Opinión

España: a xustiza do churreiro

Un estado de balbordo xeral inundou a maior parte da pensante e non-pensante sociedade española cando a xuíza Lamela decretou a entrada na cadea de máis da metade do goberno catalán. Agora que na nosa sociedade hai que coidarse da  linguaxe sexista, da homófoba, da racista, de educar os pequenos no respecto, positivamente e sen violencia. A sociedade inundada de bos desexos, respectuosa co ambiente, amante da bicicleta e do ecolóxico, hipsterizada e consumista, até chegar ao que axeitadamente se define como cidadáns ancorados nun  "sentimentalismo tóxico" propio de adolescentes adultos.

Esa sociedade da corrección é a mesma que aplaude a entrada en cadea provisional, sen xuízo, dos consellers cataláns. Estes cargos políticos, electos por millóns de cidadáns, sofren a "xustiza" dunha maxistratura pouco dada a analizar; reducida a escudarse en escusas  sentimentais e tóxicas, como cando os xuíces declaran que eles non fan as leis senón que só as aplican. Chegamos ao absurdo de que sexa un xuíz quen, amparándose nunha medida draconiana que crea alarma social, a xustifique como se fose facer churros: premes un botón e sae o churro á tixola (aplicas unha lei para un tipo penal e sae a sentenza… o churro).

Polo camiño deixaron Aristóteles e a súa idea da equidade, sen ela a xustiza está orfa e non é xustiza. Aplaudindo e de pé, todos os dereitosos, centrosos e esquerdosos españois que aínda cargan no subconsciente con que España es una unidad de destino en lo universal, antes roja que rota y antes muerta que sencilla.

Comentarios