El, que mantivo unha relación de vida e morte con Eichmann (os seus antecesores na presidencia foran executados) define a Eichmann como un asasino e a morte nunca pode ser banal.

Con respecto á «colaboración» dos dirixentes dos Consellos de Xudeus na deportación e posterior asasinato de millóns de xudeus, Murmelstein contesta de xeito contundente: «onde estaba Arendt cando nos intentabamos sobrevivir? ». Marchara aos Estados Unidos dar aulas a unha universidade estadounidense.

"Dende a súa atalaia universitaria e intelectual narrou o holocausto como mera observadora e mirou as súas vítimas coma partes dunha historia que non formaban parte da súa historia"

Murmelstein, que foi axuizado tempo despois en Checoslovaquia, por ter sobrevivido, foi absolto do delito de colaboración cos alemáns, tivo que autoexiliarse en Roma coa súa familia e morrer alí. Nunca abandonou a súa identidade cultural e relixiosa xudía e tratou de lles facer máis fácil a vida aos prisioneiros de Theresienstadt, amigos ou non amigos.

Se Hannah Arendt non fuxira antes, acto que o propio Murmelstein considera tan humano e lóxico coma o medo a morrer que el sentía acotío, se cadra decataríase que vivía presa e coa morte sobre a súa cabeza todos os días, non por ter determinados «amigos» senón por pertencer a un «pobo»; concepto cultural, político, histórico, antropolóxico, etc,  que hoxe os progres e modernos esvaecen no etéreo cosmopolitismo barato que pretende definir o ser humano como unha construción de anacos sen identidade colectiva.

Comentarios