Opinión

Devorar os fillos. No bicentenario de Antolín Faraldo

Un pai que traba no peito do seu fillo. A dentada coa tensión da carne arrincada e ollos perdidos na barbarie. Velaí o mito de Saturno en pincelada de Rubens. 
Este conto arrepía mais é conto. Pola contra, a metáfora certa correspóndese cun pobo que devora os seus fillos. Metáfora do acontecido neste bicentenario de Antolín Faraldo. El primero y el mejor, en definición de Manuel Murguía, o cerebro do Rexurdimento. A que se refería? Á loita cívica polo autogoberno de Galiza escomenzada en 1846 por Faraldo, como símbolo da súa xeración.

E hoxe languidece no total abandono social. Malia o esforzo da Deputación da Coruña e do Concello de Betanzos, que promoveron actividades divulgativas, Faraldo continúa expulso da memoria pública. El é unha vítima do seu propio pobo, o pobo ao cal liderou cara á liberdade como un moderno Moisés.

Ese andar libertario, cheo de zizagues hostís, ten no presente unha formulación. Falamos do Estatuto de Autonomía do cal emana a Xunta de Galiza como órgano de goberno.
Pois a Xunta, cal Saturno entolecido pro consciente da decisión, engulipou a Faraldo. Nin unha miserable mención en todo este 2022! Faraldo? Preguntaranse aloulados namentres proseguen en castelán cos papeleos desta xestoría que chaman Sunta. A existencia da propia Xunta de Galiza non veu grazas á sacra xenerosidade dos constitucionalistas porque nós eramos un pobo inculto sen memoria de nada; simple purrela humana. Non: se temos autonomía (por cativa que for) é porque existe conciencia de sermos pobo galego e quere exercer como tal.

Si, Antolín Faraldo. Un mozo que contra 1845 ocupaba un espazo público, grazas á prensa e á oratoria, no cal defendía a liberdade de opinión e imprenta, a comprensión social do suicidio, a tolerancia relixiosa ou a emancipación da muller. Si, o líder progresista e republicano que puxo voz ao Goberno galego de 1846, insubmiso a Madrid, rebelde á tiranía. Si, o activista do provincialismo que analizou o país con enorme lucidez pra propor un plan de futuro. Por exemplo, constituír unha rede de comunicacións internas como motor de progreso e aínda hoxe chegamos antes en tren a Alacante que de Vigo a Lugo. 

En San Caetano dirán: temos Medallas Castelao e rezamos a Rosalía de Castro polo día do patrón; isto é, polo 25 de Santiago. Cómpre pedirlles comprensión pra Faraldo? Como dicía unha vella, unha miga malfalada: “é coma ter tos e rascar o carallo”. 

Pro outras institucións galegas poden ocupar este abandono. Os concellos ligados á vida de Faraldo, así como aqueloutros comprometidos coa xusta rehabilitación deste titán da liberdade, deberan unirse. Por exemplo, na colocación dun monumento sito nos xardíns de Bonaval. 

Ben mellor sería un monumento, tipo cenotafio, no interior do Panteón de Galegos Ilustres. Mais aínda hoxe a xestión pública deste espazo memorialístico segue pendente e entrementres a Igrexa manda e non volvo repetir as palabras da citada señora.

Unha proposta ambiciosa pro necesaria. Os concellos deben ir alén do linde municipal, superar as pamplinadas varias e cursilerías que afogan a hixiene intelectual. Digamos, por exemplo, a proposta de Scholz como fillo adoptivo do Grove. O único mérito pra merecer este título honorífico foi pasar uns días de verán pra aprender castelán nesta vila mariñeira de Xoán González Millán e Luís Rei. Pro claro, estes son uns chaíñas locais, unha quincallada calquer a carón do chanceler alemán que cando deixe o posto de mando será un eterno descoñecido. Pro alá os disparates de alcaldes doncelidoniáns que gostan de fotos leds, aplausos curtos e mimos de aduladores a soldo como pranxideiras nos enterros. Así só conseguimos devaluar unha distinción honrosa até subastala nunha feira de antigüidades. 

Os ollos de Saturno na man de Goya son enlouquecidos. Así sucede con Faraldo: comesto por quen lle debe a liberdade. Mais no propio relato do mito un só fillo librouse do pai. Ese foi Zeus, o deus dos deuses. Coma dixo Faraldo, atraveso da educación o pobo galego converterase en Zeus. E sobre del non mandará nidiós.

Comentarios