Opinión

Escolas infantís gratuítas? Non, grazas

Cando se anuncia que todas as escolas infantís van ser gratis o que se está a dicir é que as privadas van ser gratis, porque as públicas xa o eran para as rendas baixas. Habendo tan poucas crianzas como hai hoxe, a maioría da poboación non ten contacto directo coa escolarización infantil na súa familia e moitas persoas van pensar que a medida equivale á instauración do ensino público ou a atención sanitaria universal e gratuíta, un dereito básico que por fin se ve recoñecido, grazas ao PP.

Imos por partes. Non estamos a falar de escolas senón de garderías, xardíns de infancia, un servizo imprescindíbel para quen carece de alternativa pero un luxo para os pais e nais que, podendo apañar sen el, prefiren delegar o coidado dos nenos e nenas nunha empresa especializada. Chamarlle escolas confunde e leva a presionar as crianzas con obxectivos pedagóxicos nocivos para a súa idade pero permite equiparar o grao de urxencia dos fondos públicos destinados a esas empresas co dos que se dedican ao ensino obrigatorio.  

O argumento recorrente para xustificar este tipo de normas que non discriminan entre quen precisa a axuda e quen non a precisa pero se aproveita dela é o conto de que xestionar un sistema semellante atendendo á renda individual de cada familia sería complexo de máis, precisaría de persoal e estruturas custosas e acabaría saíndo tan caro como a implantación universal. Son parvos ou tómannos por parvos? É tan complicado pedir o importe dun cadro do IRPF? Non se pide para o resto das axudas asistenciais? Para as bolsas de estudos, o alugueiro de vivenda, o emprendemento etc? Renunciar a este requisito leva ao extremos de que Jezz Bezos, a persoa máis rica do mundo, reclame as axudas familiares ata o último céntimo na súa declaración da renda. Isto é real.

Nas abas do monte do Castro en Vigo hai unha gardería diante da cal todas as mañás se forman colas e atascos de Audis, Lexus ou Porsches Cayenne dos que descende un proxenitor cunha criaturiña e un carriño de bebé máis caro que o saldo na conta de moitos traballadores esenciais. Depositada a criatura cun par de bicos e un bye bye sweetie, o proxenitor comeza a súa xornada de café, ximnasio e tenda gourmet, non lle chega a mañá a nada pero hai que coidarse. O que acaba de anunciar a Xunta de Núñez Feijóo é un agasallo de milleiros de euros ao ano para estes proxenitores esforzados e para as empresas do sector, que non van baixar os prezos senón aumentalos, en vista do fluxo fresco de cash. Quen son senón os novos beneficiarios da medida? Ou van encherse o curso que vén estas garderías de alto standing coas crianzas das familias obreiras de Sárdoma e de Teis? Igual si. Agardaremos a ver se en setembro os Porsche Cayenne son substituídos por Seat Ibiza e Citroën Berlingo e nós temos que tragar todo o escrito.

Comentarios