Opinión

Debemos «traer» o patrimonio da Galiza exterior?

Cada certo tempo, xente benintencionada propón a idea de traer ao noso país o máis senlleiro do patrimonio galego no exterior. Entendo as razóns destas persoas, pero non estou de acordo. No título puxen «traer» e non «voltar» porque ese patrimonio nunca estivo aquí, polo tanto, é galego polos seus autores… pero non esquezamos que tamén é arxentino, cubano ou venezuelano, por onde se fixo, polas circunstancias ou, mesmo, pola pertenza dos seus autores ao país.

Lembremos que Castelao se criou na Pampa arxentina e posuía esa cidadanía, e Seoane é un dos principais artistas gráficos da historia arxentina; polo tanto, as súas obras son parte, tamén, do patrimonio arxentino.

Lembremos que Castelao se criou na Pampa arxentina e posuía esa cidadanía, e Seoane é un dos principais artistas gráficos da historia arxentina

Estarían mellor en calquera dos museos galegos? Se cadra, materialmente, si. Terían acceso a el máis persoas do noso país, pero a custa de quitarlles aos arxentinos unha parte do seu patrimonio.  

Se mañá os ingleses decidisen levar do Xardín de San Carlos o sartego de Sir John Moore, para instalalo no British Museum, non quedariamos sen unha parte importante do noso patrimonio rosaliano? 

Durante anos o patrimonio do exilio galego ciscado por Latinoamérica foi carretado por profesores universitarios e funcionarios a Galiza. Parte dese patrimonio non sabemos onde está, outro permanece en arquivos e bibliotecas.

Durante anos o patrimonio do exilio galego ciscado por Latinoamérica foi carretado por profesores universitarios e funcionarios a Galiza

É comprensíbel o malestar de moitos de nós, galego-arxentinos, galego-venezuelanos, cando de Galiza nos veñen levar (case sempre con boa intención) unha parte esencial que nos permite seguir sendo galegos en Latinoamérica, na outra Galiza.

Coido que a obra do exilio galego na Arxentina, México ou Venezuela non poder estar en mellor sitio ca neses países. É verdade que as condicións materiais non son as mellores… tampouco o eran cando abriron as súas portas para que puidesen facelas, pero aí están, feitas e lembrándonos que existen grazas a países que, bos e xenerosos, a nosa voz entenderon e os nosos exiliados atenderon. 

Comentarios