Opinión

Martin McGuinness

En poucas cosas estou tan de acordo co Departamento de Estado de Estados Unidos (equivalente ao Ministerio de Exteriores) como con que o IRA (Exército Republicano Irlandés nas súas siglas en inglés) non era unha organización terrorista, nin polo tanto os seus membros, como Martin McGuinness, terroristas.   

Quen coñeza o modelo colonial inglés, aplicado con esmero en Irlanda, sabe ben o que son o racismo e a segregación. Abonda dar unha volta polas ex colonias británicas no Caribe ou na América do Sul, Guiana, para ver de preto o significado da segregación racial.

Os media españois, algún máis ca outros, fixeron fincapé nesa categoría artificiosa de «terrorista» na que poderíamos meter a Simón Bolívar, a José de San Martín ou, para citar alguén máis achegado, María Pita.

Lendo a necrolóxica de Carlos Fresneda en El Mundo: «Tenía 21 años y una sed insaciable de revancha. Mientras estuvo en la cúpula del grupo terrorista, hubo más de 100 víctimas en la guerra urbana entre católicos y protestantes, incluidos los 14 civiles muertos en el Domingo sangriento», penso na necrolóxica de Mandela, que si estaba na lista de terroristas de Estados Unidos, e a quen, nunha lavada de cara e biográfica, nos presentaron como un home pacifico, que pasaba por alí, e que meteran na cadea décadas polo feito de ser negro.

Lembro no meu colexio de xesuítas, na afastada Lima, os rezos diarios matinais dos sacerdotes con nós para que rematase de boa maneira a folga de fame de Bobby Sands. Lembro a súa morte 66 días despois, en 1981, e a dos 9 voluntarios que o seguiron e que morreron por non aceptar a nova condición de prisioneiros comúns e poder seguir mantendo o estatus de prisioneiros de guerra (Special Category Status, en inglés).  

Martin McGuinness, estranxeiro na súa propia terra, arredado de dereitos políticos, civís, económicos... humanos, cumpriu coa obriga de estar sempre do lado da xustiza e, no caso de dúbida, de estar co débil que, en Irlanda do Norte, coincidían ambos no republicanismo e no catolicismo.

Descansa en paz irmán!  

Comentarios