Opinión

A bote pronto

A quen lle pareza ingobernábel o novo parlamento do estado español diríalle que non coñece a miña comunidade de viciños, e a cousa vai indo.


A quen lle pareza ingobernábel o novo parlamento do estado español diríalle que non coñece a miña comunidade de viciños, e a cousa vai indo.
                                                                    *
A televisión marcou decisivamente os resultados de En Marea e de Nós, Candidatura Galega. Pode ser. Situou extramuros aos indesexabeis e coas súas pseudoenquisas sobrecociñadas contribuíu a desencadear un efecto fervenza ou dominó na opinión pública, a favor da euforia vigorizante e contra o globo desinchado que a caverna sinalou como tais. Tamén é certo que hai xente que lle ten moita fe á televisión, especialmente os máis vellos.
                                                                    *
Unha persoa, un voto. Como non! A lei electoral é un muro antidemocrático para conter as minorías e as periferias, e cómpre cambiala. Cun reconto proporcional ou a circunscrición única, Nós pasaría en Galiza de acadar cero deputados ou deputadas a un. Como se ve, a diferenza é sustantiva. E se sumamos o prexuízo televisivo, o resultado sería mesmo un 100% superior. Ou sexa, dous. Números cantan.
                                                                    *
PSOE, PP, a mesma merda é. A xente ten un sexto sentido para asentar as coplas e esta merece todo o éxito do que leva gozado. Agora parece que ambos partidos pensan que a repetición das eleccións lles favorecería. Isto é coma quen ve caer un piano na perpendicular da propia cabeza e, en vez de afastarse, comeza a calcular as posibilidades de que unha racha de vento o desvíe.
                                                                    *
Que se buscaba coa candidatura unitaria que todos defendiamos? Non era unha alianza estratéxica heteroxénea, de esquerdas e galeguista, para acadar de vez un grupo parlamentar propio? Heteroxénea non quere dicir que non todos ían ser dos nosos? Entón?
                                                                    *
A candidatura única foi imposíbel polo mesmo motivo que é imposíbel poñer de acordo aos donos dun can de palleiro e unha cadela de raza pura e con pedigree, ou viceversa, para que se crucen. Os cans non porían maiores atrancos pero sempre habería un dono ou outro que morrería antes de ceder. Ou sexa, quen di un... di outro.
                                                                    * 
Falando de cans. Co 100% escrutado confírmase que na cidade máis poboada de Galiza a candidatura de Nós acada case un terzo dos votos que a de Ciudadanos e supera con claridade ao Partido Animalista.
                                                                    *
En Marea leva algúns nacionalistas coma maquillaxe pero o resto son dos malos, o inimigo, o cabalo de Troia. As forzas que caeron na trampa de Podemos acabarán diluídas e sometidas á disciplina da Complutense, na mediocridade absoluta. Como Ada Colau? Que putada, non?
                                                                    *
A nivel do Estado o dato máis doado de adiantar, unha auténtica profecía autocumprida ou día da marmota, é que o resultado de Izquierda Unida (tamén candidatura de unidade popular) vai ser inxusto. Os seus votos van valer infinitamente menos que calquera outro e porán en evidencia a tendenciosidade da lei electoral. E teñen razón. Sabemos que vai ser así e poderiamos redactar a crónica para contalo con anos de antelación. Un case sente a nostalxia por adiantado, coma o can que segrega o cuspe cando se achega a hora da comida. Quen non querería para si esa sensación de expectativa e nostalxia pola verdade e a resistencia heroicas? Nas eleccións galegas, dentro duns meses, disporemos da oportunidade de volver experimentala e, xa volo anuncio, teremos razón. 
                                                                    *
A candidatura de Nós coincidía máis con moitos dos meus principios que a de En Marea, e votei por ela. O problema é que os meus principios non coinciden cos do resto da cidadanía. Con todo, seguirán sendo os meus principios e, se algún día me mudo a unha illa deserta, o goberno rexerase por eles.
                                                                    *
Un dos datos máis difíciles de ignorar e que persoalmente me sacudíu con máis contundencia foi que, mesmo en Pontevedra e en Carballo, onde goberna o BNG cun apoio maioritario e co consenso xeral de que está a traballar de maneira exemplar, o apoio a Nós foi case marxinal. “Si”, dixo a xente, “sei perfectamente que o estades a facer de perlas no concello e por iso vos votei, quero volver facelo, pero aínda así a candidatura na que concorredes non é a máis axeitada neste momento”. Branco e en botella.
                                                                    *
“Que facer?” preguntárase Tolstoi. 
Primeiro: A fidelidade é un valor positivo. Serlle fiel ás persoas que un quere é unha fonte de ledicia para nós e para elas. Cando a fidelidade incondicional se proxecta nunha estrutura política... que sei eu? Ninguén ten dereito a dicirlle a ninguén como debe administrar as súas emocións.

Segundo: O propósito da concorrencia electoral non é a busca da pedra filosofal nin da razón obxectiva. No debate político ninguén ten “a” razón, todo o mundo ten “a súa” razón. Do que se trata é da determinación da nosa posición persoal e relativa no sistema social, a identificación de intereses, a conformación de alianzas con grupos afíns, a adopción de compromisos e metas parciais e transitorias e a valoración da propia forza para presionar a favor delas fronte ao resto dos grupos e terceiras partes. Non é un lazo de sangue nin un camiño de perfección. Non precisamos fe cega en Gas Natural Fenosa para conectarnos á súa rede.

Terceiro: Podemos fuxía de coaligarse co BNG coma dun cable descuberto ou de enxaugar a boca con vinagre: esas siglas danarían os seus intereses entre o electorado galego non nacionalista e por suposto nos medios españois. Se agora toda a militancia nacionalista decidise integrarse a título individual na Marea, a Podemos daríalle un patatús e proporía manter con vida ficticiamente as siglas do BNG para poder vender que con eles non querían tratos, que eles o estado plurinacional si pero a autodeterminación non, o que significa que por unha parte xa ves, e pola outra... que queres que che diga?
 
Cuarto: Que non sei se valoramos axeitadamente as nosas circunstancias e os elementos en xogo. Imaxinade a dous mozos na barra dunha discoteca, co corpo a suar e a copa na man, excitados e eléctricos mentres contemplan como na pista bailan entre risas e despreocupadas Rihanna e Scarlett Johansson. Os ghichiños envían o que queda da copa nun grolo, chocan a man no alto e, mentres camiñan en dirección á pista un deles dille ao outro: “A morena p’a min, eh”.
      Pois iso. Saúde e república, ou polo menos sorte.   

Comentarios