Opinión

Estados Unidos tortura e España tampouco

 
Latinoamérica (tamén Filipinas) está inzada de monumentos a patriotas asasinados-torturados polo Estado español cando era un imperio. 

"Cando Estados Unidos deixe de ser un imperio, poderá facer «cumios» internacionais para «estreitar lazos históricos de amizade»".

Latinoamérica (tamén Filipinas) está inzada de monumentos a patriotas asasinados-torturados polo Estado español cando era un imperio. Eran os «terroristas» da época. Xente con ideais e valentía de acción aos que o traxe da submisión lles quedaba incómodo. O precursor da independencia venezuelana, Francisco de Miranda, xeneral do exército revolucionario francés (o único estranxeiro co seu nome gravado no Arco do Triunfo en París) e tamén do exército estadounidense independentista, morreu na cadea en La Carraca (Cádiz) por sedición contra España e a súa monarquía borbónica. Os seus ósos están nunha fosa común. Miles foron fusilados, devorados a dentadas de cans, queimados pola Inquisición (o brazo armado espiritual do imperio español) ou agarrotados porque si. Non abondaba con renderse, pedíase máis. É a historia e a práctica do imperio. Desde Roma até Estados Unidos o «Manual de estilo» do perfecto xenocida imperial pasaba sempre polas mesmas etapas. A «nova» segundo a cal o imperio estadounidense tortura é o triste corolario dunha sociedade occidental obesa mentalmente, acomodada no consumismo, infantilizada pola tecnoloxía, o lecer e as viaxes e disposta a crer que os malos son sempre os outros porque non son coma eles…

Iso si, cando Estados Unidos deixe de ser un imperio, poderá facer «cumios» internacionais para «estreitar lazos históricos de amizade».

Comentarios