Opinión

O valor da constancia. Crónica dunha sentenza a prol da lingua galega

Só exercendo os dereitos é como podemos consolidalos

Esta idea escoiteina innumerables veces en distintos contextos político-sindicais. Aprendina, non só como parte dunha retórica senón como fundamento dunha praxe cívica. E apliqueina para este caso que nos afecta: a lingua galega.

A sentenza favorable supuxo a consolidación dun dereito: o uso do galego non pode ser derrogado pola obriga de coñecer o castelán. Pro até este ditame vivimos durante catro anos un proceso onde a constancia se convertía no principal soporte.

Se falo en plural non é polo “eu maiestático”, senón porque durante este tempo contei coa complicidade dun amigo. El decidiu manterse no anonimato pro foi decisivo. Quero expresarlle publicamente a miña gratitude.

No anexo a este artigo tedes a sentenza de maneira íntegra. Pro aproveito a ocasión para narrar esta labirítinca, por veces kafkiana, defensa do galego ás portas da celebración do 17 de Maio.

Isto comezou na Campaña da Renda 2017. Todas as miñas declaracións anteriores foran feitas en galego. Pro tamén quixen deixar constancia, por rexistro, que calquera comunicación da Axencia Tributaria (AEAT) viñese en lingua galega, incluída a que fose de oficio. Para isto botei man da Constitución, do Estatuto, da Lei 58/2003 xeral tributaria e a Lei 39/2015 do procedemento administrativo que avalan a cooficialidade.

Deseguido quixen provocar a situación; é dicir, que a AEAT iniciase un procedemento de oficio para comprobar se tiñan en conta a miña solicitude. A “provocación” consistiu en non realizar o pagamento de declaración no período voluntario. O 21 de xullo do 2018 recibín a providencia de prema en castelán, e nela me advertía da recarga (digamos unha multa proporcional).

Que fixen entón? Primeiro, ingresar a declaración porque a miña vontade nunca foi canear esta obriga. Pro si me neguei a pagar a recarga porque entendía que previamente se incumprira un dereito lingüístico protexido pola citada lexislación e, polo tanto, o posteriori debera ser anulado.

Todo isto derivou nun longo intercambio de instancias entre a Administración e usuario. Dirixímonos a distintos organismos, como a Valedora do Pobo ou ao Defensor del Pueblo. Este, por exemplo, informounos que se abriría un expediente de investigación engadindo que “a cooficialidade lingüística non é unha opción administrativa” senón un “dereito da cidadanía”.

Outra resposta importante veu dende a Dependencia Rexional de Recadación da AEAT: “A nivel informativo comunícolle que nas aplicacións corporativas de Recadación non hai posibilidade de que as comunicaciónns e notificacións se realicen en galego”.

Velaquí a nai do año! No século das tecnoloxías máis inverosímiles, dos aparellos informáticos máis sofisticados, o Estado non podía garantir o uso do galego (un dereito recoñecido non onte, senón hai 40 anos!) porque nas aplicacións non existía esa opción. A Constitución equipara as linguas cooficiais na nosa comunidade. Pro na práctica, na mesmísima realidade, ese dereito constitucional é papel mollado. Mágoa que disto se esquecesen os de Galicia Bilingüe nas súas célebres campañas apoiadas por medios de comunicación que agora obvian esta sentenza. Un despiste. Non fan mal.

A resposta que enviamos foi moi completa. Tanto que se extendía en 12 folios que expoñían as leis que amparaban o noso dereito pro tamén a relación de sentenzas xudiciais de distintos órganos que refrendaban a nosa postura. Realmente o traballo do meu compañeiro de fatigas foi extraordinario porque sen ter formación xurídica mergullouse no arquivo de varios tribunais, incluído o Supremo e o Constitucional. Ademais tamén incluímos a referencia á Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias, ratificada no seu máximo nivel polo Goberno de Aznar no ano 2001.

O noso argumento non foi declarar “descoñecemento” do castelán porque sería axiña rebatido por mor da “obriga” a coñecelo. Tampouco foi a negación a recibir as notificacións, pois todas foran aceptadas. O argumento foi que a Administración incumpría a lei e negaba os meus dereitos lingüísticos expresados por activa e por pasiva. Ese foi o quid: a AEAT non podía vulnerar este dereito. Así que solicitamos se declarase “incorrecta a notificación practicada e proceda á súa anulación”.

Outra resposta chegou dende o Consello para a Defensa do Contribuínte. Este recoñecía a nosa expresa vontade de usar o galego pero “tendo en conta o volume de información, servizos, procedementos, aplicacións, programas, documentos, xestións, formularios, modelos e canles de navegación da páxina web da Axencia Tributaria, os traballos de tradución realízanse necesariamente de forma gradual”. É dicir: a AEAT non contemplara realizar en paralelo ao castelán a súa versión en galego. E por iso, coma un cidadán estranxeiro, tiña que agardar ao servizo de tradución. Ao final deste escrito lemos: “se non está conforme coa contestación pode manifestar a súa disconformidade…”. Claro que non estábamos conformes! E seguimos adiante sen desfalecer.

O 12 de novembro do 2018  o Tribunal Económico-Administrativo Regional de Galicia fallaba contra a nosa demanda de suspensión da providencia de aprema. Este fallo veu, unha vez máis, en castelán. E, malia o resultado contrario, volvemos reclamar para que nolo enviase en galego. A resolución chegaríame o día 18 de xaneiro do 2019 e, entrementres, embargáranme a conta (colleran da miña conta bancaria a cantidade estipulada como recarga).

Polo medio, dende a Asociación de Funcionarios/as pola Normalización Lingüística, lanzamos unha campaña para escoller o galego como opción na declaración da renda. Esta iniciativa tivo un notable seguimento nas redes sociais e contou coa complicidade de persoas que realizan diversas actividades laborais (dende actrices a escritores, de enfermeiras a traballadores manuais, de funcionarias a pequenos comerciantes).

E tras meses até a notificación firme do fallo, pasamos reclamar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A partir de aquí o procedemento levouno a avogada da Mesa pola Normalización, Elsa Quintas, e a procuradora Celsa Muñoz, a quen estamos altamente agradecidos pola atención, o traballo e o compromiso. O resultado é a sentenza que compartimos hoxe integramente.

A Mesa lanzou pouco despois unha campaña (pódese consultar na web) onde ofrece un tipo de formulario para dirixirse á Administración do estado e solicitar o uso do galego en todas as comunicacións. Agora que o acceso por sede electrónica resulta máis cómodo que acudir en persoa aos citados centros, debemos presentar este formulario. Estamos convencidos que será máis eficaz e rendible para o galego do que un feixe de gústames nas redes, sen restarlle a importancia comunicativa e divulgativa destas. Pro precisamos irmos ao concreto, á decisión que vincule e á posta en práctica do que cremos.

Non quero rematar o artigo sen recoñecer a contribución, por mínima que fose, de Fernando Ramallo (responsable da Área de Normalización da UVigo), Xesús Costas (letrado do Concello de Vigo) e Xosé González (presidente da AFNLG).

A sentenza do TSXG fixou un criterio. Non sabemos se a AEAT reclamará contra ela. Pro si sabemos que mantendo o pulso firme a prol da lingua, tomando a constancia e a perseverancia como valores, esgotando até o límite as posibilidades que ofrece a actual lexislación, podemos consolidar importantes dereitos lingüísticos. Porque se non os exercemos non os consolidaremos xamais.

Nós non temos outro mérito ca ese: sermos consecuentes cos nosos principios até as últimas consecuencias.

Comentarios