Opinión

Viva El-Rei!

Foi falar o noso xefe de Estado na tele e poñérense a chover as parvadas e os chistes fáciles de sempre de parte de quen tiña que lavar a boca antes de nomear á Súa Maxestade: que se Filipe Sesto, que se FeliPPe, que se Bourbon, que se dicía Lacan que non hai rei máis tolo que o que se cre rei… Que cansino, por Deus! E que inxusto. 

Deixémoslle facer o seu traballo, deámoslle tempo. Xa chegará o momento de facer balance, agora o urxente debería levarnos á prudencia e a contención, a arrimar o ombro e tirar do carro… Para os máis novos, o carro é esa plataforma con rodas de madeira que non cómpre poñer diante dos bois.

O monarca, etimoloxicamente xefe absoluto, rifoulles aos cataláns como os país lles rifan aos fillos que piden agasallos fóra do seu alcance. Hai quen di que debeu incluír alguna palabra en catalán e esa foi para min o único aspecto mellorábel do discurso. A palabra que eu incluiría sería: Prou!

Que se Filipe Sesto, que se FeliPPe, que se Bourbon, que se dicía Lacan que non hai rei máis tolo que o que se cre rei… Que cansino, por Deus! E que inxusto 

 

Polo demais, non me digades que non rifou con convicción, coa barbiña recurtada sen chegar a hipster, esa voz medio rota que destila emoción e un xogo de mans que… que xogo de mans! Por alguén que coñece a alguén souben que na gravación se empregou un emprazamento da cámara distinto ao habitual, máis próxima e máis baixa, para acadar esa impresión de figura paterna a rifarlle aos cativiños indefensos. Xenial.

O rei condenou aos cataláns, certo, pero como antes condenou o franquismo (sabido é que os Borbóns aceptaron o nomeamento do dictador para subverter o réxime desde dentro). Condenou os cataláns igual que condenou a estafa dos bancos coas preferentes, igual que condenou os desafiuzamentos con carga policial. Cada vez que unha familia era botada da súa casa a paus o rei estaba alí, na Zarzuela ou no Palacio Real. 

O rei condenou aos cataláns, certo, pero como antes condenou o franquismo (sabido é que os Borbóns aceptaron o nomeamento do dictador para subverter o réxime desde dentro)

 

Da mesma maneira condenou os excesos mafiosos das empresas enerxéticas, a reforma laboral que relegalizaba a escravitude e a lei mordaza que laminaba os dereitos políticos fundamentais. Condenou a homofobia e as inmatriculacións da Igrexa, no seu día condenou a desastrosa participación na guerra de Irak, como agora condena os atropelos aos dereitos humanos en Arabia Saudí ou a evasión de impostos da lista de Montoro ou a dos papeis de Panamá, ou a espionaxe do goberno aos rivais políticos desde o ministerio do interior. O rei condenou sen matices a corrupción familiar ou a milagre dos pans, os peixes e os milleiros de millóns que lle aparecían ao abdicado emérito en contas de Suíza e de países que nin sabiamos que existían. Ou a corrupción rampante da outra “familia política”, a do PP.

Dígoo hoxe e berrareino aos catro ventos mil veces, as que faga falta: O rei fala claro e non deixa pasar unha. Viva El-Rei!

Comentarios