Opinión

Brevedume Viral

Eramos os reis do mambo, co 8K, o Big Data, as máquinas intelixentes e a conectividade total, ata que nos veu visitar a peste e en dúas semanas pasamos do século XXIII á Idade Media.

Troco confinamento de coronavirus por confín dos verdes castros.

Cando non é a alarma terrorista é a financeira, a ecolóxica, a sanitaria, a bélica, a migratoria, a metereolóxica, a circulatoria, a laboral, a emocional, a familiar... A normalidade, pola ansiedade que produce acadala, ten que ser outro tipo de alarma.

Agora a xente vaise poñer a imitar películas, novelas e videoxogos apocalípticos. Que preguiza, pero claro, son os modelos coñecidos e máis vale malo coñecido... As persoas precisan algo ao que aterse, pensar que alguén ten un plan e sabe como poñelo en marcha, Bruce Willis, por exemplo.

Vivimos en arresto domiciliario, non podemos manifestarnos nin reunirnos, as instrucións dánnolas uns militares que din que isto é unha guerra e todos somos soldados, os parlamentos están pechados e as eleccións suspendidas… Xa sei que non é o que parece pero parecer parécese.

Son eu ou agora miramos a toda persoa coa que nos cruzamos como unha fonte de perigo, cando non unha ameaza?

Un can, un can! O meu reino por un can!

Nunca tanto pan se coceu nas casas, o consumo de fariña e fermento multiplicouse nestes días de praga bíblica, coma o de viño: Pan e viño, sobre seguro.

A carón de Manhattan teñen o seu San Simón, a illa de Hart, que ten servido de campo de prisioneiros, psiquiátrico, sanatorio de tuberculosos, encerro dos sen-casa, lazareto, reformatorio, cárcere, centro de rehabilitación ou base de mísiles. Alí foron parar millón e medio de cadáveres cos que non se sabía que facer e agora soterran en foxas comúns a falecidos pola pandemia, con paleadora e cemento, labor en mans dos presos doutra illa próxima, a de Rikers, a un paso de Wall Street e a Torre Trump. Haberá a quen lle pareza contraditorio, eu véxoo dunha lóxica esmagadora.

As enfermeiras facendo batas de hospital con bolsas do lixo ou envurullándose en plástico de cociña son a reencarnación da xente da costa a apañar o chapapote do Prestige coas mans no mar para impedir que chegase ás rías.

O pensamento crítico debe ser anticíclico. Cando o debate público xire unánime arredor do coronavirus, habería que escribir de mecánica, de estética... Hai que escribir de aquilo que a xente non é consciente que lle interesa. Do virus non nos imos ceibar igual, dáse por suposto.

Acabo de consultalo e un dos meus ídolos ten 92 anos. Que se salve Chomsky, por Deus! Que se salve Chomsky!

Arestora, cando os heroes nos saen polas orellas, lembrar a frase de Brecht, unha máis: “Felices os pobos que non precisan heroes”.

Comentarios