Opinión

A Real 'Acomedia' Galega

Téñome dito que non me compensa volver opinar sobre o Día das Letras Galegas. Fíxeno arreo e por escrito e non cambiei de opinión, pero a circunstancia cómica da elección de Filgueira Valverde e o exceso de tempo libre vólvenme aguilloar. A situación é cómica non por risíbel, a non ser que nos refiramos á que a Academia se debe estar descolloando de como nola meten dobrada. É cómica cando un imaxina o proceso de elección, que pode non ser como o vou describir, pero a imaxinación é libre.

Téñome dito que non me compensa volver opinar sobre o Día das Letras Galegas. Fíxeno arreo e por escrito e non cambiei de opinión, pero a circunstancia cómica da elección de Filgueira Valverde e o exceso de tempo libre vólvenme aguilloar. A situación é cómica non por risíbel, a non ser que nos refiramos á que a Academia se debe estar descolloando de como nola meten dobrada. É cómica cando un imaxina o proceso de elección, que pode non ser como o vou describir, pero a imaxinación é libre.

 "A situación é cómica non por risíbel, a non ser que nos refiramos á que a Academia se debe estar descolloando de como nola meten dobrada". 

Seica había catro candidatos e unha candidata: Xela Arias, Celestino Fernández de la Vega, Carvalho Calero e Manuel María, ademais de Filgueira. En principio trátase dun premio literario, dado que a propia Academia se resiste a abrilo a outros ámbitos. Pois ben, se votasen os escritores e escritoras co sistema co que se elixe a se dos xogos olímpicos, non sería de estrañar que Filgueira fose o primeiro eliminado. Como se explica que o pato feo acabe de cisne branco? 

Partimos da base de que non hai subornos (faltaría máis) nin presións externas de gobernantes nin de grupos editoriais que posúan dereitos etc etc, que a algúns lles parecerá moita base para asumir tan alegremente pero sempre hai que confiar na xente, máis aínda nos bos e xenerosos que integran a institución. En Francia aos académicos chámanlles “Os inmortais”, non vos digo máis. Polo tanto supoñemos que cadaquén votou en conciencia.

"Se repasamos as bibliografías dos candidatos e a candidata, os defensores da candidatura de Filgueira deberon ter que facer encaixe de bolillos para que a figura do seu patrocinado non palidecese a carón das outras catro"

Item máis. Se repasamos as bibliografías dos candidatos e a candidata, os defensores da candidatura de Filgueira deberon ter que facer encaixe de bolillos para que a figura do seu patrocinado non palidecese a carón das outras catro, deixando a un lado o seu papel social e político a raíz do golpe franquista e nas décadas que o seguiron, que xa fai falta un lugar cumprido para arrombar semellante papelón. Todo parecía estar en contra pero aquí entra en escena a comedia.

Nos premios literarios, outro escenario de elección, en ocasións polarízanse as posturas ata reducírense a dúas, que coinciden cos textos máis marcados por unha visión estética, e polo tanto ideolóxica, a que sexa. As posturas encónanse e para desatorar a elección acábase na solución de compromiso de premiar unha terceira vía, a que ninguén quere, a máis anodina, que polo menos evita que se impoña o candidato rival. 

"Os partidarios de Filgueira seguiron a estratexia do PP nos comicios electorais". 

A Academia, parte dela, empregou este recurso a medias: polarizar o voto dunha banda. A comedia debeuse representar por teléfono, en reunións en domicilios privados e en cafés e restaurantes... non agochándose pero si con discreción, coma os segredos e apartes do vaudeville. Da outra banda, é lóxico que algunhas e algúns académicos votasen a Xela Arias, merecidamente. É lóxico que outros optasen por C.Fdez de la Vega e outros fixesen o propio con Carvalho Calero e con Manuel María, e arríscome a dicir que ninguén discutiría a elección. Os partidarios de Filgueira seguiron a estratexia do PP nos comicios electorais. 

"Non quero dicir que sexan do PP, non mo tomen a mal. O presidente é mesmo comunista de pata negra, non é?"

Non quero dicir que sexan do PP, non mo tomen a mal. O presidente é mesmo comunista de pata negra, non é? E os e as demais son todos xente estupenda, estupendísima, faltaría máis. Pero igual si cometeron o pecadiño de traballar para que o voto aglutinase a todos e todas os que quixesen evitar que Carvalho Calero xa sabedes… e que Manuel María demasiado posicionado… e que Xela Arias, xa tivemos a Lois Pereiro. Celestino sería a opción B, a que todos e todas aceptarían sen feridas, pero podendo ter a Filgueira, quen se conforma con Celestino?

Ao igual que en moitas eleccións políticas, se a esquerda concentrase o seu voto como fai a dereita, triunfaría. A pluralidade de opcións é no caso da Academia a trampa para que os progres se esnafren na súa coherencia e na defensa do matiz. Na comedia de Tabernas hai que saber moverse entre bambalinas e entre bastidores. Eu creo que calquera ano destes van por fin admitir a homenaxeados vivos, para poder agasallar como se merece a Xosé Luís Baltar. Ai! Que ben se está no teatro!

Comentarios