Son moitos, en democracia, os que confunden lexitimidade con democracia. Pódense facer mil malabarismos para tratar de meternos ambas as palabras como sinónimos. Nada máis afastado da verdade. A lexitimidade non deixa de ser a orixe (o «pedigrí») con que se presenta aquel que manda.
"O propio Deus que lexitimou a Franco, por tanto, lexitima o seu sucesor, o hoxe ex rei Juan Carlos, e así, como a lexitimidade do máis forte até que chega un máis feble, até chegar ao rei español Felipe VI".
O ditador Franco ensinábanos a súa lexitimidade en todas as moedas: «Caudillo de España por la gracia de Dios». A lexitimidade, a orixe do seu poder, era unha concesión divina, o propio Deus (acho que sería o Deus cristián) «decidiu» que o ditador fascista Franco se alzase en armas contra a lexitimidade dos votos da democracia republicana e organizase o poder do Estado baseado nunha lexitimidade medieval ou, mellor dito, ancestral: a lei do máis forte. O propio Deus que lexitimou a Franco, por tanto, lexitima o seu sucesor, o hoxe ex rei Juan Carlos, e así, como a lexitimidade do máis forte até que chega un máis feble, até chegar ao rei español Felipe VI.
En democracia a lexitimidade non pode vir da graza de Deus, nin esta graza pode ser votada para ser lexitimada. Así como non hai fillos ilexítimos e lexítimos, senón que simplemente hai fillos, a única lexitimidade en democracia é a dos votos; as outras están nos libros de historia.
Xa que logo, o «verniz «constitucional-democrático» da monarquía española deixa moito que desexar; abonda «riscar» un pouco, ou aplicar a «proba do algodón» para decatarnos que «algo fede», non só en Dinamarca.