Opinión

Hospital de ferro, Xustiza de palla

“Que pesa máis, un kilo de palla ou un kilo de ferro?” preguntabamos de cativos, e raro era quen non sabía o conto que non picase. Propóñovos outra adiviña, e tedes que contestar sen pensalo: “Que vale máis, un millón en cartos públicos ou en cartos privados” O mesmo? Estades seguros? Sen metérmonos a fondo no valor de úso e o valor de troco ímos falar de un exemplo que demostra que os cartos públicos son o equivalente do kilo de palla. 

No prazo de uns días está previsto o comezo da demolición interior do vello Hospital Xeral de Vigo, o Pirulí. A construcción do hospital novo nas aforas deixou o edificio sen uso e a Xunta decidiu que alí se ubique a nova Cidade da Xustiza. Os orzamentos de 2016 incluían aínda partidas para ubicala a carón dos actuais xulgados, onde hai uns anos se erguera un novo edificio que duplicaba a superficie do primeiro e se dispoñía de terreos abondo para as  novas ampliacións, o que deixa ás claras que o cambio súpeto da ubicación non estaba planeado. O non saber que facer co edificio vello, circunstancia coa que non se contara, e as protestas da viciñanza do bairro asustada polo declive comercial da zona, arrimado ás poucas ganas de que o complexo se situase en terreos cedidos polo concello, precipitaron que a Xunta tirase ese coello da chisteira. 

A construcción do hospital novo nas aforas deixou o edificio sen uso e a Xunta decidiu que alí se ubique a nova Cidade da Xustiza

A disxuntiva da renovación ou demolición dos edificios vellos non é simple: compre valorar os custos da propia demolición (mesmo os perigos se están en zonas poboadas) e botar contas do que sobe a renovación integral fronte á construcción nova. Se a calquera nos preguntan que fariamos para dispoñer dun espazo amplo dedicado aos xulgados de unha cidade, todos pensariamos en construílo. Veriamos os recursos económicos dos que dispoñemos, falariamos cos futuros usuarios para ver o que precisan e encargariámoslle a algún arquitecto que deseñase un ou varios edificios con eses parámetros. Pero a Xunta non é calquera de nós e tomou unha decisión política. Por que? Porque os cartos públicos doen menos, son o kilo de palla. 

A dignidade

O traballo do arquitecto neste caso vai ser adaptar un edificio vello a un uso para o que non foi concibido. Hai exemplos a fartar, sen ir máis lonxe o edificio da Tabacaleira na Coruña, tamén para uso xudicial, ou no propio Vigo a conversión do antigo cárcere e xulgados en museu de arte contemporánea. A diferencia é que estes son edificios do patrimonio histórico e o Pirulí non pasa de adefesio franquista dos anos ’50. O proxecto gañador sábeo e xa presenta o traballo coa voz tomada, admitindo que van facer o que poidan, con dignidade. Pero o edificio é o que é.

Que quere dicir isto: “o edificio é o que é”? Pois simplemente que non se axusta ao uso novo pero o cliente sempre ten a razón e hai que darlla, nin falar de demolicións. Vaise levar a cabo unha renovación integral que, circunstancialmente, ten que comezar con demolicións selectivas, por exemplo de todo o interior e varias construccións anexas, pero tranquilos, a estrutura enferruxada do rañaceos dos anos ’50 vaise preservar intacta. Os arquitectos saben que a construcción en altura non é a máis indicada para úso non residencial, hoteleiro ou de oficinas non-privadas, que as infraestruturas públicas deste tipo son máis funcionais e accesibeis cando se distribúen horizontalmente, por algo o proxecto se concibira como “Cidade da Xustiza”.  

A diferencia é que estes son edificios do patrimonio histórico e o Pirulí non pasa de adefesio franquista dos anos ’50

O edificio non ten culpa pero na súa conversión de hospital en xulgados non valerán  os quirófanos, non valen os cuartos dos pacientes, non valen as UCIs, non valen os ascensores, non valen os aparcamentos, non valen os despachos, non valen os alicatados, non valen os tabiques, non valen as portas nin as ventás, non vale a ventilación nin a calefacción, non valen as salas de espera nin os corredores, non vale o chan nin as conduccións eléctricas, non vale a fontanería, non valen os sistemas de telecomunicacións, non valen as escaleiras nin os sistemas de emerxencia, non vale a pintura nin a altura dos teitos, non valen os almacéns, non vale a área de emerxencias, non valen as cociñas nin os comedores, non vale a lavandaría nin os anexos máis novos nos que hai pouco se investiran millóns. Non val nada e por iso se vai tirar todo. O único que polo visto vale é a estrutura enferruxada e apodrecida do ano 1947: esa é ideal. Así parte da poboación viguesa non experimentará o trauma que suporía ver desaparecer o lugar no que naceron e no que os seres queridos deron o último alento: o Pirulí.  

Seguramente ter algo máis que un solar ao que chamarlle Cidade da Xustiza serve para saír do paso e aforrar uns millóns. Se dentro de dez anos nos queixamos porque a instalación non cumpre as expectativas de funcionalidade ou non resolve as necesidades de espazo público… ben, cando cheguemos a ese río, cruzaremos esa ponte. Na ría de Vigo temos o exemplo do Corredor do Morrazo que xa se inaugurou sabendo que ía ter que desdobrarse, e nesas estamos, comprobando que o barato sae caro e pagando o evidente con dez anos de retraso. Pero que carallo! de aquí a dez anos quen sabe onde estaremos todos, cantos galegos quedaremos, cantos pleitos vai haber, se Trump nos embarca na 3ª Guerra Mundial ou se a xustiza se imparte desde a casa por videoconferencia.   

O edificio non ten culpa pero na súa conversión de hospital en xulgados non valerán  os quirófanos, non valen os cuartos dos pacientes, non valen as UCIs, non valen os ascensores...

As novas infraestruturas nas cidades avanzadas empréganse como elementos de reequilibrio urbano e desconxestión, descentralízanse os polos de atracción para favorecer a mobilidade e o desenvolvemento das distintas zonas. Aquí faise o contrario, íspese o santo de As Travesas para volver vestir o do centro, que actúa como trinque e pasarela  única para todas as Administracións, un contramodelo de cidade charramangueira, arcaica e ineficaz, que se mantén porque os orzamentos que sufragan as irresponsabilidades electoralistas son públicos. Coma quen di, de palla.

Comentarios