Opinión

Kim

Occidente vive entre dous Kim, Kim Kardashian e Kim Jong-il. Unha representa algo, que non sei aínda que é, e o outro, o compendio de todo o execrábel da humanidade. 

Occidente vive entre dous Kim, Kim Kardashian e Kim Jong-il. Unha representa algo, que non sei aínda que é, e o outro, o compendio de todo o execrábel da humanidade. O benestar de Occidente precisa destes contrastes para crerse a si mesmo visto no espello deformado que eles mesmos elaboran. Pero a crítica ao norcoreano falla cando vai cara ao persoal. Pasoume co retrato de Fidel feito por Jorge Edwards en Persona non grata; sentín necesidade de saber máis de Fidel, sentín admiración.

"Occidente vive entre dous Kim, Kim Kardashian e Kim Jong-il".

Antonio Muñoz Molina en El tirano cinéfilo fai un retrato á medida e idéntico ao que faría calquera dos gardiáns da nosa acomodada sociedade burguesa occidental, atribuíndo como «malo» algo que aquí serían os gastos e costumes normais de calquera alto executivo de calquera empresa, Blesa ou Rato, ou calquera dos descoñecidos que quentan cadeira nos consellos de administración, que desbalden infinitamente máis que o falecido presidente norcoreano.

A oposición a Chávez, ao comezo do seu mandato, realizaba un detido exame de todas as comparecencias televisivas do presidente nas que se sinalaba o prezo do traxe que usaba, o prezo e a marca do reloxo, se o avión presidencial era novo ... A propia voda da filla de Chávez foi vista con lupa á espera de fastos e desbaldemento, cando o único que puideron subliñar, desacougados, foi un conxunto de música folclórica venezuelana e o prato nacional: arroz, feixóns negros e plátano frito con carne.
Todo isto vén á conta da teima de querer facernos execrábel a Kim Jong-il porque gustaba do cognac Henessy, el precisamente que non gastaba en roupa, en viaxes nin en zapatos. Antonio Múñoz Molina fai fincapé nese gusto, obviando que a propia Academia da que forma parte non é un bo exemplo nin en austeridade nin en nada.  

 "Querer facernos execrábel a Kim Jong-il porque gustaba do cognac Henessy"

O secuestro do director de cine surcoreano Shin Sang-ok e da súa ex muller Choi Eun-Hee  por parte do goberno norcoreano é o fío condutor de El tirano cinéfilo; escrito desde Estados Unidos, a acomodada patria de Kim Kardashian e lugar de residencia de Muñoz Molina, onde goberna o Goberno con máis asasinatos e secuestros do mundo.

Comentarios