mércores 19.02.2020

Reciclar o discurso: Carta aberta aos anfitrións do Cumio do Clima

A cuarta feira, 11 de decembro, declarouse un incendio nunha nave de reciclaxe de residuos industriais en Montornès del Vallés, Barcelona. O fume foi especialmente tóxico e pedíuselle á poboación que se recluíse na casa. Precisáronse 25 dotacións de bombeiros para sofocalo e os vertidos contaminados de disolventes chegaron ao río Besòs. Isto sóame e nun par de horas en google atopo a seguinte información sobre 2019:

22/1 Pedregón, La Rioja. Arde unha planta de reciclaxe sen permiso de funcionamento desde 2012. Desde aquela cambiou de propiedade catro veces e abríronlle varios expedientes por mala xestión dos residuos, pero seguíu a funcionar. Protección Civil pide “que se evite a ventilación dos fogares e se extremen as precaucións porque este tipo de gases, se accede aos inmobeis, pégase ás paredes e enseres e úle, o que non é bo”. En maio detívose aos autores materiais e o propietario da nave.

2/2 Arinaga, Gran Canaria. Arde unha nave de reciclaxe con “residuos de material”. Uns meses antes ardera a nave adxacente, adicada á reciclaxe de metais.

12/2 Cervera del Maestre, Castelló. Precísanse 700.000 litros de auga para sofocar o lume noutra planta de reciclaxe.

28/2 San Fdo de Henares, Madrid. Arde planta con 600 Tn de resíduos.

5/3 Almendralejo. Nave de reciclaxe con 200 Tn de papel e 1000 litros de gasoil. O xefe de bombeiros quéixase de que é o sexto lume na mesma nave, todos iniciados “nun momento no que a empresa estaba pechada e sen traballadores no interior. Que cadaquén tire as súas conclusións”. Estas explicacións son unha constante, como a mención da impresionante coluna de fume negro e a constatación de que a situación está controlada.

12/3 Alcorcón. Arde unha nave de reciclaxe con “residuos de material”.

En marzo infórmase que “a alarma xerada polos incendios en plantas de reciclaxe está a provocar unha vaga de cancelación de seguros. Os empresarios afirman que se están a magnificar os sinistros. Equo denuncia que se ten soterrado lixo en campos de laranxeiras en Orihuela e Murcia, e que nos anos ’90 se descubriran almacenamentos de residuos hospitalarios en antigos garaxes mecánicos.

19/ 4 Vinaderos, Ávila. Arde planta de reciclaxe de residuos e áridos.

14/5 Dos Hermanas, Sevilla. Arde nave de reciclaxe de papel e cartón.

23/5 Torralva de Calatrava, Ciudad Real. Arde nave con papel, cartón e plástico.

4/6 Viana, Nafarroa. Arde planta de reciclaxe de bagazo, madeira e serrín.

9/6 Riba-roja, Valencia. Arde nave de reciclaxe.

14/6 Arnedo, La Rioja. Arde planta de reciclaxe.

16/6 Crevillent, Valencia. Arde nave de reciclaxe de caucho.

23/6 Madridejos, Toledo. Na noite de San Xoan arden dúas naves de reciclaxe.

27/6 Armilla, Granada. Segundo incendio en nove días. “A priori non existe relación entre ambos sucesos”.

27/6 Calatayud. Arde planta de reciclaxe.

9/7 Linares. Arde planta considerada “a xoia da coroa do sistema integral de recollida en Xaén”. Primeira hipótese: “autocombustión espontánea por acumulación de materiais”. Xenial!

10/7 El Campello, Alacant. Arde nave de reciclaxe de colchóns.

22/7 Lucena. Arde planta de “sub-reciclaxe(...)por material altamente combustíbel”.

22/7 Almería. Lume no vertedoiro municipal.

1/8 Chiloeches, Guadalajara. Arde planta de neumáticos altamente tóxicos.

2/8 Mos. Arde nave de reciclaxe en Mos.

10/8 Cehegín, Murcia. Arde nave de reciclaxe de plásticos.

11/8 Constantí, Barcelona. Arde planta de reciclaxe de papel e plástico

18/8 Vilamarxant, Valencia. Arde nave dunha empresa de reciclaxe.

30/8 Vicálvaro. Arde fábrica de reciclaxe de papel.

7/9 La Algaida, Cádiz. Arde planta de residuos agrícolas(plástico de invernadoiros).

10/9 Alcalá de Henares. Arde nave de reciclaxe de madeira, papel e plástico.

11/9 Motril, Granada. Arde planta de residuos vexetais.

12/9 Porriño. Arde por terceira vez nave de reciclaxe no polígono da Gándara.

13/9 Sevilla. Arde planta de reciclaxe.

20/9 Sanlúcar. Incendio en planta de reciclaxe provoca nube tóxica.

25/9 Pobla de Claramunt, Valencia. Arde nave de papel, cartón e clásico. Perdón, plástico.

26/9 O Salto informa que “a Fiscalía investiga desde marzo 157 incendios en plantas de reciclaxe. Agora xa son 180. A Fiscalía conclúe que non teñen relación.

27/9 Barro, Pontevedra. Arde planta de tratamento de residuos (colchóns). Outro xornal di “de almacenamento”.

28/9 Outra vez Chiloeches, Guadalajara. Arde nave industrial de reciclaxe.

29/9 Torrent, Valencia. Arde unha planta con montañas de toneladas de plásticos, frebas... e outros materiais. O alcalde tranquiliza a xente: “Non hai perigo de intoxicación, malia que o fume sempre é prexudicial”.

10/10 Betxi, Castelló. Arde nave de reciclaxe de pallets.

11/10 Torrent. Volve arder o vertedoiro.

13/10 Venta de Baños. Arde nave de reciclaxe.

7/11 Palma de Mallorca. Arde nave de reciclaxe de papel.

20/11 Ibiza. Arde depósito de vehículos.

29/11 Alacant. Arde nave de papel, cartón... e outros produtos.

Por certo, centos de lumes en naves de reciclaxe pola alta inflamabilidade do material. Ningún en gasoliñeiras.

Pero sexamos xustos, tampouco vai ser todo incendios. En xullo por exemplo vimos un ghichiño en youtube que se gravaba deitando neveiras e lavadoras monte abaixo e entoando: “Ala! A reciclar!”. En novembro nunha aldea de Madrid apareceron 800 kg. de baterías sulfatadas e enferruxadas en bidóns soterrados. Compre diversificar. Por iso España exporta 500.000 toneladas só en plástico a países pobres. En abril Malaisia cansou da humillación e devolveulle cinco containers. O material informático vai a África e os residuos radioactivos sotérranse como as baterías. Iso si, nenos e nenas, cando pechedes a billa lembrade poñela na posición de fría porque se a deixades no medio estragades unhas pingas de auga tépeda.

Saúdos ao Cumio do Clima.

Reciclar o discurso: Carta aberta aos anfitrións do Cumio do Clima
comentarios