Opinión

O ermo cultural vigués

O ermo cultural de Vigo, que a pandemia só agravou, leva camiño de converterse nun caso de estudo. Os museos sobreviven coas constantes vitais á beira do colapso, conformándose con abrir as portas para mostrar as paredes baleiras. Non hai teatro, nin danza, é imposíbel ver unha película en versión orixinal, xa non digamos independente, eliminouse o festival de jazz, pecháronse os locais de ensaio para os grupos de música locais, afóganse as bibliotecas, a escola de artes, os conservatorios...

Compartimos a crítica ás institucións, nomeadamente o concello, que abandonan ou mesmo acosan a cultura nas súas xurisdicións. Mesmo as acusacións tanxenciais de arboricidio: Cada árbore sa que un alcalde arrinca ás agachadas debería pagala cun dedo propio, como mínimo unha falanxe, e sairía gañando, a tonelada por centímetro cúbico.

Porén, se a cultura se encolle e engurra nun espazo dado, algunha responsabilidade terá a xente. As institucións viven na cultura institucionalizada, no caso de Vigo o menú é simple: Nadal, Marisquiño, Reconquista, Bandas populares, Murais, a reclamación dunha biblioteca do estado convertida en munición partidista que se proxecta como ludoteca, fogos artificiais e concertos en Castrelos teloneados polo alcalde-monologuista vitoreado polo seu público. Aquí chegamos. As institucións promoven ou abandonan as manifestacións culturais segundo bailen ao ritmo ou desafinen cos seus intereses institucionais, en función da súa utilidade. 

As persoas do común, tamén as que nos dedicamos á cultura, deberiamos fuxir deste xogo coma da peste. Quen moito se laia do abandono institucional está a proclamar o seu desexo íntimo de que esa cultura reverdeza para formar parte dela, que o financiamento flúa. A cultura pode non ser un programa de eventos das concellarías senón algo consubstancial ás persoas, a tendencia humana a pensar e explicarse a realidade con ironía, a desvear prexuízos e derrubar pedestais, non precisa das institucións para expresarse e non é útil. A arte crítica, excesiva, antipedagóxica, ofensiva, herética, cutre e daniña, é máis “útil” que a arte útil. 

As institucións, todas, explorarán a posibilidade de cooptala, coma quen mata un rinoceronte e coas patas desecadas fai tallos para o salón do chalé. De non ser posíbel, traballarán para poñerlle cambadelas á súa presenza pública. Que esperabades? O que importa é como reaccionamos diante deste comportamento natural das institucións, confrontándonos e satirizándoo, mostrando que o financiamento é a súa obriga, non unha graza que lles dá dereito a subir ao palco e enmerdalo todo, ou rendéndonos para chorar sobre o ombreiro dun espírito melancólico afín. Non vale en ningún dos casos se só se fai en Instagram ou Twitter.

Comentarios