Opinión

Irma en España

Hai dous cadriños de Castelao que, de cando, en vez desembarcan na miña memoria. O do velorio da única vaca da familia labrega e o da familia burguesa chorando a morte do seu caniche Fifi. A imaxe de ambos os velorios, contrapostas, resúmoa coma aquelas viñetas que dicían «sen palabras»… tire vostede as súas conclusións. Este día á noite vía nas noticias as imaxes da poboación habaneira, despois do paso do furacán Irma, bailando nas rúas anegadas da Habana vieja. Un gordo e unha gorda, un travesti, outro gordo cun puro na boca, todos coa auga até a cintura, bailando, saudando, facendo acenos coa man para que outros se unisen á pachanga.

A imaxe seguinte recolle, no aeroporto de Madrid, as entrevistas aos turistas do Estado español que viñan de Cuba despois de sufrir in situ o furacán Irma. Todos viñan aldraxados por distintas razóns. Un deles chegou a dicir que foran as peores vacacións da súa vida, pois tivo que agocharse nunha bañeira e pasar sen comer e beber, xa que non o atendían. Outra queixábase de que non tiñan wi-fi. Outra preguntábase como os mandaran a un lugar de vacacións onde hai furacáns sen avisalos, outro queixábase de calquera outra cousa e outra alegaba que ía pedir unha indemnización polo mal que o pasara.

As imaxes dos habaneiros na rúa contrapostas con estes ”vacacionistas” de volta lémbranme á contraposición entre o velorio da vaca e o caniche Fifí.

"En qué momento se se jodió el Perú", preguntábase en Conversaciones en la Catedral de Vargas Llosa? A pregunta converteuse nunha interrogante retórica. En que momento mudou a xente en Europa do Sur e se converteu nestes turistas? Hoxe xa non se vela a vaca… o velorio de Fifí está ateigado de xente enviando fotos por Instagram da cadela morta. O tanatorio, por certo, ten wi-fi.

Comentarios