Opinión

Juan Carlos: a iguana verde de Dinamarca

Nos meus tempos de ensino primario existía un xogo no que che pedían que pensases nun animal que empezase polo «i», nunha cor e nun país que empezase polo «D».

Nos meus tempos de ensino primario existía un xogo no que che pedían que pensases nun animal que empezase polo «i», nunha cor e nun país que empezase polo «D». Unha vez pensado o «interrogador» espetábache: «Daquela, quen che dixo que en Dinamarca había iguanas verdes?». Pasados os anos, aprendín que non só Dinamarca comezaba polo «D»; un pequeno e diminuto país africano, Djibuti, podía ser pensado e aí si que poderían vivir as iguanas. Pero a globalización trouxo que calquera dinamarqués poida ter na súa casa unha iguana, poñerlle uns focos de calor e ir convivindo con ela durante os fríos invernos.

"Moitos ven na súa abdicación as presións dos escándalos familiares que o rodean, cando o maior escándalo do rei español é el mesmo. O feito que un empregado do Estado, a soldo dos nosos impostos,  se fixese multimillonario"

Non deixa de ser un escándalo, contra natura, que as iguanas vivan no xélido norte ou que os husky siberianos sexan cans de compaña no tórrido Caribe. O mesmo poderíamos pensar do rei español que foi posto por un ditador militar fascista chimpándose leis dinásticas (Juan Carlos non era o herdeiro, senón o seu pai Juan), leis históricas e leis políticas democráticas.

Na ciencia, cando se parte de premisas falsas chégase a conclusións falsas. Juan Carlos de Borbón é, se cadra, a maior premisa falsa (continuidade doutra chamada «Franco») da historia do Estado español. Moitos ven na súa abdicación as presións dos escándalos familiares que o rodean, cando o maior escándalo do rei español é el mesmo. O feito que un empregado do Estado, a soldo dos nosos impostos,  se fixese multimillonario  2000 millóns de euros segundo The New York Times sen saber como, nin cando nin por que, é tan escandaloso coma que ningunha institución pública ou ningún político dos dous partidos maioritarios lle pidan contas a este mangante.

Os Borbóns non poden ser acusados de «roubar» ou «amañar» unhas eleccións porque nunca se presentaron, nin presentarán, a ningunha. Agora ben, ante quen rende contas dos seus negocios esta familia? Son reis dun Estado... ou dun negocio?

Comentarios